DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Italia, con 80, mantén o seu dominio como principal país de procedencia no primeiro cuadrimestre

A UVigo medra como destino internacional: 362 estudantes de intercambio de 35 países

256 elixen o campus de Vigo, 56 o de Pontevedra e 50 o de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 10/09/2026

Continúa a senda de crecemento do alumnado estranxeiro de intercambio na Universidade de Vigo, que este curso recibe 362 estudantes procedentes de 35 países de Europa, América, Asia e África. Son 39 alumnos e alumnas máis que nas mesmas datas do curso pasado, cando aínda falta por contabilizar o alumnado que se incorporará ás aulas da UVigo no segundo cuadrimestre. Deles, 256 elixiron facultades e escolas do campus de Vigo, 56 optaron por Pontevedra e 50 por centros de Ourense.

A inmensa maioría, 337 estudantes, permanecerá na UVigo durante o primeiro cuadrimestre, mentres que 25 optaron por realizar estadías de curso completo. A pasada semana tiveron lugar os actos de benvida nos distintos campus, xuntanzas destinadas a darlles a coñecer a Universidade, favorecer que se coñezan entre eles e poñelos ao día sobre todas as actividades que lles ofrece a súa nova institución, non só de carácter académico, senón tamén cultural e deportivo.

Informe mobilidade curso 2025/2026 primeiro cuadrimestre e curso completo

Elas son maioría: 206 mulleres fronte a 155 homes

As cifras seguen mellorando as rexistradas nos anos anteriores: 323 estudantes no curso 2025/2026, 312 no 2024/2025 e 289 no 2023/2024. Como xa é habitual, as mulleres son maioría: 206 fronte a 155 homes, mentres que unha persoa preferiu non indicar o seu xénero.

En canto aos países de procedencia, Italia mantense no primeiro posto, con 80 estudantes desta nacionalidade, seguida a moita distancia por Polonia, con 45; Francia e Alemaña, con 37 cada unha; e Turquía, con 28. Fóra da Unión Europea destaca México, con 16 estudantes, seguido do Reino Unido, con 11, e de Brasil e Xeorxia, con 9 cada un. A listaxe inclúe tamén países como Arxentina (8), Corea (8), Ucraína (6), Estados Unidos (5), Taiwán (2), China (2), Taxikistán (1) e Exipto (1).

256 estudantes de 31 nacionalidades quedan en Vigo

Atendendo á súa distribución por campus, 256 mozas e mozos de 31 nacionalidades elixiron Vigo. Se ben tradicionalmente a Facultade de Filoloxía e Tradución foi o principal destino deste tipo de alumnado, este curso a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais sitúase moi preto, con 70 estudantes fronte aos 73 da FFT.

O resto distribúese entre a Escola de Enxeñaría Industrial (40), a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (23), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (15), a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (9), a Facultade de Comercio (9),  Ciencias do Mar (8),  Bioloxía (6),  Química (2) e  CEU de Maxisterio (1).

Nadja Rodríguez, estudante de Ciencias do Mar, chegou a Vigo procedente de Ecuador. “O meu caso é un pouco particular porque teño a nacionalidade española, xa que nacín en Murcia”, explica a estudante, quen salienta que era “moi pequeniña” cando a súa familia regresou ao seu país de orixe. Desde que comezou a estudar Ciencias do Mar tiña claro que quería realizar unha estadía internacional en España ou Portugal. “Investiguei as diferentes posibilidades e Vigo encantoume, así que aquí estou”, engade a estudante, “ilusionada” por poder pasar este curso na cidade. “Estou segura de que a proximidade idiomática fará que me sinta menos lonxe”, asegura.

