DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mantense como a institución académica máis laureada nesta disciplina 

A UVigo logra a prata por equipos no Campionato de España Universitario de taekwondo

Tanto Sara Cortegoso como a parella formada por Celia García e Manuel Paz lograron o ouro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 31/05/2022

Tanto o número de podios sumados na clasificación por equipos como as máis de 90 medallas acadadas polos seus alumnos e alumnas ao longo dos anos fan da Universidade de Vigo a institución académica máis laureada no Campionato de España Universitario (CEU) de taekwondo. Cinco anos despois do seu último podio por equipos no torneo universitario, a institución viguesa proclamouse subcampioa de España na competición disputada nos últimos días en Murcia, na que as e os seus deportistas sumaron catro medallas nas competicións individuais e por parellas. Tanto a alumna da Escola de Enfermaría de Pontevedra Sara Cortegoso, na modalidade de -49 quilos, como os estudantes de Fisioterapia Celia García e Manuel Paz na competición de poomsae por parellas, lograron proclamarse campións de España universitarios, éxitos aos que se sumaron a prata do alumno de Ciencias da Educación e do Deporte Lois Tomás e o bronce da tamén estudante de Fisioterapia Miryam García.

Un total de 170 deportistas participaron na localidade murciana de Los Alcázares nun campionato organizado pola UCAM, no que Vigo lograba un podio “moi traballado e con sorpresa, xa que a nosa universidade non estaba nas quinielas dos favoritos”, como recoñece o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Alexandre Sanjorge, quen viaxou a Murcia cun equipo conformado para este torneo por 13 deportistas, na súa gran maioría estudantes do campus pontevedrés. Coa colaboración da Federación Galega de Taekwondo, a UVigo acudiu ao CEU con Erea Andrade e o egresado e integrante da selección española de taekwondo Iván García como adestradores e rematou logrando “unha prata con sabor a ouro”, como sinala Sanjorge, só por detrás da anfitrioa e gran favorita, a UCAM, que acudía ao CEU con tres olímpicos nas súas filas, Javier Pérez Polo, Raúl Martínez e Adrián Vicente.

Medallas e boas experiencias

O feito de que a covid-19 provocase a súa suspensión en 2020 e 2021 fixo que o torneo de Murcia fose a primeira participación nun CEU para estudantes como Sara Cortegoso, que sumaba á alegría do ouro o positivo da experiencia vivida. “A verdade é que agardábaa como unha competición máis, pero gustoume moitísimo mais que as outras”, recoñece a alumna da Escola Universitaria de Enfermaría, quen destaca “o ambiente totalmente diferente” dunha competición da que sinala tamén o bo nivel deportivo. No caso da modalidade de -49 quilos na competía, a ausencia da subcampioa olímpica Adriana Cerezo daba ao resto de participantes máis opcións de loitar por un ouro que rematou levándose esta alumna do campus pontevedrés tras derrotar na final a Alicia Serrano, da Universitat Pompeu Fabra.

O outro ouro para a UVigo chegou na competición por parellas da modalidade de exhibición poomsae, da man dos tamén alumnos do campus Celia García e Manuel Paz. “Xa nos dixeran que os CEU non tiñan nada que ver con outros campionatos aos que vas coa selección e a verdade é que a experiencia foi moi diferente”, recoñece García da súa primeira participación nun torneo do que retorna “moi satisfeita” tanto polo ouro como polo vivido cun grupo “para o que só teño palabras de agradecemento”. Deportista do Gimnasio Escuela Tao de Vigo, García compite, ao igual que Paz, na modalidade de freestyle e de feito participaba hai poucos días no campionato mundial celebrado en Corea, o que fixo que o CEU fose a súa primeira experiencia competindo xuntos en poomsae. “Propuxéronnolo no primeiro adestramento e a partir dese momento comezamos a traballar, xa que tiñamos moitas gañas de facer unha boa actuación”, salienta García, que lograba tamén, ao igual que Paz, rematar en quinto lugar na competición individual desta modalidade.

A estes dous ouros sumouse a prata acadada polo alumno do Grao en Educación Primaria Lois Tomás en -63 quilos, na que foi derrotado na final polo olímpico da UCAM Adrián Vicente; e o bronce acadado por Miryam García en -62 quilos. Así mesmo, a estas catro medallas podería terse sumado unha quinta, como lembra Sanjorge, xa que do equipo universitario formaba parte tamén Desiree Rivadulla, que un día antes do CEU se proclamaba campioa de España sub21 en +73 quilos. Non obstante, a tamén estudante de Fisioterapia non puido competir no torneo universitario, por non reunir o número mínimo de deportistas do seu peso establecidos no regulamento para levar a cabo a competición.

17 veces no podio por universidades

Coa prata lograda en Murcia, a UVigo proclamábase subcampioa de España universitaria por oitava vez, éxitos aos que suma as sete medallas de ouro que logrou nos anos 2006, 2007, 2008, 2011, 2012, 2013 e 2016. Ao ano seguinte, en 2017, chegaría o seu único bronce ata a data e tamén a última presenza da Universidade no podio do CEU ata este ano, tras quedar fóra do podio en 2018 e 2019 e a suspensión da competición nos dous anos seguintes.