Participaron un cento de estudantes dos tres campus
A UVigo impulsa nunhas xornadas a carreira investigadora do seu alumnado de doutoramento
Belén Rubio destaca a importancia da remuda xeracional e anuncia avances no seu convenio colectivo
Arredor dun cento de estudantes de doutoramento e mestrado dos tres campus participaron este xoves na Xornada Coñece a carreira investigadora na UVigo, un encontro formativo, con versión presencial e en liña, deseñado para orientar e promover o desenvolvemento das traxectorias científicas do alumnado predoutoral. “Estas investigadores e investigadoras mozas son o futura da Universidade, a nosa punta de lanza”, salientou a vicerreitora de Investigacion, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, intres antes de inaugurar as xornadas, intre no que estivo acompañada polo director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio Collazo, e o responsable da Asociación de Persoal Investigador da UVigo, APIUVigo, Pablo Fondo.
“Cando se creou a Universidade viñemos moitas persoas e moitos de nós estamos xa preto da idade de xubilación, polo que nos vindeiros anos vai haber moitas oportunidades laborais”, indicou a vicerreitora, facendo fincapé na importancia de facilitar a remuda xeracional nas aulas universitarias. Na súa intervención explicou cal é a carreira investigadora que se ofrece na Universidade de Vigo, salientando que a institución leva anos adherida ao selo de recursos humanos HR, dirixido a atraer e reter talento e dar condicións e facilidades para que o persoal investigador poida ter unha carreira investigadora clara.
“Agora mesmo estamos negociando cos sindicatos un convenio colectivo específico para todo este colectivo, do que tivemos a última xuntanza este luns e que se prevé poida presentarse en breve”, anunciou a vicerreitora, facendo fincapé na importancia de que poidan contar cun convenio e unha mesa de negociación propia onde a futuro poidan negociar as súas condicións, “se ben, neste documento xa se establecen unhas garantías en canto a vacacións, así como salarios en función do tipo de contrato”. Referiuse, así mesmo, ás diferentes modalidades, dependo da etapa na que se atopen , así como tamén ao caso do Persoal de Apoio á Investigación, que tamén entra dentro dese novo convenio. “É importante pór ao día a estes estudantes sobre as diferentes convocatorias ás que poden acceder e que poidan ter acceso a diferentes visións sobre como se desenvolve a traxectoria investigadora na UVigo”, recalcou Rubio.
Que me ofrece o doutoramento?
Tras a intervención da vicerreitora, o responsable de Escola Internacional de Doutoramento, Eido, foi o encargado de afondar en todo o relacionado cos programas de doutoramento, “desde que o alumno ou alumna decide facer a preinscrición e matrícula ata chegar ao momento cumio que é a solicitude de depósito e, por fin, a defensa da tese. Ademais, tampouco quero esquecerme de todo o proceso de seguimento a través dos titores e os directores/as”, indicou Collazo, quen tamén mencionou as diferentes saídas profesionais que teñen os estudos de doutoramento, as vantaxes que supoñen en canto a retribucións, así como á hora de atopar un emprego.
Integrantes de APIUVigo achegan a visión máis práctica
No caso de Pablo Fondo, responsable da Asociación de Persoal Investigador da UVigo, APIUVigo, na que se integran máis de 175 mozas e mozos investigadores e de apoio á investigación, deu a coñecer os detalles da asociación, “que persoas a formamos, os distintos tipos de perfís, incluíndo tanto persoal investigador como persoal de apoio á investigación, cal é o noso labor...”. Na súa intervención apuntou a conveniencia de achegarlles a estes mozos e mozas que inician agora a súa carreira investigadora a súa perspectiva de todo este proceso, “como investigadores que xa levamos certo tempo na Universidade, en distintos puntos da carreira investigadora e en distintos ámbitos de coñecemento”. Acompañado pola súa compañeira Nazaret Blanco, que interveu en liña desde o campus de Ourense, eles foron os encargados de achegarlles a visión máis práctica: que méritos deben ir conseguindo, cales son os mellores xeitos para ir evolucionando dunhas etapas a outras... “en definitiva, a versión máis persoal de todo este proceso”.
Esta xornada constitúe a primeira das actividades previstas no Plan de difusión dos programas de doutoramento da Universidade de Vigo, impulsado pola Área de Captación en colaboración coa Eido.
