DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Vivo UVigo' é o slogan das pezas publicitarias destinadas á captación de alumnado 

A UVigo, máis viva que nunca na nova campaña de comunicación institucional 

Centrarase en medios dixitais e algún soporte exterior

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 20/05/2021

Logo dun confinamento ao que seguiu un curso con docencia mixta, a UVigo opta para a súa nova campaña de comunicación por unha mensaxe centrada nas experiencias fóra das aulas, concretamente nos campus, na casa e no deporte. Co verbo 'vivir' como núcleo central das pezas publicitarias e o movemento, o benestar e a socialización con todas as garantías como eixos, as escenas que recrea a nova campaña “condensan a sensación de vitalidade e de espazos reconquistados. Coa fin da privación ou restricións destas actividades, tal e como se ven reflectidas, impulsa a sensación de optimismo que empezaba coa nosa mascota Oli desexando ‘Máis luz para o 2021’. Hoxe coa vacinación avanzada parece que o curso que vén será diferente ao pasado e mellor que o actual”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. 

Gamas cromáticas vivas, pero sempre cun pano de fondo moi sinxelo e branco e persoas da UVigo como actores, relatores e creadores, son dous dos sinais de identidade da nova campaña, que mantén a liña argumental e estética das anteriores. “Por suposto, a corporativa segue buscando o camiño cara a integración e identificación do noso mundo simbólico: unha institución nova incluso vangardista pero solvente, moderna pero con todas as esixencias académica”, sinala a vicerreitora, que engade que o argumento “son esas persoas que compoñemos a comunidade UVigo, a nosa mellor publicidade e prescrición de marca. O ano pasado eran Campus Remoto e Integra os eixos, e este, a vida, que volve palpitar”.

Amosarse dun xeito persuasivo é necesario e beneficioso

Cunha creatividade e execución integramente abordadas polo equipo de Comunicación da UVigo, as pezas que conforman a nova campaña difundiranse a través de diferentes canles, coas correspondentes adaptacións gráficas e audiovisuais. “Por exemplo, aínda que os vídeos son en formato panorámico, tivemos que adaptar á vertical as escenas para os ‘teaser’ para RRSS que o precisan, coma poden ser TikTok ou os stories de Instagram. O mesmo sucede cos carteis”, detalla Mónica Valderrama, en relación coa nova campaña, que se difundira, de xeito prioritario en medios dixitais, incluíndo insercións con sistema de puxa nas páxinas onde se coñece que se atopa o perfil de entre 17 e 23 anos. RRSS, de xeito orgánico e institucional, coma de pago, e traseiras de autobuses nas tres cidades dos campus da UVigo, completan os medios a través dos que se distribuirá a nova campaña de comunicación.

En relación coa efectividade que este tipo de iniciativas teñen entre o futuro alumnado, a vicerreitora de Comunicación amósase convencida de que “é imprescindible, porque moitos estudantes non teñen unha vocación definida ás veces e a competencia coas demais universidades é evidente. Amosarnos dun xeito persuasivo é beneficioso e necesario”, asegura. Neste sentido, incide en que “a efectividade nos medios dixitais é claramente cuantificable e a ratio de impacto é moi boa. Desde o ano pasado facemos unha campaña non só de ‘branding’ ou dar a coñecer a nosa institución, senón tamén de ‘performance’ colocando un ‘frame’ que conduce á obtención de datos facilitados e autorizados para poder poñerse en contacto coa persoa que o pide para ter información máis específica. Neste senso, esta tarefa de resposta posterior tras coñecer o noso buscador de títulos da web corre a cargo da Área de Captación de Estudantes”, engade a vicerreitora.