Este venres o campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio con este obxectivo
UVigo e Medio Ambiente colaborarán para crear unha ferramenta que permita identificar as illas de calor e os refuxios climáticos nos concellos
Está previsto que a metodoloxía estea rematada no primeiro trimestre de 2025
A Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia asinaron este venres un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de acción contra o cambio climático. Concretamente, ao seu abeiro desde a institución académica realizarase o deseño dunha metodoloxía para a elaboración de mapas de calor e a localización de refuxios climáticos nos concellos galegos atendendo ás necesidades de biodiversidade.
O convenio foi asinado no campus de Ourense por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, asistindo tamén Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense; Paula Uría, directora Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense, e Pedro Orgeira, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Aerospace Technology Research Group (ATRG)-atlanTTic da UVigo, responsable do proxecto.
O reitor agradeceu á conselleira a elección da Universidade de Vigo para a realización deste proxecto nunha área de coñecemento que, apuntou, “posiblemente coa situación de cambio climático que xa empezamos a ver haxa moito traballo que facer”. Ademais, o responsable académico subliñou que ante os retos neste eido que afronta a sociedade, o campus de Ourense é “un campus que vai ter moito que dicir” pondo en valor “o traballo magnífico por parte do seu profesorado”, neste caso en concreto no eido tecnolóxico.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático sinalou que este convenio é “para nós transcendental”, tendo en conta o impacto da climatoloxía na calidade de vida das persoas e datos como que en Galicia na última década houbo un incremento de temperatura de 0,2 graos. “Galicia quere ser un refuxio climático e para ser un refuxio climático ten que haber unha metodoloxía”, afirmou Ángeles Vázquez, apuntando que esta metodoloxía “ten que partir e emanar do coñecemento e da ciencia”.
Información accesible para a cidadanía
Concretamente, o obxecto do convenio é a elaboración dunha metodoloxía para que nos concellos de Galicia se poidan determinar na súa contorna tres aspectos. En primeiro lugar as illas de calor, entendidas como as localizacións onde as temperaturas sexan extremadamente altas ou inusualmente altas. En segundo lugar trátase de identificar os refuxios climáticos, localizacións dos concellos que potencialmente poidan ser empregadas pola poboación en circunstancias de temperaturas extremadamente altas para paliar temporalmente ese exceso de temperatura. Por último, a metodoloxía facilitará identificar nos concellos as zonas de preservación da biodiversidade, no caso de que coincidan cunha localización definida como refuxio climático.
O responsable do proxecto, Pedro Orgeira, explicou que nel búscase “establecer unha metodoloxía que sexa aplicable a calquera concello de Galicia para que se poida determinar dunha forma sinxela, cun dispositivo portátil, cales son as súas illas de calor e cales as zonas que se poidan considerar refuxios climáticos”. Coa ferramenta resultante, detallou, todo concello vai poder realizar un mapa no que vai a poder localizar esas zonas, mapa que estará a disposición non só das persoas que viven nel senón tamén de calquera visitante. “Poderemos localizar nun concello, sexa o noso ou non, aqueles lugares onde poder refuxiarnos ante fenómenos meteorolóxicamente adversos”, afirmou. O investigador amosou a súa confianza en que este deseño da metodoloxía que recolle o convenio sexa “punto de inicio” para unha segunda fase “na que ampliar e mellorar o grao de detalle das zonas, incorporando incluso imaxes de satélite ou información captura por sensórica a través de drones”.
O convenio, feito ao abeiro do plan estatal Pima Refuxios Climáticos e dotado con 40.000 euros, recolle que a participación da Universidade de Vigo e da Consellería nun proxecto destas características pode situar a Galicia "na vangarda da loita contra a emerxencia climática" e "no apoio aos colectivos máis vulnerables", de acordo cos obxectivos do desenvolvemento sostible. A previsión é ter lista a ferramenta no primeiro trimestre de 2025.