Co desenvolvemento do proxecto Interwined, financiado polo programa Erasmus+
A UVigo lidera o deseño dun mestrado internacional que conecta humanidades e tecnoloxía
Os socios, de seis países, que participan na iniciativa reuníronse no campus de Ourense
O campus de Ourense acolleu esta semana a primeira xuntanza presencial do proxecto Interwined (International Master in Intertwined Humanities and Technology). Liderado desde a Universidade de Vigo, a iniciativa reúne institucións académicas de seis países co obxectivo de deseñar un mestrado internacional conxunto e interdisciplinar que interconecte humanidades e tecnoloxía.
Interwined está financiado pola convocatoria Erasmus Mundus Design Measures do programa Erasmus+ da Unión Europea, convocatoria orientada ao deseño de novos mestrados conxuntos internacionais. Comezou en novembro de 2025, rematará en xaneiro de 2027 e os seus socios son, ademais da UVigo, a Universidade Maria Curie-Skłodowska de Lublin (Polonia), a Vilnius Gediminas Technical University (Lituania), a Hellenic Mediterranean University (Grecia), a Selçuk University (Turquía) e a
Arab Academy for Science, Technology and Maritime Transport (Exipto).
O proxecto, sinala o seu investigador principal, Martín López Nores, catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo, “está coordinado pola Universidade de Vigo porque foi aquí onde xurdiu a idea, que inmediatamente recibiu apoio de socios da universidade europea ATHENA e atopou nos socios de Turquía e Exipto unha extensión moi propicia para incorporar perspectivas e culturas máis diversas, así como para ofrecer, por exemplo, dentro da especialización en Patrimonio Cultural Dixital, un marco de aprendizaxe práctica tan notable como o Grand Egyptian Museum que se inaugurou hai apenas uns meses”.
Primeiro deseño, logo implementación
Durante o proxecto, as universidades participantes teñen que elaborar unha proposta de mestrado para unha vindeira convocatoria de Erasmus Mundus Joint Master, co obxectivo de que se implante o novo programa deseñado como ‘joint degree’ das seis universidades que participan en Interwined. Segundo explica Martín López Nores, “o obxectivo último é consolidar unha nova oferta formativa que integre humanidades, tecnoloxía, artes e ciencias sociais, procurando formar profesionais capaces de comprender e avaliar criticamente a tecnoloxía dixital, integrar dimensións éticas, culturais e sociais e potenciar o traballo de equipos interdisciplinares en ámbitos de aplicación moi diversos”.
A interdisciplinariedade, explican desde a iniciativa, “é hoxe un elemento clave para afrontar os grandes retos sociais, culturais e tecnolóxicos de Europa, que xa non poden ser comprendidos nin resoltos desde unha única disciplina”. Neste senso sinalan que a Unión Europea “é plenamente consciente e leva anos promovendo activamente enfoques interdisciplinares a través de programas como Erasmus+, Horizonte Europa ou as Universidades Europeas, nos que se fomenta a colaboración entre ciencias, tecnoloxía, humanidades e artes, apostando decididamente por modelos formativos máis flexibles e integradores, orientados a competencias, impacto social e innovación responsable”.
A xuntanza en Ourense foi inaugurada por Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización, contando coa participación de Diego Fernández, representante no campus da Oficina de Proxecto Internacionais da UVigo. Os socios da iniciativa, que tamén foron saudados por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus, traballaron na estrutura do currículo do futuro mestrado, o modelo de mobilidade internacional para o alumnado e o profesorado e a estratexia para conseguir a acreditación que permitirá pór en marcha o programa. Sobre o traballo que lles queda por diante, o coordinador do proxecto lembra que “moitas normativas nacionais de acreditación seguen organizándose arredor de disciplinas tradicionais, de xeito que un programa eminentemente interdisciplinar aínda enfronta barreiras normativas importantes”. Porén, subliña, “de seguro que lle atoparemos o encaixe, porque a interdisciplinariedade estase a converter nunha condición necesaria para formar profesionais capaces de operar en contornas complexas e cambiantes, e a demanda de evolucións normativas é notable (a propia Aneca incorporou recentemente un Campo 0 para adscribir as achegas de investigación das solicitudes de sexenios)”.
