En Ciencias Socias repite a súa clasificación de 2025 entre as 600 máis destacadas
A UVigo mantense entre as 400 mellores universidades do mundo en Ciencias da Vida e Dereito, segundo o ránking THE by Subject 2026
O Times Higher Education World University Rankings by Subject 2026 sitúa a UVigo entre as 400 mellores institucións académicas do mundo nos eidos do coñecemento das Ciencias da Vida, concretamente en Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte e Ciencias Biolóxicas; e tamén no campo do Dereito, no que o ránking avalía a excelencia en campos como dereito constitucional e administrativo, dereito internacional, dereito comercial e corporativo, dereito penal e xustiza e teoría xurídica e xurisprudencia, entre outros. A UVigo repite a clasificación acadada nestes ámbitos en 2025, onde quedara situada no tramo 301-400 deste ránking, que emprega a mesma metodoloxía que o World University Rankings 2026, con 18 indicadores de desempeño en ensino, investigación, transferencia de coñecemento e internacionalización, aínda que se introduciron axustes nas ponderacións das métricas e os limiares de publicación e persoal para cada área temática na procura dunha maior precisión.
A clasificación, que avalía, segundo os eidos de coñecemento, un número variable de universidades e institucións de ensino superior de todo o mundo, abrangue un total de 11ámbitos, subdivididos á súa vez en diferentes materias. Son nos de Ciencias da Vida e de Dereito nos que a UVigo acada a mellor clasificación (tramo 301-400), igualando a posición lograda o ano pasado. No caso de Ciencias da Vida, o ránking, que avaliou un total de 1211 universidades de 98 países, céntrase nas materias de Ciencias Agrícolas e Forestais; Ciencias do Deporte e Ciencias Biolóxicas, así como Ciencias Veterinarias, na que a UVigo non aparece ao non impartir estes estudos.
No caso do eido do coñecemento do Dereito, a UVigo tamén repite clasificación no tramo das 301-400 mellores universidades do mundo. Neste caso o ránking analizou a excelencia de 425 universidades de preto de 53 países e territorios en dereito constitucional e administrativo, dereito internacional, dereito comercial e corporativo, dereito penal e xustiza e teoría xurídica e xurisprudencia, entre outros.
Estabilidade e descenso nalgúns ámbitos
No ámbito das Ciencias Sociais a UVigo mantense entre as 600 mellores institucións académicas do mundo (tramo 501-600) en materias e eidos como os estudos de comunicación e medios, política e estudos internacionais ou socioloxía. Para o ránking deste ano, neste ámbito analizáronse máis de 1200 universidades dun cento de países.
Por outra banda, a institución académica viguesa repite posición no tramo 601-800 en Enxeñaría, que avalía as disciplinas de: enxeñaría xeral, eléctrica e electrónica, mecánica, aeroespacial e civil; e tamén en Ciencias Físicas (Química, matemáticas, estatística e ciencias ambientais). Súmanse a este tramo do ránking na UVigo os ámbitos de Educación e Artes e Humanidades (linguas, literatura e lingüística, historia, arte e deseño), que descenden respecto a 2025, cando se situaban entre as 600 mellores universidades do mundo. No tramo 801-1000, repite o eido de coñecemento das Ciencias Informáticas e incorpórase o de Economía e Empresa, logo de caer, respecto da clasificación de 2025 cando se atopaba no 601-800.
EEUU e Reino Unido á cabeza, segundo os eidos de coñecemento
Aínda que os autores do Times Higher Education World University Rankings by Subject 2026 sinalan que as universidades asiáticas seguen a mellorar nos campos STEM cun ascenso máis rápido que as europeas e norteamericanas, o MIT encabeza as clasificacións en Artes e Humanidades, Negocios e Economía e Ciencias Sociais, mentres que Stanford lidera Educación e Dereito; Harvard fai o propio en Enxeñaría e Ciencias da Vida e o Instituto Tecnolóxico de California en Ciencias Físicas.
Pola súa banda, institucións de Reino Unido lideran as outras tres clasificacións temáticas con Oxford á cabeza en Informática, Medicina e Sáude, mentres que Cambridge supera a Stanford en Psicoloxía.
