Radiance está financiado con catro millóns de euros pola UE
A UVigo lidera un proxecto europeo que busca transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada
Na iniciativa participan 14 entidades públicas e privadas de oito países
O equipo da Universidade de Vigo Aerolab lidera un novo proxecto europeo que durante os vindeiros catro anos traballará para transformar a construción e a rehabilitación de edificios mediante robótica avanzada, automatización e dixitalización. A iniciativa, que conta coa participación de 14 entidades públicas e privadas de oito países, está financiada pola UE con case catro millóns de euros. “Radiance sitúanos na primeira división europea de robótica, traballando con institucións de referencia”, destacan os responsables do proxecto.
Baixo o título Robotic, automated and digital solutions for improving building renovation and new construction efficiency (Radiance), o proxecto ten unha duración de catro anos, arrancando o pasado mes de setembro e prolongándose ata finais de agosto de 2029. Está financiado ao 100%, con 3.999.189,25 euros, polo programa Horizonte Europa, da UE, correspondendo 550.000 euros á UVigo. Está coordinado polo grupo Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab) da Universidade de Vigo, pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O coordinador de Radiance, o profesor da UVigo Higinio González, subliña que “este proxecto supón un fito para Aerolab, para o Ifcae e para o campus de Ourense porque é a primeira vez ha historia do noso campus no que se lidera un proxecto europeo no ámbito da robótica”, indica. O financiamento acadado, engade, permitiralle desenvolver liñas de investigación relacionadas coa robótica aérea.
O consorcio de Radiance está formado por 14 entidades de Alemaña, España, Finlandia, Francia, Noruega, Polonia, Portugal e Suíza. Concretamente participan as universidades de Vigo, Minho, Gustave Eiffel e ETH Zürich; os centros de investigación e tecnoloxía Tecnalia, VTT, Sintef, Łukasiewicz-PIT e Fraunhofer); as grandes empresas do sector da construcción Misturas e Skanska e as pemes Contactica, Probot e IMC. Trátase, sinalan desde o proxecto, “dun consorcio único con experiencia” en todos os eidos de actuación de Radiance.
Mellorar a sostibilidade económica, social e ambiental do sector
Sobre a relevancia da temática abordada nesta iniciativa, o equipo da UVigo explica que segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, os edificios da UE son responsables do 42% do consumo enerxético e do 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro, principalmente derivadas da construción, uso, renovación e demolición. Se non se aplican medidas de mitigación, sinalan, “esta porcentaxe podería duplicarse nos próximos 20 anos, debido ás ineficiencias dos métodos construtivos actuais e ao crecemento urbano”. Ademais engaden que en 2020, arredor do 75% do parque edificatorio europeo era enerxeticamente ineficiente e que aínda que a renovación de edificios existentes podería reducir o consumo enerxético total da UE nun 5-6% e as emisións de CO2 en aproximadamente un 5%, menos do 1% do parque renóvase cada ano. “Para cumprir os obxectivos enerxéticos e climáticos da UE, a taxa de renovación debería polo menos duplicarse”, afirman.
O equipo de Aerolab explica que a industria global da construción está a cambiar cara prácticas máis sostibles en resposta a crecentes preocupacións ambientais e a regulacións máis estritas. “O sector está baixo presión para mellorar a súa sostibilidade económica, social e ambiental”, afirman. Neste contexto, desde Radiance sinalan que a robótica e as solucións automatizadas desempeñan un papel crave para cubrir estas necesidades, ademais de resolver ineficiencias e a baixa produtividade. Con todo, apuntan, a adopción destas tecnoloxías na construción segue sendo moi baixa en comparación con outros sectores, debido principalmente a altos custos iniciais, de mantemento e operación; a problemas de interoperabilidade entre sistemas; a preocupacións en materia de seguridade e á resistencia cultural ao cambio.
Resultados concretos previstos
Neste marco de traballo, o proxecto que agora arranca busca “transformar a construción e a rehabilitación mediante a integración de robótica avanzada, automatización e dixitalización, establecendo un novo estándar de fluxos de traballo que melloren a seguridade, eficiencia e sostibilidade, á vez que reduzan custos, erros, tempos e impactos ambientais en toda Europa”. Radiance proponse acadar diferentes resultados. En primeiro lugar, ofrecer novas soluciones robóticas para a renovación de fachadas, que inclúen: a automatización do fluxo de inspección e diagnóstico, incluíndo a avaliación enerxética; o desenvolvemento dunha plataforma de dron sobreactuado para inspección, diagnóstico e reparación, capaz de transportar sondas de avaliación non destrutiva e realizar a colocación de paneis illantes; unha sonda NDE multipropósito para a avaliación de estruturas de formigón; un robot cableado para reparar gretas e ancorar paneis illantes en fachadas e un dron para limpeza, aplicación de capa base (morteiro) e de capa de acabado (pintura).
Tamén inclúe o desenvolvemento dun dispositivo de realidade aumentada montado en casco para a seguridade do traballador, integrando estímulos visuais, niveis de polución e indicadores ergonómicos, e un robot cuadrúpedo autónomo para tarefas de monitorización, reformulo e implementación, e asistencia baixo demanda con ferramentas. Outros resultados previstos de Radiance son o desenvolvemento de Sistemas Cooperativos Intelixentes de Transporte adaptados ao sector da construción; planificación e loxística de obra melloradas, a través de enfoques tácticos e estratéxicos e unha plataforma de dixitalización e interoperabilidade de datos, que permita integrar e xestionar toda a información do proxecto de maneira eficiente.
As solucións propostas serán validadas en tres escenarios clave do proxecto, como son a renovación de edificios; a interacción humano-robot e seguridade e a optimización da construción. Os resultado probaranse en catro contornas reais en Noruega, Polonia e España que abarcan diferentes tipoloxías de edificios europeos en canto a materiais (formigón, mampostería, madeira e xeso) e usos (residencial e centros de investigación).
