DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Claustro, celebrado este martes en Ourense, aprobou a creación de Incide

A UVigo impulsa a posta en marcha en Pontevedra dun instituto de investigación centrado nas ciencias do deporte

Manuel Reigosa destaca que 4966 estudantes escollen esta universidade como primeira opción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/07/2025

O campus de Ourense acolleu este martes a última sesión ordinaria do Claustro Universitario da UVigo deste curso académico 2024/2025. Nel, deuse o seu visto e prace á creación do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Incide), que terá como sede a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que nace co obxectivo de converterse nunha plataforma de referencia para o desenvolvemento do coñecemento científico nos ámbitos do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física. Será o primeiro instituto de investigación do campus de Pontevedra e o quinto que se pon en marcha na Universidade de Vigo, abranguendo once liñas de investigación e propósito tanto de contribuír á potenciación dos estudos neste eido como da transferencia do coñecemento á sociedade e ao tecido deportivo. A sesión contou tamén co informe do reitor, Manuel Reigosa; o balance anual do goberno e os informes de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo, da Valedora Universitaria e de transparencia na UVigo, correspondentes ao ano 2024. A petición de Nós Universidade, retirouse da orde do día a aprobación da creación da comisión para o estudo de novas titulacións e novos modos de docencia. 

O primeiro instituto de investigación do campus de Pontevedra

Coa aprobación por asentimento da súa memoria e do seu plan estratéxico, o Claustro deu nesta xornada o seu visto e prace á creación do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Incide), que deberá ser ratificada polo Consello de Goberno e do Consello Social. Con sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, converterase no quinto instituto de investigación da UVigo e no primeiro impulsado no campus de Pontevedra. Así o explicou a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen incidiu en que, no marco da aposta pola creación deste tipo de organismos, detectouse “a necesidade” de impulsar un centrado nunha área “na que somos fortes na Universidade”, como son as ciencias do deporte.

Promovido por doce docentes, o Incide ten como investigadores garantes os catedráticos Carlos Ayán, Roberto Barcala, José María Cancela e Carlos Lago. O seu propósito, salientou Rubio, é converterse nunha “plataforma de referencia para a promoción e o desenvolvemento do coñecemento científico no ámbito do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física”, contribuíndo ao avance do coñecemento científico nestes ámbitos “e á mellora da calidade de vida da sociedade”. 

Segundo recolle o documento aprobado nesta xornada, o Incide nace “co propósito de contribuír de xeito multidimensional aos retos da práctica de actividades físico-deportivas na sociedade actual”, polo que foi concibido como un “centro multidisciplinar”, que parte dunha “visión ampla do deporte”. Con ese obxectivo, defínense once liñas de investigación prioritarias, que abranguen a análise do efecto da carga de adestramento e competición en deportistas de elite, o exercicio físico en persoas maiores e en poboacións especiais, o rendemento deportivo a través da metodoloxía observacional, a avaliación da competencia motriz ou a epidemioloxía da actividade física e saúde pública. O adestramento e a análise do rendemento en deportes colectivos, as emerxencias na actividade física e no deporte, a praxe docente nestas áreas e a economía do deporte completan as liñas de traballo deste organismo, que centrará a súa actividade tanto na investigación como na transferencia do coñecemento á sociedade e ao tecido deportivo.

Xunto á memoria presentouse un plan estratéxico para o período 2025-2029, que resalta a relevancia da creación do Incide “para o progreso económico e social de Galicia” e no que se definen unha serie de liñas estratéxicas, xunto “cunha serie de indicadores”, explicou Rubio, que permitirán medir o grao de avance na consecución dos diferentes obxectivos. Neste punto, a vicerreitora puxo en valor o traballo desenvolvido polos investigadores garantes para a realización dunha memoria que foi valorada “moi favorablemente” por dous avaliadores externos e que foi modificada tras as alegacións presentadas á súa versión inicial no período de exposición pública. Nesa mesma liña pronunciouse tamén o reitor, quen destacou o traballo desenvolvido polo catedrático Carlos Lago, “non sendo aínda director do instituto”, á vez que apuntou que se trata do “quinto e derradeiro instituto” que o equipo de goberno prevía impulsar neste mandato, co propósito de que “poidan logo competir nas convocatorias tanto estatais como galegas”.

