Este xoves os seus socios reúnense nun seminario no País Vasco
A UVigo lidera un proxecto estatal sobre a titorización da formación dual universitaria
A coordinadora é a profesora da Facultade de Educación e Traballo Social Manuela Raposo
Desde setembro de 2023 e ata agosto de 2026, a Universidade de Vigo lidera o desenvolvemento do proxecto estatal Dual-Dig, no que dez institucións académicas traballan arredor dos desafíos, metodoloxías e boas prácticas na titorización das prácticas de programas de formación dual. Os seus socios reúnense este xoves nun seminario no País Vasco no que diferentes axentes implicados nesta formación dual expoñen as súas experiencias e visións.
Metodoloxías, boas prácticas e desafíos
Dual-Dig ten como investigadora principal a Manuela Raposo, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Con ela participan desde o Departamento de Didáctica e Organización Escolar da UVigo Esther Martínez, Jesica Abalo, Silvia Sierra, Olalla García e José Antonio Sarmiento, e desde o Departamento de Psicoloxía da Educación Fernando Tellado. O proxecto está financiado pola Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, cofinanciado con fondos Feder da Unión Europea. As universidades participantes na iniciativa son de Vigo, Santiago de Compostela, Málaga, Granada, Jaén, País Vasco, Valencia e Barcelona, a University of Cologne de Alemaña e a Universidade Aberta de Portugal.
O proxecto ten como obxectivo principal “coñecer e comprender o desenvolvemento dos programas formativos duais na universidade española, indagando particularmente sobre as metodoloxías, as boas prácticas e os desafíos derivados do mundo dixital actual”. Concretamente proponse analizar os modelos e estratexias metodolóxicas de titorización e colaboración que se realizan a nivel nacional e indagar en que medida as necesidades formativas das persoas titoras deste programas se diferencian das que teñen titoras e titores de programas non duais.
Dual-Dig tamén quere tipificar boas prácticas de titorización e estudar as condicións necesarias para o seu desenvolvemento, determinando o valor da tecnoloxía nelas, e indagar sobre os desafíos e problemas que expoñen a tecnoloxía e as contornas dixitais na titorización, a orientación e seguimento, a avaliación e supervisión das prácticas duais. Igualmente busca abordar os desafíos e problemas que expoñen a tecnoloxía e as contornas dixitais na xestión administrativa e colaboración entre entidades vinculadas ás prácticas duais, así como na súa innovación e emprendemento.
Seminario participativo no País Vasco
O papel da UVigo no proxecto, alén da súa coordinación, céntrase no primeiro punto: en coñecer e comprender o desenvolvemento dos programas formativos universitarios duais en España, indagando especialmente sobre as metodoloxías, as mellores prácticas e os desafíos que se derivan do mundo dixital actual, “consolidando metodoloxías innovadoras e boas prácticas de titoría apoiadas en recursos tecnolóxicos e dixitais e fortalecendo os vínculos entre os ámbitos académico e profesional". Tras unha revisión da literatura e un mapeo da oferta formativa dual nas universidades españolas, xunto coa análise da información que trasladan sobre a formación dual as universidades a través dos seus diarios dixitais, explica Manuela Raposo, o seu traballo diríxese agora “a informantes clave que desempeñan labores de xestión e coordinación, persoas que titorizan na universidade e nas institucións/empresas, e estudantes”. Por este motivo, apunta, celébrase agora a actividade no País Vasco.
Concretamente, este xoves ten lugar o I Seminario Dual-Dig. Formación dual universitaria: análise desde a voz do seus protagonistas, na Facultade de Economía e Empresa (Sección de Gipuzkoa). Nel reúnense responsables institucionais, profesorado, titores e titoras, estudantado e representantes de entidades colaboradoras co fin de analizar de maneira conxunta os principais retos, metodoloxías e boas prácticas asociadas a este modelo formativo. Ao longo da xornada desenvolveranse diversas conversacións en primeira persoa centradas na xestión da formación dual, a experiencia do alumnado, os procesos de titorización e os desafíos estratéxicos actuais e futuros. O programa complétase coa presentación da Asociación para el Desarrollo del Practicum y de las Prácticas Externas, así como de distintas redes e comunidades de coñecemento vinculadas ao practicum e á formación dual universitaria. Así mesmo, no seminario levaranse a cabo sesións grupais de traballo orientadas a profundar, desde unha perspectiva participativa, en cuestións clave como a xestión dos programas duais, o perfil do estudantado participante e a titorización. A actividade concluirá cunha sesión plenaria de posta en común. “Con esta iniciativa, o proxecto Dual-Dig reforza o seu compromiso coa análise rigorosa e compartida da formación dual universitaria nun contexto marcado pola transformación dixital e os cambios na relación entre universidade e contorna profesional”, sinalan desde a organización do proxecto.
