DUVI

Diario da Universidade de Vigo

46 universidades de 20 países figuran nesta relación do Comité Olímpico Internacional

A UVigo, na listaxe de centros de estudos olímpicos de referencia do COI 

É unha das sete institucións académicas españolas presentes 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/02/2021

O Centro de Estudos Olímpicos do Comité Olímpico Internacional (COI) fixo pública a súa lista actualizada de centros universitarios de estudos e investigación olímpicos, da que forman parte 46 institucións académicas de 20 países, previamente avaliadas por este organismo. Entre elas atópase a Universidade de Vigo, única representante galega nesta relación, na que están presentes outras seis universidades españolas. “Para nós é un orgullo”, sinala a profesora María José Martínez Patiño, directora do Centro de Estudos Olímpicos da UVigo, que explica que esta listaxe renóvase cada dous anos, de acordo cunha “serie de requisitos en canto a investigación, promoción do olimpismo, traballo en rede..., que superamos en todas as convocatorias”.

Esta listaxe, segundo destacaron desde o Centro de Estudos Olímpicos do COI, busca destacar o “importante papel que desempeñan os CEO académicos na creación e fomento do interese e o coñecemento sobre o movemento olímpico entre a comunidade universitaria e facilitar os intercambios e a colaboración entre investigadores, profesores e estudantes”. Para iso, este organismo fixera públicos previamente os requisitos que as institucións debían cumprir para formar parte desta relación que actualizan periodicamente. “Levamos anos entre os mellores centros do mundo”, salienta Martínez Patiño, que lembra que en España existen 35 centros de estudos olímpicos, dos que só sete figuran na listaxe; os das universidades de Girona, Autónoma de Madrid, Extremadura, Navarra, Católica San Antonio de Murcia e Autónoma de Barcelona, ademais do centro con sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés.

Promover o traballo en rede

Un dos obxectivos desta iniciativa do COI é promover o traballo en rede entre diferentes institucións, como destaca Martínez Patiño, membro da Real Academia Olímpica Española e do panel de expertos da Comisión Médica e Científica do COI. “Permítenos desenvolver proxectos de maneira conxunta practicamente cos cinco continentes e beneficiarnos dunha rede que nos axuda a seguir crecendo”, destaca dunha relación da que forman parte universidades de Europa, América, Asia e Oceanía. 

Fundado en 2007, o Centro de Estudos Olímpicos da UVigo ten de feito entre as súas liñas de actuación “intentar potenciar a colaboración con universidades iberoamericanas no espazo do olimpismo”, como sinala Martínez Patiño, que apunta neste senso á realización de teses de doutoramento con investigadores de Guatemala e Colombia, dentro do Grupo de Investigación en Educación e Saúde (GIES-10), do que forma parte. Mais tamén, á colaboración con institucións académicas europeas, xa que corresponderalle coordinar, durante os próximos tres anos, “a área de olimpismo, movemento olímpico e solidariedade olímpica” da rede internacional de ciencias do deporte e a saúde INSHS, "coa que o grupo GIES-10 leva anos colaborando”.

Estas foron de feito algunhas das cuestións recollidas no balance das actividades desenvolvidas que o Centro de Estudos Olímpicos remitiu ao COI, xunto a outras iniciativas recentes como o congreso internacional que o pasado verán promoveu o Comité Olímpico Guatemalteco, a Universidad Panamericana e a Confederación de Deportes de Guatemala e no que Martínez Patiño presidiu o comité científico. Do mesmo xeito, a responsable deste centro tamén fixo énfase no desenvolvemento de investigacións acordes coas “liñas estratéxicas do COI para o desenvolvemento do movemento olímpico nos diferentes países do mundo”, como por exemplo as teses de doutoramento que actualmente dirixe sobre a retirada de deportistas de alto nivel ou sobre “cal vai ser a visión dos deportes a nivel mundial nas próximas décadas”. 

“Quédanos moito traballo por facer”, engade Martínez Patiño, que recoñece sentirse “moi arroupada pola Vicerreitoría do campus, da que dependemos”, á vez que sinala tamén outros proxectos en marcha, como exercer de “anfitrións” do próximo congreso da Academia Olímpica Española, que agarda poder levar a cabo nos próximos meses, “sexa de forma presencial ou virtual”.