Da preinscrición ás contas anuais

A sesión celebrada en Ourense arrancou co informe do reitor. Nel, Manuel Reigosa adiantou que a cifra de estudantes que, tras superar as probas de acceso á universidade, acaban de escoller na súa preinscrición como primeira opción de matrícula a Universidade de Vigo ascende a 4966, 235 máis que en 2024, cando foron 4731. Esta cifra supera a de prazas ofertadas, que é de 3527. Amosando a súa satisfacción por estes primeiros datos e á espera de ver como se vai completando a matrícula en cada titulación cos diferentes chamamentos, apuntou de xeito especial que “hai que mirar cunha ollada de futuro para, naquelas titulacións nas que haxa dificultades, tomar as medidas correspondentes”.

O reitor tamén se referiu á aprobación do novo grao en Dereito que impartirá a Universidade Intercontinental da Empresa tras a aprobación por parte do Consello Galego de Universidades, por 12 votos a favor e 7 en contra. “Espero que aquí teñamos unha postura forte para defender Dereito na universidade pública, porque temos xa catro magníficas facultades no sistema universitario galego público”, afirmou. Neste senso anunciou que esta semana está previsto que se reúnan as tres universidades galegas e os decanatos das súa facultades de Dereito para “ver se entre todos somos quen de preparar un recurso” contra “algo que entendemos que incumpre a lei galega de universidades”.   

No eido docente, o responsable académico indicou que tanto a Planificación Docente Anual (PDA) como o Plan de Organización Docente (POD) saíron “en tempo e forma”. Manuel Reigosa fixo un repaso pola evolución das prazas de profesorado e nel detívose nas 42 convocadas no programa María Goyri e nas 36 do contrato-programa de 2025, programas que, apuntou, “son prioritarios”. Tamén falou de convocatorias como as de 32 prazas de profesorado permanente laboral, 31 de titular e 30 de catedráticos. Igualmente citou as sete prazas da oferta de emprego público do persoal técnico de xestión e de administración e servizos (PTXAS). 

As contas anuais do exercicio 2024 foron outro dos temas que se abordaron neste claustro. O reitor indicou que o orzamento definitivo de ingresos da UVigo acadou os 278.180.104,68 euros, apuntando que “tivemos máis ingresos dos que estaban estimados”; que o resultado orzamentario axustado ascende a 1.765.490,75 euros e o remanente de tesourería non afectado é de 10.119.086,53 euros. Neste punto comentou que o informe de auditoría operativa sobre procedementos de xestión económica realizado foi positiva e que nela se pediu e se fixo un cambio de criterio contable que fai referencia a como se contabilizan os créditos que se incorporan plurianualmente. “Isto fai que o resultado final non sexa se queredes tan brillante como tiñamos no inicio nas contas provisorias pero aínda así creo que sigue sendo especialmente salientable”, dixo Reigosa.  

O traballo das vicerreitorías

Na sesión, o reitor tamén fixo o balance anual de goberno, dos obxectivos conseguidos en cada unha das vicerreitorías no terceiro ano de mandato. Arrancou destacando os resultados acadados na Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación coa súa “aposta pola investigación de excelencia en todas as áreas do coñecemento”. Isto, detallou, desenvólvese potenciando os centros de investigación Cigus xa existentes mediante o establecemento dun contrato programa, o apoio aos centros colaborativos e outros centros interuniversitarios así como apoiando os institutos universitarios xa creados na UVigo e promovendo a creación do novo Instituto en Ciencias do Deporte. Igualmente sinalou aspectos como as convocatorias de retención de talento e a incentivación á consolidación investigadora e como “cada vez medra máis a transferencia a alto nivel”. En Profesorado e Ordenación Académica, lembrouse que se convocaron todas as prazas de catedrático e titular universitario da oferta de emprego público do ano 2023 e parte da oferta de profesorado permanente laboral. Tamén se sinalou a aprobación dos contratos-programa cos departamentos para os cursos 2024/25, 2025/26 e 2026/2027, a aprobación entre 31 e 34 prazas de profesorado axudante doutor por curso e a convocatoria de 42 prazas de profesorado axudante doutor polo Programa María Goyri correspondentes ao ano 2024 e seis do ano 2025 a petición dos departamentos implicados. 