Valentine Durand, de Francia, asistiu ao acto de benvida acompañada de tres compañeiras alemás: Sofie Ceesay, Helena Whinart e Annika Brill. As catro se desenvolven con fluidez en español, idioma que levan estudando desde que estaban no instituto. Durand xa está incorporada á Facultade de Filoloxía e Tradución e as súas compañeiras, á de Ciencias Económicas e Empresariais. “A todas nos encanta o mar, así que este aspecto foi determinante para elixir a Universidade de Vigo como destino”, explicou Durand, quen fai fincapé en que, “aínda que levamos moi pouco tempo aquí, penso que non nos imos arrepentir. A cidade encantounos desde o primeiro día”.

56 estudantes de preto de 20 nacionalidades, en Pontevedra

 

O campus de Pontevedra conta este cuadrimestre con 56 estudantes de intercambio de 19 países, unha cifra moi similar á do curso pasado, cando foran 57. O centro con máis alumnado internacional é a Facultade de Comunicación (18), seguida da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (12), Belas Artes (8), Dirección e Xestión Pública (5), Deseño (5), Fisioterapia (4), Enxeñaría Forestal (3) e Enfermaría (1).

Coñecer un novo país e a súa cultura é unha das motivacións que achegaron ao campus a todos estes estudantes. Ese é o caso da lituana Vytaute Pociute, quen se formará na Facultade de Fisioterapia. “Quería visitar o país, xa que nunca estivera”, apunta esta estudante da Universidade de Vilnius, quen se decantou pola UVigo ao comprobar que “as materias que tería na miña universidade eran case as mesmas que farei aquí” neste primeiro cuadrimestre.

Do mesmo xeito, o interese pola cultura española e polo país foi un dos motivos que levaron á mexicana Estrella Rubalcaba a continuar a súa formación en deseño de moda no campus. Procedente da Universidade de Guadalaxara, formarase este cuadrimestre no Grao en Deseño, do que lle interesaba a súa orientación “ao deseño en xeral, non só centrado na moda”.

Pola súa banda, o estudante de Ciencias Políticas na Universidade de París Créteil, o francés Mathias Métro, relata que “temos que cursar un ano noutro país”, o que o leva este curso á Facultade de Dirección e Xestión Pública, onde cursará diferentes “materias de ciencias políticas que tamén se imparten na miña universidade e outras diferentes”, relacionadas con cuestións como a lexislación española.

50 estudantes de 14 países en Ourense
 

Polas aulas e facultades do campus de Ourense decantáronse 50 estudantes de 14 países. Doce elixiron a Facultade de Educación e Traballo Social, 11 a de Ciencias Empresariais e Turismo, 8 o Grao en Relacións Internacionais, 5 a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, 5 a Escola de Enxeñaría Informática, 4 a Facultade de Ciencias, 3 a Facultade de Dereito e 2 a Facultade de Historia.

Entre estas alumnas e alumnos están Colin Pradal, procedente de Francia, que se incorpora ao cuarto curso do Grao en Ciencias Ambientais na Facultade de Ciencias, e Paolo Ferrau, chegado da cidade italiana de Mesina e que será tamén alumno de cuarto curso, neste caso na Facultade de Dereito.
Con apenas uns días vivindo en Ourense, os dous comparten as súas primeiras boas impresións tanto da cidade como do campus universitario. Colin Pradal, que xa estivera en España de vacacións, sinala que afronta esta nova etapa tendo como un dos seus obxectivos, ademais de adquirir coñecementos relacionados coa súa titulación, “mellorar o meu español”. Aínda “un pouco estresado” pola súa chegada á cidade, comenta que Ourense lle pareceu “moi bonito”.

Para Paolo Ferrau esta si é a súa primeira vez en España. Explica que escolleu a UVigo porque quería estudar neste país e que “gustoume moito Galicia” entre as opcións posibles. Aquí agarda tamén mellorar o seu español, aprendido no instituto e co seu irmán, e vivir unha boa experiencia en Ourense. Polo momento, da cidade sinala que “gústame moito, porque unha cidade pequena é perfecta para os que somos estudantes”.