DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinado a membros da comunidade universitaria que desexen cambiar os seus hábitos

A UVigo impulsa ‘Ponte en forma’, un programa deportivo para combater os efectos físicos e psicolóxicos da pandemia

A partir dunha entrevista individual, deseñarase un adestramento personalizado

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Rebeca López Villar DUVI 11/03/2021

Despois dun ano de confinamentos, restricións e peches constantes de ximnasios e instalacións deportivas, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo impulsa Ponte en forma, un programa para que a comunidade universitaria retome o exercicio e os hábitos de vida saudables. Aínda que a campaña ten unha duración cuadrimestral, a idea é que serva para consolidar o interese pola práctica deportiva en persoas sedentarias, así como para combater os efectos físicos e psicolóxicos da pandemia da covid-19.

O primeiro paso desta iniciativa consiste na realización dunha entrevista informativa gratuíta na que un profesional identificará as necesidades de usuarias e usuarios, explicando a oferta deportiva da Universidade e os beneficios dos que se poden beneficiar no caso de decidir inscribirse na actividade. As persoas interesadas poden reservar a súa cita para a entrevista inicial a través do Campus Activo e o pagamento do programa será a través do abono mUVer. 

Co obxectivo de neutralizar as consecuencias físicas e anímicas da pandemia

Toni Villar, coordinador da Área de fitness e actividade física saudable, expón que “a saúde da comunidade universitaria viuse afectada, do mesmo xeito que a da sociedade en xeral, non só no aspecto físico senón tamén nos psicolóxicos e sociais, fundamentais para un estado óptimo de saúde”. Tendo en conta que coa situación actual creceron o sedentarismo e os niveis de diversos marcadores de risco de síndrome metabólico asociados coa redución do exercicio, Villar sostén que “a sociedade debe ser consciente da importancia da actividade física, tamén como reforzo do sistema inmune”.

Neste contexto, co desexo de motivar a comunidade “coa proposta de actividades atractivas”, nace Ponte en forma. Villar comenta que a primeira entrevista, na que “non hai ningún tipo de proba”, tenta funcionar como “un contacto para recoller información sobre diferentes aspectos do día a día do usuario ou usuaria”. Neste senso, abordarán conceptos como a alimentación, o descanso, a percepción do deporte, a preferencia por determinadas prácticas dirixidas, etc. As persoas que acudan á entrevista deberán cubrir previamente o cuestionario de aptitude para a actividade física, dispoñible no Campus Activo, co que a organización poderá coñecer e detectar, de ser o caso, problemas que condicionen a realización do plan deportivo. 

Despois da análise da información obtida co formulario e a entrevista persoal, a Área de Benestar, Saúde e Deporte iniciará a planificación dun programa individualizado que se adecúe ás capacidades físicas, necesidades e obxectivos das usuarias e usuarios. Esta táboa de exercicios personalizada incidirá na mellora de diferentes capacidades, como a resistencia cardiovascular, a forza muscular e mobilidade e, sobre todo, “o adestramento funcional, que pode ter repercusións no día a día”. Para avaliar os resultados, a organización fará un “control continuo e constante, tomando datos de composición corporal periodicamente e axudando a novos usuarios e usuarias a interpretar e analizar a información”. 

As instalacións deportivas son espazos seguros 

Aínda que Villar asegura que Ponte en forma dará prioridade ás actividades que se realizan no campus, como o acceso ás salas de cardio-fitness e as clases dirixidas, o sendeirismo e as rutas en bicicleta, non descartan “a posibilidade de realizar programas de adestramento para levar a cabo na casa ou ao aire libre, como o running”.

Sobre a seguridade de ximnasios e salas, a organización recorda que o pasado mes de febreiro a Comisión de Cultura e Deporte do Congreso dos Deputados declarou a actividade física como esencial e destaca que tanto o Ministerio de Sanidade como diversos estudos internacionais sinalan que a porcentaxe de contaxios en centros deportivos é moi baixa, “un 0,28%”. Así mesmo, salientan o labor dos profesionais das instalacións deportivas da UVigo, respectando e vixiando o cumprimento do protocolo establecido: uso de máscaras, ventilación, desinfección, etc.