En Titulacións e Innovación Docente, Manuel Reigosa indicou que no caso da creación da Facultade de Enfermaría “a Universidade de Vigo xa fixo todo o que tiña que facer” estando á espera dos seguintes pasos, entre eles a sinatura do convenio do protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e as tres universidades do SUG. Tamén destacou que estaba previsto que este mes houbese xa xuntanzas para empezar a falar de que novos títulos de grao se ían pór nos sete campus galegos, “pero como chegou o tsunami de Medicina eu non vexo moitas posibilidades de que cheguemos a ningún tipo de acordo neste senso”. En Planificación e Sostibilidade destacouse a aposta da UVigo por reducir a súa pegada na contorna, sinalando que as novas instalacións solares previstas e as restantes obras e instalacións encamiñadas a melloras da eficiencias supoñen unha redución anual estimada de gases de efecto invernadoiro de 2540 t equivalentes de CO2 por ano. Tamén se falou de Sigma e detallouse as mudanzas que se están facendo, entre elas no desenvolvemento de ferramentas propias, e da súa estabilización na infraestrutura de servizos da UVigo. 

Polo que respecta á Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade o reitor destacou o traballo que se fai en captación de talento en colaboración cos diferentes campus e centros da UVigo e o feito de que “seguimos medrando” no número de estudantes que elixen esta institución académica para estudar como primeira opción. Durante o seu balance tamén puxo en valor o traballo feito en Internacionalización, subliñando que tras a aprobación do seu I Plan de Internacionalización a UVigo están avanzando neste eido nas súas diferentes vertentes, desde a regulación e mobilidade ata captación de talento e desenvolvemento de actividades. Xa en Comunicación e Relacións Institucionais sinalou que a institución académica ten conseguido “ter unha imaxe de marca bastante potente” e destacou o traballo realizado no último ano para o seu posicionamento nas redes sociais. Igualmente, o reitor afirmou que a Vicerreitoría de Extensión Universitaria “está facendo as cousas moi ben”, con diferentes acción tanto nas áreas de Cultura e Deporte como de Normalización Lingüística. 

No que respecta ao campus de Ourense Manuel Reigosa dixo que a acreditación do seu proxecto de especialización Campus Auga en 2024 supuxo “un antes e un despois” e “está sendo moi positivo para a mobilización de todo o campus de Ourense, non só do propio Campus Auga”. Ademais, apuntou o inminente arranque das obras para construír o edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Por último, no caso do campus de Pontevedra comentou que tras a aprobación do Plan estratéxico 2024-2027 para o seu campus de especialización CREA, en breve agárdase proceder á súa acreditación, indicando que estase facendo todo o proceso “moi ben”. Fóra do que é o balance das vicerreitorías, o reitor tamén falou de aspectos como os acordos acadados co PTXAS e o papel do novo servizo de recursos humanos de investigación. 

Tras os dous informes do reitor, houbo unha quenda de intervencións. Entre elas, desde Nós Universidade, Coral del Río indicou que na súa opinión estase “nun fin de ciclo” e puxo en dúbida o relato do actual equipo de goberno da UVigo “de que fan un bo labor na administración dos recursos económicos” apuntando que anteriormente xa advertiran dos “riscos financeiros nos que está a incorrer a UVigo”. Neste senso, José Carlos Álvarez Villamarín lembrou que cando os orzamentos de 2023 foron presentados no claustro “diciamos que con eses orzamentos e cos datos que estaban neses orzamentos había moitas dúbidas sobre o resultado posterior na universidade, de que había moitos riscos, de que neses orzamentos había desequilibro corrente”. 

