Seleccionados na convocatoria de axudas da Xunta de Galicia, cofinanciada polo Programa FSE+
A UVigo incorpora 20 investigadoras e investigadores predoutorais
Nos próximos catro anos, desenvolverán as súas teses en 13 programas de doutoramento
Un total de 20 investigadoras e investigadores novos, 13 mulleres e sete homes, desenvolverán ao longo dos próximos catro anos as súas teses de doutoramento na Universidade de Vigo, tras ser seleccionados na convocatoria de axudas de apoio á etapa predoutoral impulsada pola Xunta de Galicia neste 2024. Cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+ 2021-2027, esta convocatoria achegará á UVigo preto de 2,3 millóns de euros, destinados a sufragar os contratos destes investigadores e investigadoras durante catro anos, así como estadías de tres meses no estranxeiro, que lles permitirán conseguir a mención de doutor ou doutora internacional, e un período de orientación posdoutoral.
“Sempre é unha boa nova para a Universidade de Vigo que se incorpore xente nova para continuar a súa formación no máximo nivel que podemos dar, que é o doutoramento”, sinala a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, respecto da consecución desta vintena de axudas, nunha convocatoria dirixida a potenciar traxectorias de investigación vinculadas aos retos e prioridades definidos na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027. Rubio destaca tamén o positivo de incorporar novas e novos investigadores, que desenvolverán as súas teses en 13 programas de doutoramento, nun “momento no que necesitamos remuda en case todos os departamentos”, polo que, sinala, “virá moi ben ter doutoras e doutores preparados para dar ese relevo”.
“Un valor engadido” ao traballo investigador
As contratadas e contratados desenvolverán os seus estudos en 14 grupos de investigación, sendo BiFeGa o que incorpora un maior número de investigadores, un total de catro. Unha delas é Mafalda Pereira (Lisboa, 1998), licenciada en Estudos Portugueses pola Universidade Nova de Lisboa e mestra en Estudos Literários, Culturais e Interartes pola Universidade de Porto. Baixo a dirección de Burghard Baltrusch, Gonçalves Pereira desenvolverá a súa tese no doutoramento en Estudos Literarios, a través dun acordo de cotutela, que prevé poida asinarse en breve, coa Universidade do Porto, na que contará coa orientación da profesora Marinela Freitas. Como “unha grande oportunidade e un valor engadido ao meu traballo investigador”, define Pereira este contrato, que non só lle achegará “a estabilidade necesaria para cumprir todos os obxectivos” do seu proxecto, senón tamén “a posibilidade de impartir docencia, que é unha das miñas grandes paixóns”.
A súa tese centrarase no estudo da obra de Ana Luísa Amaral (1956-2022), “unha das poetas portuguesas máis importantes do panorama literario internacional contemporáneo”, nomeada Escritora Galega Universal en 2022 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e galardoada co Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana en 2021. “Dado que a súa obra aínda non foi amplamente analizada a partir da súa relación cos estudos feministas e a teoría queer”, explica, o punto de partida do seu traballo será “o estudo da noción de escritura queerente”, que a Amaral propuña, sen relacionalo coa súa poesía, nun dos seus ensaios e que a investigadora considera un concepto “fundamental para comprender a dimensión política e social da súa obra”.
A posibilidade de “contribuír á mellora da sociedade”
Os contratados e contratadas desenvolverán o seu labor en sete facultades e escolas dos campus de Vigo e Ourense e no CINBIO, sendo os centros que incorporan máis investigadores Filoloxía e Tradución, seis, e Ciencias, catro. Nesta segunda facultade desenvolverá a súa investigación a titulada en Enxeñaría Agraria Rocío González (Verín, 1991). Integrante do grupo BV1, González Feijoo centra a súa tese “na avaliación do impacto de nanoagroquímicos na comunidade microbiana de solos agrícolas”. Concretamente, o proxecto que desenvolverá baixo a dirección de Daniel Arenas e Paula Pérez ten como principal obxectivo “sintetizar nanoagroquímicos mediante métodos sinxelos, rápidos, económicos e sostibles e avaliar o seu efecto sobre a microbiota do solo”, a través do seu uso como fertilizantes.
A investigación que levará a cabo no doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria pon o foco na “problemática de contaminación ambiental e de saúde pública causada polo uso convencional de agroquímicos”, avogando pola incorporación destes nanomateriais como “unha alternativa eficiente e respectuosa para a agricultura moderna”. De aí que González poña en valor a “posibilidade de contribuír á mellora da sociedade” que lle outorga un contrato que ve tamén como “unha plataforma esencial para o desenvolvemento das miñas competencias profesionais e académicas, permitíndome participar en proxectos de investigación de alta relevancia. como EnvAgro”.
“Rematar a tese depende do teu traballo”
Nesta convocatoria foron seleccionados proxectos de diferentes áreas de coñecemento e fará posible investigacións como a que Aitor Alonso (O Porriño, 1997) centrará nas sociedades financeiras e no papel do poder na transición ecolóxica. “Quero entender como as dinámicas de poder afectan á transición cara a sociedades máis xustas e sostibles”, sinala este titulado en Ciencia Política e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible da UVigo. “Especificamente, fixareime na transición circular de diferentes sectores en Galicia, analizando as barreiras e as oportunidades que poden aparecer nesa transición, utilizando ferramentas de economía política”, engade Alonso Rodríguez, que desenvolverá a súa tese no grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, baixo a dirección de Brais Suárez.
“O contrato predoutoral significa tranquilidade económica, saber que rematar a tese depende do teu traballo e non de condicións económicas externas”, engade este investigador, que cursará o doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial. Nese senso, recoñece que ser beneficiario destas axudas constitúe tanto “un impulso” á hora de afrontar a súa investigación, “como un recoñecemento previo o teu traballo”.