DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vehículo rodará en Montmeló e Hockenheim en agosto

UVigo Motorsport comeza a fabricar o chasis do monopraza co que regresará este ano aos circuítos europeos

Xa traballan nas superficies aerodinámicas do modelo UM21

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Rebeca López Villar DUVI 17/06/2021

Despois de meses de esforzo e planificación, o equipo multidisciplinar UVigo Motorsport, formado por alumnado de varias titulacións que se imparten na Universidade de Vigo, acaba de entrar na fase clave da fabricación do vehículo co que competirá en dous circuítos europeos este verán. Actualmente, o grupo está a producir as pezas do chasis e as superficies aerodinámicas do UM21, o monopraza co que agardan superar as probas dinámicas e estáticas de Formula Student, a competición automobilística na que participan equipos universitarios de todo o mundo.  

Entre as novidades do UM21 atópase a reestructuración xeral do cableado, así como a do sistema electrónico do vehículo. Tendo en conta a elevada carga de traballo dos vindeiros meses, o grupo abriu recentemente un proceso de ampliación co fin de incorporar novos membros aos departamentos de chasis e organización e márketing. Deste xeito conseguiron recrutar a tres estudantes, sumando así un total de 44 membros, 30 no campus vigués e 14 no de Ourense.

Atópanse no “momento máis importante” do proceso

Tras completar a fase de deseño, UVigo Motorsport afronta a etapa de produción e ensamblaxe do novo monopraza a só uns meses da súa participación en Formula Student Spain, entre o 2 e o 8 de agosto, e Germany, entre o 16 e o 21 de agosto. Neste momento, que para eles é “o máis importante da fabricación”, o equipo desenvolve as pezas do chasis e o paquete aerodinámico, unha serie de elementos elaborados con fibra de carbono, “cuestión que esixe unha gran precisión no proceso”. 

Recordan que “realmente a fabricación é a guinda, o último paso de todo un proceso de traballo” no que “son necesarias moitas horas de deseño, simulacións e probas reais de cada parte do monopraza”. Non obstante, o equipo asegura que “a fabricación noutros departamentos, como o de electrónica, está nunha fase moi avanzada, superando incluso as previsións”. Explican que paralelamente ao traballo do departamento de chasis, estanse a realizar probas para ultimar as melloras máis recentes, vinculadas co cableado e o sistema electrónico. O alumnado continúa ademais coa elaboración da xeometría de suspensión e a análise de neumáticos en pista. O obxectivo é que “todo estea listo ata o último detalle de cara ás competicións deste verán”. 

A pausa por mor da pandemia brindoulles unha oportunidade

Aínda que as competicións previstas para 2020 tiveron que adiarse a causa da situación xerada pola expansión da covid-19, este ano retomaron a súa actividade. De feito, Formula Student Spain recibiu 250 solicitudes de participación de 19 países para a carreira que se desenvolverá en agosto, e a de UVigo Motorsport foi unha das 100 seleccionadas.

Lonxe de ver a pandemia como un problema para o seu proxecto, os membros de UVigo Motorsport decidiron aproveitar esta “etapa de transición” para “probar os deseños máis recentes sobre o UM19 co fin de implementalos no UM21 coa seguridade de que non fallarán”. O principal obxectivo do equipo este ano é “poder presentar o novo monopraza e velo rodar nas diferentes competicións despois de case dous anos de planificación e construción”. Subliñan tamén a importancia de “facer un bo papel nas probas estáticas e acadar unha boa posición nas clasificacións”. 

En 2022, un prototipo de coche autónomo

“Ao mesmo tempo que ultimamos os detalles para este 2021, xa miramos cara a 2022”, aseguran os integrantes de UVigo Motorsport. De feito, xa contan cun departamento que traballa no desenvolvemento dun novo coche no que aplicarán “tecnoloxías de última xeración, algunhas delas aínda en fases experimentais”. 

O equipo avanza que co comezo do curso 2021/22 e tras competir co UM21 nos circuítos de Montmeló e de Hockenheim, todos os departamentos porán en marcha o seu seguinte desafío: a creación dun monopraza autónomo, sen piloto. O maior reto para a realización dese prototipo será “a sincronización de todos os subsistemas e a diminución do custo de computación dos algoritmos, para poder traballar a tempo real”, explican.