Da man do instituto de investigación Lingua e do Servizo de Publicacións
A UVigo impulsa unha nova colección editorial especializada en lingüística e linguas
Este xoves presentouse na FFT o primeiro libro, dedicado á glotosemiótica
A Universidade de Vigo reforza a súa aposta pola difusión da investigación lingüística coa colección Lingua, unha iniciativa impulsada polo Instituto de Investigación Lingua, iLingua, en colaboración co Servizo de Publicacións. A colección nace coa vontade de dar visibilidade a traballos especializados sobre a linguaxe e as linguas, especialmente aqueles relacionados coas liñas temáticas do instituto, e ofrecer un espazo editorial tanto para novas perspectivas como para a revisión e actualización de achegas clásicas.
Este xoves presentouse no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución o primeiro libro desta nova colección, Glotosemiótica. Integración del signo lingüístico de F. de Saussure en la semiótica de Ch. S. Peirce. No acto o autor, Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático xubilado da Universidade Autónoma de Madrid, estivo acompañado polo director do Servizo de Publicacións, David Tizón; o director e a secretaria do instituto Lingua, Javier Pérez Guerra e María del Carmen Méndez, e a delegada de Publicacións do iLingua durante o período de traballo deste primeiro volume da colección, Mª del Carmen Cabeza.
Tal e como se explicou durante a presentación, este primeiro libro da colección, de máis de 500 páxinas, aborda o diálogo entre dúas grandes tradicións do pensamento sobre os signos e a linguaxe: a semioloxía de Ferdinand de Saussure e a semiótica de Charles S. Peirce. A partir da integración do signo lingüístico saussureano no marco teórico de Peirce, Moreno Cabrera propón unha reflexión sobre os fundamentos da significación e as posibilidades de conexión entre ambas as perspectivas.
Espazo para a investigación lingüística
María del Carmen Cabeza explicou que a serie nace para dar difusión ás investigacións relacionadas coa lingüística e as linguas, particularmente ás vinculadas coas liñas temáticas do instituto. A súa intención é ofrecer un espazo para explorar novas perspectivas, sen deixar de volver sobre as achegas clásicas da disciplina. “Ofrécese como unha oportunidade para probar camiños novos e tamén para transitar e retransitar os vellos, os clásicos, os de sempre”, sinalou.
Nesta liña, a docente e investigadora de iLingua considera especialmente significativo que a colección se estree cunha obra como Glotosemiótica, que sitúa no punto de encontro entre dúas tradicións que non sempre se consideraron próximas. “Que o primeiro volume sexa Glotosemiótica ten algo de feliz encontro nunha encrucillada sempre intrigante e reveladora: a natureza dos símbolos, a explicación de como funciona a materia coa que construímos a linguaxe”, destacou.
Ao tempo, fixo tamén fincapé na amplitude do traballo de Moreno Cabrera, que incorpora á súa análise as linguas de signos e a escritura, nunha proposta integradora que percorre diferentes ámbitos da lingüística desde unha perspectiva semiótica ampla. “Este libro só pode ser froito da ousadía, do talento e da profundidade analítica de Juan Carlos Moreno Cabrera”, afirmou. Así mesmo, na súa opinión, o volume destaca tamén pola súa capacidade para poñer en diálogo numerosos escritos, tradicións e exemplos, froito da erudición do autor. Nesta liña, amosouse convencida de que esta primeira publicación constituirá un punto de partida para novos traballos.
Unha colección con vocación de excelencia editorial
Pola súa banda, o director do Servizo de Publicacións, David Tizón, destacou o modelo científico e organizativo da colección Lingua, que considera un referente para futuras iniciativas editoriais da institución. “Ten un comité específico da área de coñecemento, está aberta a autores alleos á nosa institución e ten capacidade para captar obras e autores e autoras de gran relevancia”, sinalou Tizón.
A colección conta, segundo explicou, cun comité científico propio e cun comité asesor externo, cunha xestión científica asumida polo iLingua. Para Tizón, estas características sitúana nunha posición favorable para aspirar aos selos de calidade editorial CEA-APQ, promovidos por Aneca, FECYT e UNE. Estes recoñecementos esixen, entre outros criterios, que polo menos o 50 % dos traballos publicados e o 60 % das revisións por pares correspondan a persoas externas á institución editora. “Se dentro de cinco anos o iLingua logra manter o ritmo e publicar cando menos un número cada ano, poderá acadar este recoñecemento de calidade, converténdose na primeira colección editorial da UVigo en conseguilo”, apuntou o director do Servizo de Publicacións.
Tizón, que tamén é lingüista e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, expresou ademais a súa satisfacción polo papel do instituto na proxección académica da Universidade. “É un orgullo ver como o noso iLingua, do que son membro, é quen de axudarnos a proxectar a UVigo cara á excelencia editorial”, concluíu.
Conferencia sobre a palabra ‘zigzag’
A presentación da nova colección estivo acompañada dunha conferencia do profesor Moreno Cabrera, titulada Una incursión de ida y vuelta en zigzag, na que abordou os aspectos icónicos dos ideófonos a partir da análise dunha palabra presente en diversas linguas europeas, africanas e asiáticas: ‘zigzag’.