Último informe de Esther Pillado como valedora universitaria

Como viña acontecendo nos últimos anos o informe da Valedoría Universitaria confirmou a tendencia crecente dos expedientes e das consultas, “o que non debe levar necesariamente á conclusión dun aumento da conflitividade na universidade”, explicou Esther Pillado, no que, tal e como ela mesma anunciou, será o seu último informe ante o Claustro como valedora universitaria. “O meu mandato, de seis anos, empezou o 15 de outubro de 2019 e, polo tanto, achégase ao seu fin, polo que para a próxima memoria será outra persoa a que colla testemuña da Valedoría Universitaria”, apuntou Pillado, quen aproveitou para dar as grazas “pola confianza depositada en min” para levar a cabo un labor ao que se referiu como “moi gratificante e intenso”. Admitiu “marchar satisfeita se nalgo axudei a mellorar a vida da comunidade universitaria e pido desculpas se nalgún intre non estiven á altura do que se agardaba de min”, subliñou a valedora, a quen o reitor agradeceu todo o traballo realizado á fronte da Valedoría.

No que ao informe da valedora se refiere Pillado explicou que no ano 2024 confírmase a tendencia á alza dos expedientes (nun 4%), pero sobre todo chama a atención o crecemento das consultas nun 41% fronte ao 2023”. Este incremento do número de peticións de intervencións débese, ao seu modo de ver, a un conxunto de factores: dun lado, a maior visibilidade que foi acadando este órgano e a confianza nel depositada da comunidade universitaria como instrumento de control; doutro lado, un maior coñecemento por parte do alumnado, o PDI e o PTXAS dos seus dereitos e de como exercelos. “Agora ben, non se pode deixar de sinalar que, sobre todo os colectivos de PDI e PTXAS, están dirixindo á Valedoría Universitaria unha serie de queixas, reclamacións e consultas que evidencian situacións de tensión na aplicación dos procedementos e normas vixentes”, salientou a valedora.

Coma en anos anteriores, a maioría dos expedientes refírense ao estudantado (59%), seguido a bastante distancia polo profesorado (21%) e polo PTXAS (20%), se ben neste último a porcentaxe vai en aumento. Outro tanto acontece coas consultas, das que o 58% proceden do estudantado, o 35% corresponden ao profesorado, mentres que as do PTXAS representan un 7% do total das recibidas.

Os motivos que levaron a abrir expedientes no sector do estudantado están relacionados, sobre todo, coas avaliacións, bolsas, docencia en liña, Erasmus, exención de prezos públicos, taxas, matrícula… No sector do PDI, as queixas céntranse na aprobación de actas de consello de departamento, na avaliación de actividade docente, na avaliación por compensación... No caso dos PTXAS as queixas refírense á RPT, acción social por incapacidade permanente total, axuda do fondo social, cambios de quenda...

Elevado grao de cumprimento das obrigas de transparencia 

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, asegurou no seu informe sobre transparencia que a UVigo mantén, ao igual que en anos anteriores, un alto grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa, relativa a cuestións como información institucional, organizativa e de planificación, de relevancia xurídica, económica ou estatística; así como información sobre a actividade docente, investigadora, de transferencia ou de extensión. En relación co dereito de acceso á información pública o número de peticións nestes dous últimos anos está estabilizada en preto de 30 anuais, rexistrándose en 2024 un total de 29. Sobre o tempo medio de resposta incrementouse pasando dos 33 aos 42 días. Así mesmo, este ano rexistráronse dúas reclamacións ante a Comisión de Transparencia de Galicia. 

Con respecto ao Portal de Transparencia destacou Reboreda que nesta anualidade publicáronse 148 actualizacións de información, unha cifra menor que o ano anterior, porque non se puideron actualizar uns 70 ficheiros por problemas informáticos. En relación coa reputación con respecto á transparencia, a vicerreitora confirmou que a institución mantén unha boa posición nas clasificacións de transparencia realizadas por entidades externas. Reboreda sinalou ademais que se mantén a necesidade de cumprir a obrigación recoñecida no Regulamento de Transparencia da institución en relación a ter un Portal de datos en Aberto, que se ve reforzada polo mandato da Lei orgánica do sistema universitario, aprobada en marzo do 2023.

“Bo progreso” na execución do Plan Estratéxico 2021-2026

Outro dos puntos desta sesión do Claustro foi a presentación do informe de seguimento e avaliación anual do Plan 2021-2026 da UVigo, no que se dá conta do grao de avance na consecución dos obxectivos establecidos neste documento, permitindo “identificar as fortalezas e as debilidades da Universidade no seu camiño cara ao logro dos seus obxectivos estratéxicos e a mellora continua na calidade do ensino, investigación e xestión, e unha maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos públicos”. 

