Primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional, rompeu múltiples teitos de cristal
A UVigo inviste doutora honoris causa á maxistrada María Emilia Casas, pioneira na defensa dos valores de xustiza e igualdade
Manifestou o seu sentido de “pertenza e amor a Galicia” e amouse preocupada polo futuro da UE
María Emilia Casas Baamonde foi a persoa máis nova en acceder á maxistratura do Tribunal Constitucional, en 1998, e a primeira muller en presidilo, cargo que exerceu desde o 2004 ata o 2010, etapa recoñecida como “a época dourada da xurisprudencia constitucional”. Dende este venres Casas Baamonde é tamén a primeira muller xurista en incorporarse ao Claustro de doutores honoris causa da Universidade de Vigo. A institución académica viguesa celebrou a súa cerimonia de investidura no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nun acto presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e no que exerceu como padriño o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza Pereiro.
Na súa intervención, o reitor da UVigo gabou a traxectoria académica e profesional de María Emilia Casas, destacando o seu labor rompendo teitos de cristal, así como o seu compromiso nos ámbitos do dereito do traballo, a xustiza e a igualdade de xénero. Reigosa mencionou as sentenzas pioneiras da maxistrada, que permitiron fortalecer os dereitos das mulleres e doutros colectivos vulnerables, asegurando que coas súas achegas “a igualdade deixa de ser un soño afastado para converterse nunha aspiración ao alcance da man. Igualdade e xustiza da man”.
“Unha das persoas máis decisivas para o noso marco democrático”
Tras a entrada no salón de actos da comitiva académica, a cerimonia de investidura arrancou coa lectura por parte da secretaria xeral, María José Bravo Bosch, dos acordos de Consello de Goberno polos que se nomeou doutora honoris causa desta Universidade a María Emilia Casas, intre tras o cal procedeu á súa entrada na sala, acompañado do seu padriño e da propia secretaria xeral.
Na súa laudatio, o profesor Cabeza fixo un percorrido pola traxectoria profesional e académica de quen considera “testemuña e axente da defensa dos dereitos fundamentais e dos principios de igualdade e non discriminación”, “unha das persoas máis decisivas para o noso marco democrático de relacións laborais”.
Partindo da cidade de León, onde naceu por mor da profesión do seu pai, rexistrador da propiedade, Cabeza fixo fincapé en que Casas Baamonde sempre se considerou “da terra de Lemos”, de onde eran orixinarios os seus pais, se ben viviu en Madrid dende cativa, onde en 1972 se licenciou en Dereito e Filosofía e Letras na Universidad Complutense de Madrid. A súa carreira académica levouna a exercer como docente en diferentes universidades de todo o país, converténdose na primeira muller catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Sempre inquieta, o catedrático vigués lembrou tamén como a finais da década dos oitenta se incorporou como subdirectora á revista Relaciones Laborales, “cuxas editoriais forxaron sen dúbida a miña xeración de laboralistas” e cuxos outros subdirectores, “non por casualidade”, accederon tamén en diferentes momentos ao Tribunal Constitucional.
Da súa etapa como presidenta do TC salientou que foi relatora en 313 sentenzas e que abordou os asuntos máis dispares se ben, “alén dos asuntos concretos”, o seu tempo de exercicio neste órgano, especialmente os anos da presidencia, correspondeuse “co período no que máis se desenvolveron os contidos materiais dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas”.
Merecedora de diferentes premios e distincións, dos que o padriño lembrou algúns, sobre todo os referidos á súa vinculación con Galicia, a laudatio de Cabeza rematou dándolle a benvida a unha Universidade de curta historia, “pero con azos de construír un coñecemento crítico nesta parte do mundo, no que o respecto aos dereitos humanos sexa guieiro da súa actividade cotiá”, ao tempo que lle lembrou que, dende hoxe, Vigo, ademais de ser a terra de parte da súa familia, é tamén a “dunha Universidade á que pertences”.
Tras pronunciar a gabanza da doutoranda, o padriño impúxolle o barrete, o libro da ciencia, o anel e as luvas brancas, intre no que a admirada e recoñecida maxistrada tomou a palabra.
Lección maxistral sobre o futuro da UE e do seu modelo social
As primeiras verbas de Casas Baamonde foron para expresar o seu “máis profundo e emocionado agradecemento” á Universidade de Vigo, “coa que sempre mantiven unha estreita relación de colaboración”, por un recoñecemento ao que se referiu como “o maior logro da vida académica, o supremo grao”, destacando, neste sentido, que “este doutoramento marca un fito moi importante, inesquecible, na miña vida”. Mención expresa fixo ao Departamento de Dereito Público Especial, ás facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito, ao Consello de Goberno e, de xeito moi especial, ao seu padriño, “cuxa valía intelectual e dedicación constante a esta Universidade permitiulle formar un excelente grupo de investigación”. Así mesmo houbo tamén palabras de agarimo para os numerosos docentes que acudiron a este acto chegados das universidades de Santiago de Compostela, Coruña, Complutense de Madrid, León, Valladolid… así como ao alcalde de Monforte de Lemos, Xosé Tomé Roca, e os excaldes Severino Rodríguez e Nazario Pin, “proba da atención e coidados persoais que o Concello de Monforte sempre brinda aos seus”.
