DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a primeira vez que se utiliza esta técnica e que se avalía a opinión deste colectivo

A UVigo mide o grao de satisfacción do PAS de doutoramento a través de grupos de discusión

Os resultados empregaranse nos procesos de avaliación externa que realiza a ACSUG

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
DUVI 22/11/2021

Nas últimas xornadas o persoal de administración e servizos vinculado aos programas de doutoramento dos tres campus está a participar nun proceso de avaliación do seu nivel de satisfacción. É a primeira vez que se leva a cabo este procedemento para este colectivo en concreto e, tamén por primeira vez, empréganse grupos de discusión en lugar das tradicionais enquisas de satisfacción. Polo tanto, este proceso implica unha novidade dobre: por unha banda a técnica elixida e, por outra, o colectivo, que está composto por 40 PAS dos tres campus, que desenvolven o seu labor profesional nas actividades de doutoramento, tanto administrativas, como académicas e mesmo económicas..

Tras as sesións o mércores en Ourense e o xoves en Pontevedra, este venres foi a quenda dos traballadores e traballadoras do campus de Vigo que, ao longo da mañá, participaron nesta actividade no edificio Miralles. O obxectivo é medir a satisfacción do PAS de doutoramento para empregar os resultados nos procesos de avaliación externa que realiza a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, ACSUG, para os programas de doutoramento, concretamente para os procesos de seguimento e renovación da súa acreditación. 

Unha información cualitativa máis rica

Con este tipo de actividades de avaliación búscase estudar o funcionamento dos estudos de posgrao na UVigo en xeral, e dos seus programas de doutoramento en particular, atendendo a criterios que fixa a ACSUG en base aos estándares europeos de calidade na educación superior relacionados coa organización e desenvolvemento, a información e transparencia, a xestión da calidade, os recursos humanos e os recursos materiais. 

Pero mentres para coñecer o nivel de satisfacción do estudantado e do PDI dos doutoramentos se empregan as enquisas, o tamaño do colectivo do PAS fai posible que se poida empregar esta outra ferramenta que “permite traballar nas ideas e recoller propostas e comentarios cualitativos, que son máis ricos”. E é que como explica José Miguel Dorribo, técnico superior de Calidade da UVigo, as técnicas grupais permiten obter unha información cualitativa máis rica e mesmo representar dinámicas de interacción entre membros de diferentes áreas e xerarquías. Ademais, este tipo de ferramentas permiten, engade Dorribo, “manter un contacto periódico con este colectivo; integrar a importancia chave da satisfacción nun modelo de calidade, neste caso o sistema de garantía de calidade da Eido, Escola Internacional de Doutoramento da UVigo; recoller a súa opinión e percepcións e obter unha valoración xeral do funcionamento do ciclo de doutoramento e dos seus programas e, finalmente, identificar boas prácticas ou aspectos positivos e problemáticos, así como propostas de mellora”. Os resultados de cada campus plasmaranse nun informe final de avaliación que se fará público, mentres que as ideas e propostas de mellora serán analizadas e tratadas na Eido para o seu eventual desenvolvemento e execución. Ademais, posto que o cuestionario que se emprega está harmonizado dentro do SUG, os resultados cuantitativos poderían ser comparables coas outras universidades. Dorribo tamén remarca que tras experiencia piloto, as persoas participantes agradeceron ser tidas en conta “para expoñer as súas problemáticas, puntos de vista e ideas, isto é, que os escoitemos”.

A próxima cita, en 2023

Esta é a primeira vez que se realiza unha avaliación da satisfacción a este colectivo concreto, tras a aprobación do modelo de calidade en doutoramento en Consello de Goberno en 2020. A pandemia paralizou o calendario previsto, xa que como explica Dorribo, “neste formato, é case imprescindible a presencia física para xerar a interacción necesaria para as discusións e propostas”. En adiante, está prevista que teña unha frecuencia bienal, e a seguinte para 2023.