DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto Impulsa Azul presentado este martes na APV

A UVigo impulsa coa Autoridade Portuaria, Arvi, Aclugana, Conxemar e Raxia 29 cursos de balde sobre economía azul no eido mariño-marítimo

Poderán beneficiarse 420 persoas, tanto desempregadas como en activo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 20/05/2025

Autoridade Portuaria, Universidade de Vigo, Conxemar, Arvi, Aclunaga e Raxia Formación anunciaron este martes a posta en marcha  de 29 accións formativas de balde sobre economía azul no eido mariño-marítimo das que se poderán beneficiar ata 420 persoas, tanto desempregadas como en activo, no período 2025- 2027. Foi no edificio  de Sesións da APV durante a presentación dunha nova edición do proxecto ImpulsAzul, liderado pola propia APV e financiado pola Fundación Biodiversidade dentro do programa Empleaverde+, que conta cun orzamento total de 556.120,36 €, e unha axuda da UE de 357.752,85 €.

O obxectivo principal do proxecto, tal e como explicou o máximo responsable portuario, Carlos Botana, é capacitar a persoas desempregadas e traballadoras en sectores da Economía Azul —un dos ámbitos con maior potencial de xeración de emprego— co fin de que adquiran e reforcen competencias que respondan aos retos e oportunidades da transición ecolóxica cara a unha pesca e unha acuicultura sostibles.

Botana estivo acompañado nesta xornada de lanzamento do proxecto pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; pola delegada da Xunta, Ana Ortiz, así como por representantes de Conxemar, Arvi, Aclunaga e Raxia Formación, aos que quixo agradecer o seu compromiso por ofrecer unha formación especializada e de calidade.

Segundo lembrou, desde a posta en marcha da estratexia Blue Growth, capitaneada polo Porto de Vigo desde 2016, formáronse máis de 2.000 persoas e, con esta nova edición de ImpulsAzul, espérase superar as 3.000.

Belén Rubio: “É unha forma de facer innovación social real”

Na súa intervención a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio,  fixo fincapé “na importancia das micro acreditacións e no seu papel na formación”, polo que “este proxecto é unha forma de facer innovación social real”.  Mentres que Ortiz apuntou que “a cadea mar-industria é unha das claves da nosa economía”, polo que “fortalecer as súas bases supón garantir o futuro da nosa cidade” e “desde a Xunta de Galicia traballamos para formar máis e mellor aos nosos mozos”.

Así mesmo, Eloy García, presidente de Conxemar, puxo de relevo que “ImpulsaAzul non é só un proxecto formativo: é unha aposta polo futuro do sector pesqueiro e acuícola, pola súa resiliencia, a súa competitividade e o seu compromiso co medio ambiente” e “Conxemar, como referente internacional, ten un papel protagonista neste proceso de transformación”.

Por último, o presidente de Arvi, Javier Touza, destacou que “o Porto de Vigo e as súas empresas son un verdadeiro hub” e “Vigo é o porto piloto en materia de crecemento azul no mundo”, mentres que para Aclunaga “temos unha comunidade en materia de formación e innovación consensuada e sólida con moitos proxectos de innovación co Porto de Vigo dentro dos grupos de traballo Blue Growth”.

Prioridade para persoas desempregadas 

Tal e como se explicou durante o acto, ao que tamén asistiu o director do Campus do Mar e do CIM-UVigo, Daniel Rey, as 29 accións formativas abarcan diferentes sectores profesionais pertencentes á Economía Azul, incluíndo o sector pesqueiro, o naval, o das empresas comercializadoras e transformadoras dos produtos pesqueiros, así como tamén cursos transversais nos que se abordan aspectos presentes en todos estes ámbitos.

A previsión é alcanzar a participación de 420 matriculados e matriculadas, dándolle prioridade ás persoas desempregadas, aínda que tamén poderán beneficiarse as traballadoras, e contemplándose, ao mesmo tempo, a posta en marcha de medidas de acción positiva que favorezan a participación de mulleres.

Combinarase a docencia presencial, en Galicia e Andalucía, coa formación en liña, para o que se contará cunha plataforma e-learning creada especificamente para este proxecto na que, ademais de facilitarse a comunicación entre o alumnado e o persoal docente, se promove tamén a interacción entre os distintos participantes.

Un dos sectores con maior potencial para a xeración de emprego

A Economía Azul representa un dos sectores con maior potencial para a xeración de emprego. A pesca e a acuicultura empregan entre o 10% e o 12% da poboación mundial e estímase que estas cifras se duplicarán para o ano 2030. Pola contra, os traballos marítimos non resultan atractivos para a poboación nova, o que xera dificultades para que as empresas atopen man de obra coas habilidades e perfís adecuados. Ao mesmo tempo, só na Unión Europea hai aproximadamente 14 millóns de mozos entre 15 e 29 anos con dificultades para acceder ao mercado laboral, o que evidencia a necesidade de xerar oportunidades de emprego para estas novas xeracións de profesionais.