O Consello de Goberno deulle luz verde a esta experiencia piloto
A UVigo lanza unha plataforma propia de micromecenado e estréaa cunha campaña de reforestación en Carballeda de Avia
O reitor adiantou que xa hai acordo para elixir un novo/a Valedor/a Universitario/a
A Universidade de Vigo lanza esta semana a súa propia plataforma de micromecenado e faino cunha primeira primeira experiencia piloto dirixida a recadar fondos para levar a cabo unha acción de voluntario dirixida á reforestación e recuperación dos montes queimados en Carballeda de Avia, na provincia de Ourense, unha das zonas máis afectadas polos incendios deste verán. O Consello de Goberno celebrado este luns deu luz verde a esta primeira experiencia piloto coa idea, tal e como recalcou o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero, de que no futuro poida empregarse para desenvolver diversas campañas de micromecenado en temas relacionados con medio ambiente, saúde, ou cuestións máis puntuais como podería ser “unha campaña de recadación de fondos ante situacións inesperadas como o incendio acontecido esta fin de semana nas instalacións da asociación universitaria UVigo Motorsport”.
Foi un dos puntos máis destacados dunha sesión na que o reitor, Manuel Reigosa, tamén adiantou que xa se acadou consenso para a presentación dunha candidatura á Valedoría que deberá ser ratificada nun Claustro que se celebrará, con toda probabilidade a vindeira semana no campus de Pontevedra e para o que pediu que se faga o esforzo de asistir “porque se precisan moitos votos que permitan que esta candidatura poida ser aprobada”.
“Primeira campaña de micromecenado impulsada desde a UVigo”
O lanzamento da primeira campaña de micromecenado da Univeresidade de Vigo estrutúrase en dúas partes: dunha banda, a campaña en si de reforestación e recuperación de danos polos incendios nos montes de Carballeda de Avia, como parte das actividades de sensibilización da Oficina de Medio Ambiente, e, da outra, o lanzamento da plataforma de micromecenado, desenvolvida pola Fundación Universidade de Vigo. “Desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade coordinamos a campaña de financiamento colectivo en colaboración coa Fundación Universidade de Vigo e a campaña de voluntariado coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria”, explicou Quintero na súa intervención.
O obxectivo marcado para esta primeira acción de micromecenado é conseguir recadar entre 10.000 e 20.000 euros, cantidade que se destinará de xeito íntegro a financiar a campaña de reforestación, se ben, tal e como recalcou o vicerreitor, “o máis importante non será a cantidade recadada, senón o impulso a esta plataforma de micromecenado para que poida seguir empregándose no futuro”. Se ben a UVigo contaba xa con experiencias de voluntariado previas similares enmarcadas en eventos concretos, como actividade dentro de un congreso ou curso de extensión, “esta é a primeira campaña de micromecenado impulsada desde a UVIgo e pretende ser unha experiencia piloto de cara a articular un protocolo de actuación para futuras campañas”, recalcou o vicerreitor.
Este luns activouse a web da plataforma de micromecenado para que as persoas interesadas poidan realizar as súas doazóns e desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria lanzaron tamén a convocatoria para que as persoas que que queiran participar como voluntarias poidan inscribirse. A idea é ter todo listo para poder realizar unha gran xornada de reforestación un venres desta primavera -nunha data aínda por determinar- na que todas as persoas voluntarias se poidan desprazar aos montes da zona de Carballeda de Avia para participar en traballos de reforestación con árbores e arbustos autóctonos, así como en tarefas de conservación do solo e prevención de incendios.
A elección da zona de actuación, Carballeda de Avia, tomouse, tal e como explicou o vicerreitor, tendo en conta o” valioso asesoramento” do profesor Juan Picos, da Escola de Enxeñaría Forestal. “O profesor Picos é un experto na extinción de incendios e na recuperación de bosques queimados e coñece moi ben os factores relevantes. Por iso, púxonos en contacto coa Asociación Ecoloxista Ridimoas, situada nese concello, que leva 50 anos traballando na conservación dos bosques autóctonos”, explicou o vicerreitor.
Informe do reitor: Valedoría, campus de especialización e Medicina
Ademais da candidatura á Valedoría Universitaria, Manuel Reigosa sinalou no seu informe ao Consello de Goberno que os datos que está a amosar o Campus Auga son “espectaculares e podemos presumir bastante de como se están a desenvolver as cousas”. Considera o reitor que se avanza a moita velocidade, “non quero presumir, pero seguramente neste momento é o campus de especialización que amosa os mellores resultados de toda Galicia eu case diría de toda España”. En relación co Campus CREA, Reigosa considera que “está moi ben tirado para que cos esforzos que se fixeron no seu día enfocalo máis na idea que quería a Consellería de Educación, que non fora todo o campus senón as titulacións máis relacionadas coa creatividade e xa se están a dar os pasos para que na convocatoria deste ano sexa o cuarto campus de especialización de Galicia”.
