DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos postos de atención ao público e nos medios de transporte compartido é obrigatoria

A UVigo mantén a recomendación do uso de máscaras en interiores

A institución publicou hoxe unha resolución reitoral na que se especifica o seu uso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 21/04/2022

A Universidade de Vigo mantén en vigor a recomendación do uso de máscaras en interiores. Así se determina nunha resolución reitoral publicada este xoves na que se dá conta dos acordos adoptados na reunión do comité asesor sobre covid-19 mantida este mércores tras publicarse no BOE o Real Decreto 286/2022 polo que se modifica a obrigatoriedade do uso das máscaras .Nesta resolución detállanse as diferentes medidas acordadas, determinacións que se manterán vixentes ata finais de curso.

A resolución indica que o uso da máscara está especialmente recomendado nos laboratorios e talleres, bibliotecas e salas de lectura e en todos aqueles auditorios con ocupación elevada nos que sexa difícil gardar a distancia interpersoal de seguridade de 1,5 metros, así como no caso das persoas vulnerables. Ademais, mantéñense en vigor as medidas de ventilación, seguindo o criterio xeral de, cando menos, 10 minutos cada hora, así como as medidas hixiénicas de lavado de mans e de protección ao tusir ou esbirrar. 

Por outra banda, o comité decidiu que o uso do cubrebocas seguirá sendo obrigatorio na UVigo no caso dos medios de transporte compartidos (autobuses, furgonetas, espazos pechados de embarcacións...); nas dependencias de uso sanitario como as do Servizo de Vixilancia de Saúde (enfermaría); no caso das persoas con resultado positivo confirmado ou con síntomas compatibles con covid-19 que acudan a dependencias da Universidade e para todas aquelas traballadoras e traballadores que atendan ao público, no momento da atención (rexistros, conserxarías, etc.).

A maiores, na resolución tamén se especifica que se seguirán a repartir máscaras buconasais para o persoal que o solicite a través das conserxarías dos centros.