DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Storcito conta coa participación de once socios de cinco países

A UVigo lidera un proxecto europeo que destinará case 4,9 millóns de euros á innovación en comunidades rurais

Abordará de xeito multidisciplinar a prevención de incendios, a mobilidade e a sostibilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 27/05/2025

Co nome de Storcito e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, este mes de maio arrancou un proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo que afondará na "transformación sostible de comunidades rurais mediante innovacións técnicas, sociais e organizativas". A iniciativa fomentará de xeito multidisciplinar a innovación en ámbitos chave das zonas rurais europeas, como son a prevención de incendios, a mobilidade e a enerxía.

Diversidade de socios e de áreas de coñecemento

O consorcio de Storcito (Sustainable transformation of rural communities via technical, social and organizational innovations) está formado por once entidades de cinco países europeos, como son Noruega, España, Alemaña, Grecia e Países Baixos. Participan cinco institucións académicas (Universidade de Vigo, Universidade Ruhr de Bochum, Universidade Agrícola de Atenas, Universidade de Utrecht e o Instituto de Tecnoloxía Deggendorf); as entidades de innovación Sintef AS (oenegué dedicada á I+D) e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde); as empresas de desenvolvemento tecnolóxico Innogando SL (sector gandeiro) e Nimmo AS (mobilidade sostible) e o municipio noruegués de Gjesdal. Cunha duración de tres anos, está financiado con 4.862.797,70 euros a través do programa Horizonte Europa da UE, correspondendo á UVigo 620.625 euros.

O equipo do campus de Ourense que lidera a iniciativa caracterízase pola súa multidisciplinariedade, estando como persoal investigador principal Fernando Veiga (do grupo Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo), Maribel Doval (de Historia Contemporánea I e da Facultade de Educación e Traballo Social) e María Fernández (de Sistemas Agroambientais e da Facultade de Ciencias). Os grupos participantes pertencen ao Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense.

A idea de pór en marcha Storcito, explica o equipo da UVigo, “xorde a partir dunha convocatoria do programa Horizonte na que vimos que as solución que se buscaban axeitábanse moi ben a varias liñas de traballo que se están potenciando dende o Campus Auga, como son o traballo con drons no mundo rural para monitorización de precisión de agricultura/gandería, análises de solo e métodos/modelos de educación enfocados ás sociedades rurais”. Neste punto, destacan da iniciativa o seu profundo carácter multidisciplinar, apuntando que optouse por unir persoal docente e investigador de áreas de coñecemento moi diversas para poder acabar propondo solucións innovadoras que inclúan moitos puntos de vistas distintos e enriquecedores ao mesmo tempo. “O esquema xuntar tecnoloxía aérea non tripulada, análise biolóxica dos solos e factores sociais e educativos é certamente rompedor”, afirman.

Adaptar e aplicar tres tecnoloxías

Storcito fomentará a innovación en ámbitos chave e grandes retos das zonas rurais europeas como a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra. Concretamente, centrarase “en aterrar distintas tecnoloxías ao rural e adaptalas a este tipo de contornas cun alto potencial de futuro e innovación”. A primeira destas tecnoloxías son métodos de prevención de incendios forestais. Nesta liña de actuación os socios traballarán nunha ferramenta para a análise de índices de risco de incendios, unha ferramenta de última xeración e con escala de orde metro que utilizará datos xeoespaciais e índices sociais. Tamén abordarán a utilización de gando autóctono guiado por sistemas de posicionamento global (GPS) para o mantemento intelixente da vexetación no rural e para reducir o risco de incendios. Igualmente o proxecto contempla a análise sociolóxica da percepción dos lumes en zonas rurais e a xeración de materiais didácticos para concienciar sobre o valor da prevención. Este apartado desenvolverase principalmente en Ourense e en Grecia.

A segunda tecnoloxía de traballo de Storcito é a introdución de CCUS (tecnoloxías de captura de carbono do aire) en áreas rurais, analizando o seu grao de aceptación na sociedade e propondo solucións aos xestores rexionais. Esta liña desenvolverase en Alemaña e Países Baixos principalmente. A terceira tecnoloxía é a modificación dunha aplicación de mobilidade baixo demanda para adaptala ás necesidades da sociedade rural (dispersión, envellecemento, etc.) e fomentar así a mobilidade sostible, climaticamente neutra e inclusiva. Neste caso, o traballo recaerá sobre todo nos socios de Noruega, sendo apoiados desde Ourense.

A UVigo encárgase principalmente da coordinación do proxecto e das ferramentas/análise de prevención de lumes: o cálculo de índices de risco de incendio; guiado intelixente de gando con GPS para mantemento que axude á súa prevención e análise sociolóxica sobre a percepción dos lumes e xeración de material didáctico ao respecto.

Para o seu desenvolvemento, Storcito seleccionou diferentes ecosistemas rurais como escenarios representativos das catro zonas climáticas de Europa: atlántica, mediterránea, continental e boreal. As innovacións, indican desde a súa organización, “crearanse en conxunto coas partes interesadas rurais para responder ás súas necesidades e examinarase a súa viabilidade e/ou inconvenientes en diferentes rexións bioxeográficas". As zonas rurais, lembran desde a iniciativa, albergan un terzo da poboación da Unión Europea e representan arredor do 83% do territorio, albergando recursos naturais e ecosistemas cruciais. Cunha notable diversidade debido ás súas situacións bioxeográficas e xeopolíticas, estas zonas enfrontan distintos retos multifacéticos de sostibilidade que, comentan desde o proxecto, requiren diversas solucións innovadoras para abordalos. Neste senso, engaden, o empoderamento das zonas rurais, “é crucial para lograr a neutralidade climática para 2050”. Por este motivo, Storcito non só abordará os retos inmediatos para o desenvolvemento rural, senón que tamén fomentará a resiliencia das comunidades a longo prazo.