DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada desde o CIM polo grupo de investigación PhystoFish

A UVigo impulsa vocacións na acuicultura cunha xornada dedicada ao rodaballo, especie clave para Galicia

Especialistas do ámbito académico e empresarial destacaron o potencial estratéxico deste sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 02/12/2025

Con motivo do Día Mundial da Acuicultura, celebrado o pasado domingo, o grupo de investigación PhsytoFish do Centro de Investigación Mariña,CIM, da Universidade de Vigo organizou este luns unha xornada divulgativa centrada nunha das especies máis emblemáticas da acuicultura galega: o rodaballo, Scophthalmus maximus. O obxectivo: achegar o alumnado universitario ao mundo da investigación mariña e atraer novo talento a un sector estratéxico para Galicia, non en van o 90% da produción europea deste especie procede desta comunidade, tal e como se indicou na propia xornada.

A través da combinación de ciencia, transferencia de coñecemento e gastronomía amosóuselle ao alumnado as múltiples oportunidades profesionais e de especialización que ofrece a acuicultura, unha das áreas prioritarias de investigación do CIM e un motor fundamental para o futuro da economía azul.

Importancia da colaboración público-privada 

A sesión, inaugurada polo vicedecano da Facultade de Bioloxía e investigador do CIM Jesús Míguez, catedrático da Área de Fisioloxía, contou coa participación de Joaquín Macías Sancho, responsable da Unidade de Saúde Animal I+D en Stolt Sea Farm, empresa líder en acuicultura especializada na cría e subministro de rodaballo e linguado. Na súa intervención, explicou a realidade da produción de rodaballo en Galicia e o papel clave da colaboración entre centros de investigación e empresas á hora de xerar innovación e emprego cualificado. Así mesmo, salientou como nos últimos anos esta firma está a reforzar a súa aposta polo benestar animal, facendo fincapé na necesidade de investir en I+D, así como na importancia de impulsar fórmulas como o doutoramento industrial. 

Nesa liña, Carlos Andrés Ramírez Rodríguez, investigador do doutoramento industrial entre o CIM-UVigo e a empresa Stolt Sea Farm, impartiu unha charla centrada no benestar animal e na fisioloxía do rodaballo, amosando como a investigación aplicada permite avanzar cara a unha acuicultura máis sostible e eficiente. O seu traballo está centrado en mellorar o benestar dos peixes planos en cultivo mediante técnicas avanzadas como a electroencefalografía e o desenvolvemento de ferramentas non invasivas para avaliar o estrés.

A maiores, a xornada contou tamén coa presenza da Sociedade Española de Acuicultura (SEA), representada neste caso pola investigadora do PhystoFish do CIM Cristina Velasco, quen se encargou de presentar a entidade ao alumnado, reforzando a importancia de impulsar novos perfís profesionais e de formar especialistas capaces de responder aos retos actuais do sector.

Gastronomía que conecta ciencia, cultura e talento

Como colofón, a xornada incluíu unha demostración de cociña a cargo de Omichi Ramen&Bar, na que as persoas asistentes puideron degustar unha tapa elaborada con rodaballo preparado ao momento. Tratouse de aproximar ao público máis novo ao valor gastronómico, económico e científico da especie, reforzando a importancia da acuicultura como disciplina transversal que combina investigación, innovación, industria e cultura mariña.

Un sector con futuro que demanda profesionais

Desde o CIM aproveitaron a celebración desta xornada para destacar que a acuicultura está chamada a xogar un papel fundamental no futuro da alimentación sostible, a conservación mariña e a economía azul, polo que resultan esenciais accións de divulgación que esperten novas vocacións científicas e permitan captar talento entre o alumnado universitario.