Segundo explicou Mónica Siota, coordinadora do Plan Estratéxico, dos 29 obxectivos e 118 accións que se incluíron inicialmente no Plan Estratéxico, actualmente pasouse a 30 obxectivos e 124 accións. Desas 124 accións, 11 xa foron completadas (8,9%), 91 xa están iniciadas (73,4%) e só 22 están aínda pendentes de iniciarse (17,7%), “o que pon de manifesto un bo progreso na execución do Plan Estratéxico”.

Ademais, no seguimento do 2024 percíbese a tendencia á mellora xeneralizada dos valores dos indicadores, con evolución positiva do 54,8% dos avaliados. A diferencia do seguimento de 2023, no 2024 hai algúns indicadores con evolución negativa, pero só representan o 8,5% dos indicadores avaliados, como indicaba Siota. O outro 36,6% presentan unha situación estable. 

Neste punto, entre outros membros do Claustro, interveu o profesor Xosé Henrique Vázquez, en nome de Nós Universidade, que sinalou varias eivas dun documento de seguimento “que debería servir para axudar a axustar decisións e reasignar recursos, pero se non permiten avaliar avances nin formular aprendizaxes, perde a súa razón de ser como instrumento de gobernanza”. Como propostas de mellora, Vázquez aposta polo despregue de ferramentas de xestión que permitan facer seguimentos, incluso en tempo real; que se dispoña dun cadro de mando e que todos os obxectivos do plan teñan indicadores clave fáciles de entender e medibles, marcando metas concretas e contando con datos actualizados. 

Medicina centra o debate na quenda de intervencións

A demanda do equipo de goberno da UDC de solicitar o pasado mes de maio a implantación dunha facultade de Medicina centrou a quenda de intervencións coa que se pechou o Claustro. A solicitude do catedrático Jacobo Porteiro para que órgano de goberno da UVigo solicite unha facultade se finalmente se confirma a posibilidade de que haxa dous centros no SUG nos que se imparta Medicina, estivo precedida polo seu recordatorio de que se trata “dunha demanda histórica”, ademais de que procede da área sanitaria máis grande de Galicia e na que se desenvolve unha potente actividade investigadora no ámbito sanitario. Porteiro asegurou botar un falta “un posicionamento claro por parte do equipo de Goberno da UVigo”, ao tempo que manifestou a súa preocupación porque se estean a negociar outras titulacións que compensen unha hipotética perda de Medicina.

O reitor apelou na súa intervención á lealdade institucional e ao respecto aos acordos sobre titulacións acadados no seo do Sistema Universitario Galego, aínda que no caso do de 2015 sobre Medicina recoñeceu “que á UVigo non lle valía para nada, pero nós non dimos o paso da UDC”. Manuel Reigosa asegurou que cómpre abordar as necesidades sobre titulacións con mirada ampla e antepoñendo as necesidades do estudantado e da sociedade galega. “Pelexarei por un acordo que sirva aos intereses das galegas e galegos”, dixo o reitor, que tamén deixou claro que “se se abre a porta a unha segunda facultade de Medicina estamos tan ben posicionados como a UDC”. Reigosa que, avanzou que as próximas xuntanzas da comisión que coordina se celebrarán en Santiago e Vigo os días 21 e 31 de xullo e continuarán en agosto, dixo que deixa aberta unha porta á esperanza para chegar a un acordo, “pero chegado o  caso defenderei os intereses localistas do sur de Galicia”. 

A revisión das normas, as listas de agarda e a xornada laboral do PTXAS foron algunhas das cuestións ás que se referiu Federico Fernández na súa intervención, que sucedeu a de José Ángel Álvarez Moreira en representación do estudantado. Pola súa banda, Juan José López referiuse a varias cuestións que afectan ao colectivo predoutoral como retención do IRPF nas axudas Eramus+ e de mobilidade da Xunta; a participación en proxectos no estranxeiro ou os prazos de incorporación ás prazas.