Química computacional, vehículos autónomos, adiccións e traballo social sanitario
A UVigo incorpora catro novos mestrados e alcanza os 73 títulos oficiais o vindeiro curso
Con preinscrición aberta ata o 6 de xullo
A Universidade de Vigo estreará o vindeiro curso catro novo mestrados: Química teórica e modelización computacional, Prevención e abordaxe multidisciplinaria das drogodependencias e condutas aditivas, Vehículos autónomos e, con carácter virtual, Traballo social no ámbito sanitario. Son en total 73 titulacións de máster oficiais para o curso 2026/2027: 47 adscritas ao campus de Vigo, 15 ao de Ourense e 11 ao de Pontevedra.
Se ben no caso das novas titulacións están pendentes aínda do informe favorable da ACSUG, algo que se agarda se produza nas próximas semanas, as persoas interesadas en calquera mestrado oficial da UVigo teñen de prazo para preinscribirse ata o vindeiro luns 6 de xullo e o listado provisional de persoas admitidas farase público o mércores 15, abríndose o primeiro periodo de matrícula do 23 ao 27 de xullo.
Química teórica, “moi vocacional e especializado”, totalmente en inglés
O Mestrado en Química Teórica e Modelización Computacional, adscrito á Facultade de Química, ofrece formación avanzada en Mecánica Cuántica, Química Cuántica e técnicas computacionáis modernas como Machine Learning, Intelixencia Artificial e Computación de Alto Rendemento aplicadas á resolución de problemas químicos. “Trátase dun mestrado moi vocacional e especializado”, explica o docente José Manuel Hermida, coordinador duha titulación que ofrece 40 prazas para 17 universidades de toda España, 5 delas na UVigo. “A docencia impartirase en inglés e conta con colaboracións con institucións europeas”, engade o docente.
Dirixido principalmente a persoas graduadas en Química ou Física, tamén pode acoller titulados doutras disciplinas científicas afíns. O seu perfil de saída é dobre: tanto para quen desexe continuar cunha carreira investigadora, como para quen prefira incorporarse á industria privada en sectores como o farmacéutico, de novos materiais ou da computación cuántica.
Vehículos autónomos, na busca de perfís profesionais de futuro
O Mestrado Universitario en Vehículos Autónomos é un título conxunto desenvolvido polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, como coordinadora. Concibido con modalidade híbrida -docencia virtual síncrona e asíncrona na exposición de aspectos teóricos, pero con prácticas e exame presenciais-, inclúese na Guía G2030 de perfís Profesionais de Futuro e Novas Titulacións e Especialidades, formando parte do catálogo de perfís consensuado co tecido socioeconómico galego.
Coordinado polo profesor José Fariña, diretor da Escola de Enxeñería Industrial, e orientado á formación avanzada en tecnoloxías clave para o desenvolvemento de sistemas de condución autónoma e vehículos intelixentes, aborda ámbitos como a percepción, a Intelixencia Artificial, a robótica móbil e os sistemas de control, cun enfoque claramente tecnolóxico e interdisciplinar. Con 90 créditos e un curso e medio de duración, a titulación está especialmente pensada para as enxeñeiras e enxeñeiros dalgunha das seguintes ramas: Mecánica, Electrónica Industrial e Automática, Tecnoloxías Industriais, Eléctrica, da Enerxía, de Tecnoloxías de Telecomunicación, Aeroespacial, Intelixencia Artificial, Informática, Robótica, Naval e Oceánica, e Tecnoloxías Mariñas
Formación especializada en drogodependencias
Tamén de carácter interuniversitario, neste caso coa Universidade de Santiago de Compostela e e coa colabaración do Sergas, o Máster en prevención e abordaxe multidisciplinaria de drogodepencias e condutas aditivas ofrece ofrece unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar no ámbito das drogodependencias e outras condutas aditivas. “A titulación presta especial atención á prevención, avaliación, intervención, tratamento, redución de riscos e danos, reinserción social, patoloxía dual, adiccións comportamentais, perspectiva de xénero e atención a colectivos vulnerables”, salienta o coordinador, Manuel Isorna.
Adscrito á Facultade de Educación e Traballo Social, trátase dunha titulación de 90 créditos ECTS, distribuídos en dous cursos. Inclúense materias obrigatorias sobre conceptos xerais en drogodependencias e condutas aditivas, sustancias, patoloxía e terapéutica... e tamén materias optativas orientadas a ferramentas profesionais específicas e prácticas externas curriculares en centros e entidades do sector.
Traballo social no ámbito sanitario, 100% en liña
De carácter virtual, o Máster en Traballo social no ámbito sanitario é un título interuniversitario no que participan seis universidades de toda España, entre elas Santiago de Compostela e Vigo. Con formación 100% en liña e metodoloxía práctica orientada á realide profesional, a idea é que as persoas que o cursen poidan desenvolver competencias clave para intervir, xestionar e liderar no ámbito sociosanitario.
Dun ano de duración -60 ECTS- e adscrito na UVigo á Facultade de Educación e Traballo Social, o novo título promove a formación de persoal técnico e investigador en intervención social nos ámbitos sociais e sanitarios. Búscase cubrir a demanda de novos perfís profesionais relacionados coa intervención social fronte á exclusión e alta vulnerabilidade xerada polas elevadas desigualdades sociais en mercados de traballo con alto desemprego e crecentes conflitos de xénero, choques culturais e étnicos, pobreza infantil etc.
