DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario leva a cabo diferentes probas previas á fabricación do coche

UVigo Motorsport continúa traballando no seu novo monopraza pese á suspensión da Formula Student

​​​​​​​A escudaría rematou en terceiro lugar na proba clasificatoria para a competición de Alemaña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/04/2020

A finais de xaneiro, UVigo Motorsport, a escudaría integrada por 34 alumnos e alumnas de diferentes facultades e escolas, lograba o terceiro mellor resultado, das 148 universidades participantes, no exame clasificatorio para a Formula Student Germany. Non obstante, o monopraza no que traballa este grupo de alumnos e alumnas non rodará este verán no circuíto alemán de Hockenheim, despois de que a situación provocada pola COVID-19 obrígase á suspensión da competición automobilística universitaria. “Danos pena porque ía todo moi ben, pero xurdiu o que xurdiu e seguimos traballando a pesares de que as competicións se cancelasen”, salienta Manuel Diz, responsable do departamento de márketing e organización da escudaría.

De feito, nestas semanas de confinamento, o traballo continúa para os alumnos e alumnas do UVigo Motorsport, que, ante a imposibilidade de completar o proceso de fabricación do seu novo monopraza, o UM20, aproveitan este período para “facer sobre todo unha posta a punto de aspectos que noutros momentos quedaban máis apartados”, explica Diz. “A nosa idea é avanzar agora todo o que se poida no que non requira fabricar ou traballar no taller e, cando volvamos, dedicarnos só a iso”, apunta o representante de UVigo Motorsport, que ve tamén neste contratempo unha oportunidade para “mellorar as prestacións” do monopraza. Desde as súas casas, as e os integrantes do equipo céntranse nestas semanas naqueles traballos que conforman as “probas estáticas” do vehículo, como son as da optimización e avaliación dos deseños, a avaliación de costes ou o desenvolvemento do plan de negocio. 

Un parón tras un gran arranque de ano

Na que ía ser a súa sexta tempada competindo na Formula Student, a escudaría viguesa logrou o seu mellor resultado nun exame clasificatorio, o que a finais de xaneiro realizaron, de xeito simultáneo, os equipos de 148 universidades para participar na proba que debía celebrarse en Alemaña. “A verdade é que estabamos moi contentos, porque é a competición de referencia en Europa e quedar terceiros íanos permitir ser os terceiros en todo e empezar antes as probas”, sinala Diz dun éxito ao que se sumou a clasificación para a Formula Student Spain, a proba que estaba previsto que se celebrase no circuíto de Montmeló, onde o pasado ano UVigo Motorsport acadou o noveno posto na proba de Endurance, o mellor resultado en competición ata a data para a escudaría impulsada en 2014 por estudantes da Escola de Enxeñería Industrial.

De xeito paralelo, o equipo integrado na actualidade por alumnado de diferentes escolas de enxeñaría, xunto con estudantes de titulacións como Economía e Dirección e Administración de Empresas, así como por alumnado de centros doutros campus, como as escolas ourensás de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a pontevedresa facultade de Belas Artes, continuaba traballando no seu novo monopraza. De feito, no seu plan de traballo estaba previsto que neste mes de abril se levase a cabo a fabricación do chasis e a aerodinámica do que ía ser o UM20, unha vez “a maioría das pezas estaban xa mecanizadas”, o que supuña un adianto con respecto á anos anteriores, recoñece Diz. Así e todo, o equipo, que conta coa colaboración de preto de medio cento de empresas e patrocinadores, mantén o seu obxectivo de completar a fabricación e presentar o que será o sexto monopraza da súa historia unha vez concluído o confinamento.

Pensando en 2021 e 2022

O coche resultante destes traballos será de feito, “o que competirá o ano que vén”, explica Diz, tralo adiamento da Formula Student, o que fai que este parón lles outorgue “unha marxe de mellora bastante grande” para o seu monopraza, ao igual que para o resto de escudarías universitarias, que se atopaban tamén traballando nos seus vehículos para este verán. De feito, a suspensión da competición motivou que a Formula Student decidise adiar a 2022 os cambios na normativa da competición inicialmente previstos para o vindeiro ano e cos que se ía promover o desenvolvemento de coches autónomos. “O que quere a competición é que os coches vaian sen piloto, que funcionen practicamente sós, cun sistema de cámaras e sensores Lidar, que van detectando os conos que hai na pista”, explica Diz dunhas modificacións que van supor “cambios bastante grandes” no deseño do seguinte monopraza, nos que buscarán avanzar tamén nos próximos meses.