DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza de lanzamento de Activ-N celébrase esta semana no campus de Ourense

A UVigo lidera un proxecto europeo de 2,88 millóns de euros para reforzar a resiliencia climática dos colectivos vulnerables

Está financiado polo programa Interreg Atlantic Area

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 03/03/2026

O proxecto europeo Activ-N arrancou este martes no campus de Ourense a súa actividade. Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento de 2,88 millóns de euros, nel 20 entidades públicas e privadas europeas traballarán para reforzar a resiliencia climática das comunidades vulnerables, como por exemplo persoas maiores, no Arco Atlántico. 

Actions for Communities in Teleassistance and Integration of Vulnerable Populations Facing Natural Hazards (Accións para as Comunidades en Teleasistencia e Integración de Poboacións Vulnerables ante Riscos Naturais), é unha iniciativa de cooperación transnacional financiada polo programa Interreg Atlantic Area 2021-2027, cofinanciado con fondos Feder. Nel participa unha vintena de entidades, das que 12 (de España, Irlanda, Portugal e Francia) contan con financiamento directo. Neste consorcio tamén están de Galicia a Universidade de Santiago de Compostela e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta. 

O campus de Ourense lidera a iniciativa a través dun equipo interdisciplinar da Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente do grupo de investigación HC1, con Maribel Doval á cabeza, e da Facultade de Ciencias Empresariais e de Turismo, do grupo Gen, encabezado por Francisco Reyes. A xuntanza dos socios en Ourense prolongarase ata o día 5 e foi inaugurada por Francisco Reyes e Maribel Doval; Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, e Ana María Iglesias, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, asistindo tamén Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e  Turismo, e Eloína Núñez, subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Innovación Sociosanitaria. Nas súas intervencións destacaron a pertinencia de levar a cabo esta proposta desde Galicia tendo en conta aspectos como o envellecemento e a dispersión da súa poboación.  

Planificación ambiental inclusiva 

Cunha duración de dous anos e medio, Activ-N parte da premisa de que a inclusión social e a xestión dos riscos ambientais e climáticos deben abordarse de maneira integrada, superando a súa tradicional separación e considerando que “só combinando a loita contra o cambio climático coa protección e o empoderamento das persoas máis vulnerables será posible construír unha área atlántica máis xusta e resiliente”. Á luz dos últimos fenómenos climáticos extremos, a iniciativa “propón unha planificación ambiental inclusiva que, por unha banda, desenvolva mecanismos innovadores para apoiar ás poboacións vulnerables fronte a riscos como inundacións, incendios ou secas e, por outra, impulse metodoloxías multidisciplinares que convertan a estes colectivos en actores clave na resposta ao cambio climático”.

Activ-N, sinalan os seus responsables, está centrado nas persoas máis vulnerables, recoñecendo que determinados colectivos (persoas maiores, persoas con discapacidade, residentes en áreas rurais e remotas en situación de exclusión dixital, etc.) son os máis expostos ante inundacións, secas, incendios forestais e outros eventos climáticos extremos. “O proxecto sitúa estas persoas no centro da planificación da resiliencia climática, integrando tecnoloxía de teleasistencia, servizos sociais, sistemas de protección civil e planificación inclusiva co obxectivo claro de garantir que ningunha persoa quede atrás fronte ao impacto do cambio climático”, apuntan.

Os obxectivos estratéxicos de Activ-N son integrar a vulnerabilidade social na planificación dos riscos ambientais; reforzar a capacidade comunitaria de xeración propia de medidas preventivas; desenvolver mecanismos inclusivos de alerta temperá e resposta baseados en teleasistencia e crear ferramentas replicables para os territorios do Arco Atlántico. Durante os seus 30 meses de execución, o proxecto desenvolverá e pilotará novos sistemas de teleasistencia para anticipar, monitorizar e xestionar emerxencias climáticas; ferramentas dixitais de comunicación rápida e alerta temperá; protocolos específicos de acompañamento a persoas vulnerables en situacións de risco; mecanismos de coordinación entre autoridades locais, servizos sanitarios, servizos sociais e redes comunitarias e metodoloxías replicables para integrar estas solucións nas estratexias rexionais de adaptación. “O proxecto incorpora ademais unha dimensión innovadora baseada na co-creación comunitaria e na xeración de capacidade local para a prevención”, apunta Maribel Doval.

A profesora da UVigo sinala que un dos elementos máis innovadores de Activ-N é o cambio de enfoque respecto aos colectivos vulnerables, pasando de “persoas monitorizadas a persoas protagonistas”. O proxecto, detalla, “non se limita a monitorizar ou protexer desde unha lóxica asistencial, senón que promove o protagonismo activo das comunidades na toma de decisións”. Isto implica: incorporar ás persoas vulnerables nos procesos de planificación preventiva; favorecer a súa participación en espazos de co-creación; recoñecer o seu coñecemento experiencial sobre o territorio e avanzar cara a unha gobernanza inclusiva e compartida. “A innovación, polo tanto, non reside só na tecnoloxía, senón nunha reconfiguración do modelo de resiliencia, onde as comunidades deixan de ser obxecto pasivo de protección para converterse en suxeitos activos con capacidade de decisión”, afirma.

Como entidade líder, a Universidade de Vigo asume a coordinación científica, técnica e estratéxica do proxecto e entre as súas funcións principais destacan a dirección e coordinación xeral do consorcio; o deseño do marco conceptual de integración entre inclusión social e xestión de riscos; a análise avanzada de datos de teleasistencia como ferramenta de intelixencia territorial; o desenvolvemento de metodoloxías e ferramentas replicables; o impulso de modelos piloto en cooperación con entidades públicas e comunitarias e a avaliación de impacto e difusión científica e institucional. “O campus de Ourense consolida así a súa posición como referente europeo na intersección entre resiliencia climática, innovación social e gobernanza inclusiva”, apunta Maribel Doval.