DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución participou nas feiras Study in Spain celebradas en San José, Bogotá e Lima

A UVigo incrementa a súa proxección internacional en Costa Rica, Colombia e Perú

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Eido
  • Feiras e exposicións
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 24/10/2025

A Universidade de Vigo segue a avanzar na internacionalización como unha das súas liñas estratéxicas. Na procura de darse a coñecer, captar alumnado estranxeiro e buscar posibles acordos de colaboración con institucións académicas doutros países, a UVigo participou nos últimos días nas feiras Study in Spain celebradas en Costa Rica, Colombia e Perú. 

A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e o director da Área de Plurilingüísimo, Óscar Ferreiro, asistiron a pasada semana ás feiras celebradas en San José de Costa Rica e Bogotá e esta semana á celebrada en Lima. A participación das universidades españolas nestas feiras vén da man do Sepie, o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación. E é que España está á cabeza como destino elixido para realizar estudos universitarios entre o estudantado dos países de América Latina e as feiras constitúen unha ocasión única para difundir a oferta académica da UVigo e realizar accións complementarias de networking. 

A vicerreitora valora moi positivamente a participación nestes tres eventos, que tiveron moitísima asistencia, “máis de 3000 persoas en cada unha das cidades” e nos que as e os asistentes “amosaron moito interese” pola Universidade de Vigo. “Estas feiras son un moi bo escaparate para as universidades españolas”, destaca del Pozo, pero fronte a outras institucións académicas máis coñecidas en América Latina “a UVigo esperta moito interese, por unha banda, polos prezos competitivos dos nosos graos, mestrados e doutoramentos e, por outra, polo feito de que a vivenda en Vigo, Ourense e Pontevedra sexa máis asumible respecto das grandes cidades”.

Costa Rica, Colombia e Perú

A primeira das feiras tivo lugar en Costa Rica, un evento ao que a UVigo asistía por primeira vez e que resultou ser “unha grata sorpresa”, explica a vicerreitora. “Asistiu moitísima xente que tiña moito interese por estudar en Europa, en xeral, e na UVigo, en concreto”. Aproveitando a visita tamén mantiveron unha xuntanza co embaixador de España, que como relata Del Pozo, lles explicou que “aínda que tradicionalmente as familias que podían enviaban os seus fillos e fillas a estudar a EEUU, agora Europa está a espertar cada vez máis interese e, neste contexto, España polo aspecto lingüístico é un bo destino”. Ademais, Del Pozo e Ferreiro tamén visitaron a Universidade de Costa Rica para tratar de avanzar nun posible futuro convenio entre ambas institucións.

Dous días máis tarde Study in Spain trasladouse a Colombia, en concreto a Bogotá, onde “a asistencia foi tamén masiva”. Segundo a vicerreitora, este é un país “moi interesante co que traballar porque existe un convenio de reciprocidade grazas ao cal os estudantes que rematan Secundaria non teñen que homologar a súa titulación, entran directamente no sistema español xa que dende 2023 se lles recoñecen os estudos. Isto facilita moitísimo o acceso ao graos e, consecuentemente, tivemos moitísimas consultas”. 

Finalmente, Study in Spain celebrouse esta semana en Perú, que foi a sede na que se rexistraron máis visitantes, por riba do 3500, explica Del Pozo. Neste caso, moitas das consultas xiraron arredor da posibilidade obter axudas ao estudo. A estas preguntas, tanto a vicerreitora como o director de área os informaron da posibilidade de solicitar unha Bolsa BEME da Xunta para descendentes de galegos que queiran estudar un mestrado en Galicia. Esta opción “espertou moito interese, aínda que tamén foron moitos os que amosaban o seu interese porque estas axudas se ampliasen tamén a estudos de grao e mesmo de doutoramento”.

España, destino preferencial para o alumnado iberoamericano

Iberoamérica é a rexión da que procede o maior número de estudantes de posgrado que se matriculan de curso completo en España, case o 70% para máster e máis do 50% para doutoramento, sendo tamén o segundo lugar de procedencia, tras a Unión Europea, en estudos de grao (27,2%). 

España está á cabeza, xunto a Estados Unidos, como destino dos estudantado costarriqueño, pese á forte inversión na rexión por parte doutros países da contorna. Colombia é o país iberoamericano con maior número de estudantes internacionais de curso completo (más de 8000 segundo os últimos datos dispoñibles), mentres que Perú é o terceiro (máis de 4500).