DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo, que competirá en Formula Student, publica as primeiras imaxes virtuais do monopraza

UVigo Motorsport amosa o UM19 tras case un ano de traballo  

Cun deseño moi similar ao seu antecesor, o vehículo é máis lixeiro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/07/2019

O UM19 quedará esta semana totalmente ensamblado e xa poderá ser sometido aos test precisos para poñelo a punto para as competicións nas que participará en agosto nos circuítos de Hockenheimring e Montemeló. Culminan así 11 meses de traballo nos que unha vintena de estudantes da Universidade de Vigo deseñaron e fabricaron o monoplaza co que participarán, por quinto ano consecutivo, nas competicións máis importante da Formula Student. O vehículo que rodará en Alemaña entre os días 6 ao 11 de agosto, será presentado nun acto público o mediodía do vindeiro venres 2 de agosto, nun dos aparcadoiros da praia de Samil.

O alumnado das escolas de enxeñaría Industrial, de Telecomunicación e de Aeronáutica e do Espazo e, tamén por primeira vez, de titulacións da rama de Artes e Humanidades, foi que de acadar os dous retos que se marcaron ao inicio do proceso de deseño e construción do vehículo: obter datos en tempo real para mellorar o comportamento do vehículo en pista e reducir o seu peso, respecto do do seu antecesor. “O monopraza do ano anterior pesaba 270 kgs e este ano melloramos o proceso de fabricación dos compoñentes de fibra de carbono, o que nos permitiu reducir o peso total do monopraza arredor e 30-40 quilogramos”, explica María Couso, líder do equipo UVigo Motorsport.

Cun deseño moi semellante ao do seu predecesor, o UM19 tamén ten un chasis híbrido, con monocasco en fibra de carbono e subchasis en aceiro tubular. En relación ao seu sistema aerodinámico, o equipo apostou pola la implementación dun sistema de aerodinámica activa en ambos aleróns, co que mellorar o paso por curva e o trazado en recta do monoplaza. Ademais, redeseñáronse os pontóns que permiten un mellor fluxo de aire, favorecendo a refrixeración do motor. En pleno proceso para rematar a ensamblaxe do vehículo, María Couso lembra que “esta tempada tivemos varios problemas coa fabricación do monocasco, o que nos retrasou considerablemente. Cada ano enfrontámonos a novos retos e este a fabricación do monocasco foi un deses grandes problemas”, asegura, ao tempo que destaca que este curso foi o que máis quilómetros percorreron, xa que todas as pezas e configuracións foron probadas no modelo anterior para asegurar a súa fiabilidade e deseño.

Como mínimo igualar os resultados da tempada anterior

A competición en Alemaña comezará o 6 de agosto e aínda que non están confirmadas as datas exactas de todas as probas, que se prolongarán ata o día 11, o habitual é que se inicien polas estáticas: plan de negocio, deseño, etc. e en paralelo coa inspección técnica do vehículo, onde se verifica que cumpre coa normativa da competición. Logo, chegarán as probas dinámicas nas que o protagonismo será para os monoprazas. No caso de Montmeló, a competición durará do 20 ao 25 de agosto, comezando tamén polas probas estáticas e a inspección técnica, para finalizar coas probas dinámicas.

Logo de finalizar a tempada pasada por primeira vez e tras cinco anos de vida do proxecto todas as probas da competición, incluída a Endurance, a de maior resistencia e a máis dura, María Couso apunta que “este ano temos que como mínimo igualar os resultados da temporada anterior e lograr mellorar os tempos nas probas dinámicas para acadar mellores resultados e escalar postos no ránking final”.

Identidade de grupo e apoio de preto de 80 patrocinadores

Tras case un ano de traballo, María Couso considera que o equipo foi quen de “crear unha identidade de grupo coa que todos nos sentimos identificados e iso sempre facilita que o ambiente de traballo permita que todos poidan dar o mellor de si mesmos”. Para a líder do equipo, transcorridos cinco anos desde a creación do proxecto,  o alumnado que participou nel conseguiu amosar o potencial das e dos futuros enxeñeiros galegos, “levando a imaxe da Universidade de Vigo e do sector automobilístico galego a todos os recunchos de Europa”.

Precisamente ao sector da automoción pertencen a maioría dos 79 patrocinadores que este ano apoiaron o proxecto, aínda que tamén hai empresas de loxística, servizos gráficos, compoñentes electrónicos, aeronáutica, etc. Un apoio que o equipo agradece e que considera ten a súa orixe en que “cada ao o proxecto é máis coñecido, tanto local como no ámbito nacional, e cada temporada temos o pracer de contar co apoio de máis empresas que apostan polo talentos novos”, aseguran.