En canto ao proceso de descentralización de Medicina, explicou que tiveron lugar dúas xuntanzas dos dous grupos de traballo, nas que, no caso da que se centra na actividade das unidades docentes compartidas, sinalou que podería pecharse en breve. Ademais, tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro unha sesión de traballo co persoal que está acreditado e pendente de acreditación, que amosou en moitos casos, explicou Reigosa, o seu acordo co proceso de descentralización, así como co plan no que traballa a UVigo, caso de que non se chegase a producir a descentralización.
Sobre os avances para a creación dunha Facultade de Enfermaría, Reigosa confirmou a celebración dunha xuntanza cos conselleiros de Educación e Sanidade e sinalou que agarda que os convenios queden asinados antes de que o actual equipo de goberno remate o seu mandato.
Ademais de continuar adiante coa negociación do convenio de colectivo do persoal investigador e de apoio á investigación, o reitor confirmou que se está a traballar nunha normativa sobre o uso da IA, que será sometida a exposición pública, “porque xa estamos a ter algúns atrancos, porque vai máis rápido o uso destas ferramentas disruptivas que a normativa e cómpre ter unhas reglas para saber como usar estas ferramentas na investigación, na docencia e na administración”, explicou Reigosa.
No seu informe ao Consello, o reitor tamén confirmou a concesión de financiamento para un UNIF (Universidade sen Fronteiras Galicia Norte de Portugal) 2.0 para afondar, dixo, “no que se quere facer en Europa cos graos compartidos”..
Dobre grao Publicidade-Comunicación Audiovisual e Máster Viticultura
No ámbito académico o Consello de Goberno deu luz verde á memoria do programa de simultaneidade de Dobre Grao en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual que lle permitirá ao alumnado facer ambas titulacións de xeito conxunto. A idea, tal e como explicou o vicerreitor de Titulacións e Ordenación Académica, Alfonso Lago, é que o novo título comece a impartirse na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra a partir do vindeiro curso.
A nova titulación, de cinco cursos de duración, disporá dun total de 10 prazas “que se retrotraen a partes iguais de ambos títulos, tal e como marca a instrución da consellería e a nosa normativa”, apuntou o vicerreitor. Tal e como se explicara en diferentes ocasión, a sinerxía entre ambos títulos non só responde a unha demanda específica do tecido profesional, senón que tamén supón unha vantaxe competitiva para o alumnado, que accederá a un mercado laboral cada vez máis esixente cunha formación diferenciadora, que combina as competencias en creación de contidos audiovisuais co dominio do mercado publicitario e da comunicación política e institucional.
Xa de cara ao seguinte curso, 2027/2028, aprobouse a declaración de interese do Máster Universitario en Viticultura e Enoloxía, adscrito á Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Se ben esta declaración xa fora aprobada en decembro de 2024 coa vista posta en empezar a impartir o título no curso 2026/2027, desde a facultade decidiuse adialo un ano -ata o curso 2027/2028-, polo que o anterior procedemento quedou anulado, e houbo que presentar de novo esta declaración de interese. O seguinte paso será a exposición pública da memoria inicial, do 4 ao 20 de marzo, e, unha vez recollidas e estudadas as alegacións, “presentar a memoria definitiva antes do 28 de abril para que sexa aprobada, se procede, pola COAP, Consello de Goberno e Consello Social durante o mes de maio”, explicou o vicerreitor.
Como título propio e con 60 créditos ECTS de duración, o máster en Viticultura e Enoloxía ofrecerá aos estudantes unha formación integral, tanto teórica como práctica, nas áreas de viticultura, enoloxía, economía, lexislación, turismo e comercialización vitivinícolas. Tal e como lembrou o reitor, “esta titulación forma parte do Campus Auga e responde a un anhelo que tiña a Universidade desde hai 15 ou 20 anos e que, por distintas razóns, non houbera aínda posibilidade de levala adiante”. Agora, “por fin”, se vai poder levar adiante “e así tamén levar á docencia os excelentes resultados que estamos a colleitar en investigación neste eido”, engadiu Reigosa.
Actualización dos prezos das residencias
Durante a sesión tamén se deu o visto e bo á proposta de prezos para os diferentes complexos residencias da UVigo para o vindeiro curso, actualizándose a cota mensual consonte ao IPC interanual (2,9%), de maneira que o prezo por habitación individual (con ou sen cociña compartida) será de 403,35 €; habitación en estudo dobre, 313,45 €; e habitación individual superior, no caso de Ourense, 549,30€. Estes prezos, correspondentes a estadías de dez meses, inclúen aloxamento, conexión informática con acceso a internet, a antena de TV, a utilización das zonas comúns e o IVE, pero non os consumos individuais de electricidade e auga.
Por outra banda, aprobouse por asentimento o Regulamento de réxime interno do novo Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte, Cidega, e elixíronse diferentes representantes da comisión de seguimento do Plan Estratéxico e do comité de dirección da EIDO.