Deixando claro o seu sentido de “pertenza e amor a Galicia”, Casas Baamonde lembrouse tamén neste día, entre outras moitas persoas ás que fixo referencia, do admirado profesor Manuel Alonso Olea, o seu director de tese, e do recentemente falecido xurista lucense Germán Barreiro, “amigo da alma”.
Feitos os recoñecementos, meteuse de cheo no seu discurso de ingreso, titulado O futuro da Unión Europea e do seu modelo social. Un estado de benestar europeo?, elección realizada froito “da preocupación que acapara o actual momento da Unión ante o inminente inicio dunha nova lexislatura, e os diagnósticos sobre a non boa saúde das grandes transicións dixital, climática, enerxética e demográfica”, así como o que considerou unha “deficiente institucionalización política e integración económica, excesivo Dereito” e “unha débil situación xeopolítica ante a súa falta de soberanía/autonomía estratéxica, que a fai dependente do exterior”.
Desde o seu punto de vista, Europa debe prepararse para afrontar cambios radicais. Na mesma liña, salientou que esa preocupación e necesidade de cambios afectan tamén ao denominado modelo social, “ou con terminoloxía aínda menos comprometida e evanescente, á súa dimensión social e, por consecuencia, aos dereitos do traballo e da seguridade ou protección social dos Estados”. Seguindo este fío criticou a desaparición na conformación da nova Comisión a desaparición do Departamento de Asuntos Sociais, existente desde 1967, substituído por unha presidencia de Persoas, Habilidades e Preparación.
Concluído o discurso, con lembranzas para o poeta monfortino Manuel María e para a súa familia, o reitor fíxolle entrega da medalla da Universidade de Vigo á xa nova doutora honoris causa da Universidade de Vigo.
Unha homenaxe a unha pioneira na loita a prol da non discriminación
O reitor da UVigo comezou a súa intervención referíndose a María Emilia Casas como “un faro de coñecemento”, cunha vida de logros “cunha fondo raigame académico e cun fondo influxo na sociedade”. Logo de manifestar a súa satisfacción por engadir a Casas á relación de honoris da UVigo, Manuel Reigosa centrou o seu discurso nunha reflexión sobre a xustiza e a liberdade, na que tras citar a Martin Luther King e o seu desexo de “seguir soñando coa liberdade, a xustiza e a igualdade”, o reitor asegurou que o camiño da xustiza e a igualdade son o mesmo e, polo tanto non é posible soñar nun mundo mellor sen ter en consideración o afán de xustiza.“ María Emilia Casas é unha pioneira nese desexo por conseguir un mundo mellor”, dixo o reitor, que apelou á necesidade de construír unha sociedade máis xusta baseada no coñecemento e destacou o labor realizado pola nova honoris rompendo teitos de cristal, así como o seu compromiso nos ámbitos do dereito do traballo, a xustiza e a igualdade de xénero.
Chegar de nova aos máis altos tribunais e acadar a presidencia do Constitucional foron algúns dos logros que o reitor da UVigo destacou da traxectoria de Casas, o que, asegurou, “sen dúbida normaliza a situación, concilia á cidadanía coas institucións e abre o camiño a unha maior representación das mulleres no eido xudicial”. No ámbito do Dereito do Traballo, Reigosa puxo acento na construción por parte de Casas “dun pozo de coñecemento imprescindible na promoción dos dereitos laborais, a igualdade e a non discriminación”. Ademais de mencionar as súas sentenzas pioneiras, que permitiron fortalecer os dereitos das mulleres e doutros colectivos vulnerables, Reigosa tamén lle agradeceu á xurista o seu impulso ao dereito á non discriminación. “A visión da profesora Casas foi clave para ampliar a igualdade no noso país e estendela a todas as formas de discriminación”, dixo o reitor, que lembrou que, aínda que queda moito traballo por facer, cómpre celebrar os esforzos que nos puxeron no camiño correcto para acadar “esa sociedade xusta e igualitaria á que aspiramos”.
Sinalando o exemplo para “que outras mulleres aspiren en plena xustiza e igualdade a ocupar postos de relevancia nos eidos xurídico e político”, o reitor rematou o seu discurso, asegurando que coas contribucións de Casas “a igualdade deixa de ser un soño afastado para converterse nunha aspiración ao alcance da man. Igualdade e xustiza da man”, dixo Reigosa, que finalizou parafraseando unha estrofa da canción Hurricane de Bob Dylan na que o cantautor afirma que: “Non podo sentirme avergoñado de vivir nunha terra onde a xustiza é só un xogo”.