Cun ciclo de concertos en diferentes espazos da cidade, ao longo do mes de xuño
A UVigo leva a música tradicional ás prazas de Pontevedra
Nas actuacións participarán as diferentes aulas e grupos do campus
Máis de cen persoas formaron parte no presente curso das aulas e grupos de música e baile tradicional e do coro impulsados pola Vicerreitoría do campus, que, un ano máis, busca achegar este labor formativo á cidadanía a través dun ciclo de concertos en diferentes prazas de Pontevedra. Promovidas coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase dunha serie de actuacións protagonizadas pola aula de música tradicional, que se desenvolverán nas tardes dos luns de xuño e na que esta agrupación estará acompañada polas e polos integrantes das outras aulas e grupos do campus.
Como sinala o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, o obxectivo deste ciclo de concertos “é amosar o resultado do traballo” realizado tanto nas aulas de carácter formativo promovidas pola Vicerreitoría, como nuns grupos máis orientados á preparación dun repertorio para actuacións. En ambos casos, recoñece, trátase de iniciativas impulsadas coa colaboración do Concello e abertas ao conxunto da cidadanía, que están a recibir “unha resposta fenomenal, xa que cobren a matrícula por completo”.
Un repertorio ao que se suman diferentes convidados
Programados todos eles para as 20.30 horas, o primeiro destes concertos terá lugar o vindeiro luns 1 de xuño na praza da Verdura e correrá a cargo das seccións de gaitas e percusión da aula de música tradicional. Dirixida polo gaiteiro Suso Vaamonde, esta actividade formativa cubriu un ano máis as súas 40 prazas, sendo as e os preto de 30 integrantes destas dúas seccións os protagonistas desta primeira actuación, na que ofrecerán un repertorio “de música popular e tradicional”, apunta Vaamonde.
Boa parte das pezas poderán escoitarse de novo unha semana despois na praza do Teucro, mais nun concerto diferente. Na actuación que terá lugar o luns 8, as seccións de gaitas e percusión estarán acompañadas en varias das pezas polo coro polifónico universitario, formación dirixida por María Luisa Sánchez e integrada no presente curso por 26 persoas.
Xa o 15 de xuño, estas dúas seccións da aula protagonizarán unha terceira actuación, desta volta acompañados polo alumnado do obradoiro de baile tradicional galego Como bailar nun serán, unha actividade dirixida por Montse Rivera que cubriu tamén as súas 40 prazas no presente curso. O seu alumnado sumarase a varias das pezas dunha actuación que terá lugar na praza da Ferraría, “como se participasen nun serán”, explica Torres. Previamente, o concerto abrirase cunha actuación conxunta do grupo de música tradicional do campus, dirixido por Marina Fernández, e do grupo de baile tradicional, que coordina Rivera.
Máis de 120 músicos pecharán a programación
Nestes tres primeiros concertos, apunta Vaamonde, “variamos algunhas pezas, pero o 70% son comúns”, o que non acontece co concerto que pechará esta programación o luns 22 de xuño na praza de España, “no que ningunha das pezas coincidirá coas que se interpretaron os tres luns anteriores”. Neste caso, trátase dun concerto no que actuará a aula ao completo, en formato de orquestra, sumando acordeóns, zanfonas, requintas e ocarinas ás gaitas, pandeiretas, pandeiros, tambores ou bombos. Farano ademais acompañados polas e polos integrantes doutras cinco agrupacións, o que fará que sexan máis de 120 os músicos protagonistas deste concerto. Nomeadamente, sumaranse a esta iniciativa a aula a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde, de Caldas de Reis, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional da Serra de Outes e as asociacións A Fuliada, de Betanzos, e Hai que Roelo, de Cuntis.
O grupo de teatro levou 'Tartufo' a Salamanca
O conxunto de aulas e agrupacións integradas na programación cultural de carácter permanente da Vicerreitoría complétase co grupo de teatro do campus, que nas últimas semanas presentaba a súa montaxe do Tartufo de Molière nas mostras internacionais de teatro universitario, Miteu, desenvolvidas nos tres campus da UVigo. Posteriormente, a agrupación dirixida por Salvador del Río levou tamén o seu espectáculo á Muestra Universitaria de Artes Escénicas da Universidad de Salamanca, na que foi a primeira actuación do grupo fóra de Galicia. Doce dos seus integrantes representaron esta comedia sobre o escenario do Teatro Juan del Enzina, nunha actuación que destacan como “un éxito de público, cun teatro cheo e unha resposta entusiasta por parte das persoas asistentes” e na que contaron tamén coa colaboración do Centro Galego da cidade.
