DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes fíxose público o ránking de Shanghai por ámbitos

A UVigo, de novo entre as 75 mellores universidades do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Por primeira vez a institución académica viguesa é referente en Ciencias Políticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 19/07/2022

Este martes fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2022, clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai). Nel, a Universidade de Vigo está un ano máis entre as 500 mellores universidades en 12 categorías. Destaca a posición que ocupa en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, donde se consolida entre as 75 mellores universidades do mundo e ocupa o posto 51 empatada a puntos con outras 24 entidades. Como novidade, a UVigo inclúese por primeira vez como unha das 400 universidades referentes en Ciencias Políticas.  

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 1800 universidades de todo o mundo en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional. No GRAS 2022 feito público hoxe, en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo está entre as 75 universidades referentes do mundo (no tramo 51-75); en Oceanografía sitúase entre as 200 mellores (151-200); en Xestión Turística e Enxeñaría de Telecomunicación entre as 300 mellores (tramo 201-300); en Ciencias Políticas e Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, entre as 400 referentes (301-400); e en Ecoloxía, Ciencias da Terra, Biotecnoloxía, Ciencias Agrícolas, Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas entre as 500 mellores (401-500).  

A Universidade de Vigo volve a estar entre as institucións referentes nos ámbitos de Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas, onde entrou por primeira vez o pasado ano. Pola contra, respecto a 2021 deixa de estar presente nas categorías de Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Química e Enxeñaría Civil, onde entrara por primeira vez o pasado ano. Na maior parte de categorías, a posición da UVigo mantense, descendendo lixeiramente en Ecoloxía (que pasa de estar no bloque de 301-400 ao de 401-500) e Oceanografía (que pasa de estar no bloque de 101-150 ao de 151-200). No contexto universitario español, a UVigo sitúase no terceiro posto, empatada con outras institucións académicas, nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría de Telecomunicación; no sexto posto en Oceanografía e Ciencias Políticas; no sétimo posto en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica e no noveno posto en Ciencias da Terra.

Resultados en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Sobre a presenza neste Global Ranking of Academic Subjects 2022, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, destaca que “estamos bastante satisfeitos cos resultados, a UVigo segue moi ben posicionada, entre as 500 primeiras universidades do mundo en 12 categorías”. Por ámbitos, subliña que “seguimos mantendo o liderado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 51-75 mellores do mundo. Isto significa que seguimos o ritmo doutras universidades: todas medramos e conseguimos manternos na mesma posición neste ámbito”. Respecto a este resultado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Jesús Simal, coordinador do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, recalca que a Universidade de Vigo mantén o seu liderado no Sistema Universitario Galego como a mellor posicionada neste ámbito científico e como está desde “hai anos” no posto 51 mundial, empatada con outras 24 institucións. Consolidada esta posición, Jesús Simal subliña que o reto agora “é mellorar esta posición, subindo aínda máis o listón, para situarnos entre as 50 mellores do mundo, onde xa apareceríamos nunha posición concreta. É difícil pero non imposible”. Para acadalo, o catedrático apunta que “temos que tentar aumentar o número de publicacións experimentais nas revistas de maior índice de impacto, con investigacións novidosas e relevantes que sirvan de referencia para outros investigadores, de xeito que sexan amplamente citadas, e todo isto cunha forte colaboración internacional para aumentar o nivel e o alcance da nosa investigación conxunta, xerando xa coñecemento na fronteira do coñecemento”.

Resultados noutros ámbitos

Respecto á posición acadada pola UVigo nos demais ámbitos incluídos no Global Ranking of Academic Subjects, Belén Rubio subliña que a UVigo está entre as 200 mellores universidades do mundo no eido da Oceanografía. “Como resultado da agrupación do persoal investigador nos centros de investigación, potenciase o nivel investigador e a captación de talento”, algo que, indica, apréciase no caso do Centro de Investigacións Mariñas-CIM. “Aínda que baixamos lixeiramente con relación ao ano anterior neste ámbito, agardamos unha mellora a partir do Plan Complementario de Ciencias Mariñas, no que nos unimos un total de once institucións en Galicia para potenciar as ciencias mariñas. O futuro traslado do CIM aos edificios da ETEA, tamén axudará a potenciar as sinerxías co CSIC e con outras institucións deste ámbito”, sinala Belén Rubio.

No que se refire ao ámbito das enxeñerías, a vicerreitora de Investigación da UVigo tamén pon de relevo “a posición acada en Telecomunicacións, no que o noso centro AtlanTTIC ten una destacada relevancia”. Recoñecendo “o bo facer do persoal investigador deste centro”, Belén Rubio sinala que “penso que imos mellorar neste ámbito coa creación do laboratorio cuántico no marco do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas, no que imos captar talento de primeiro nivel”. Do mesmo xeito, a responsable académica destaca o traballo feito polo CINTECX, no eido da enxeñaría eléctrica, onde a UVigo se posiciona entre as entre as 400 entidades referentes. “A este ámbito imos tamén darlle un pulo coa nosa incorporación na alianza ATHENA no marco das European Universities”, afirma Belén Rubio.

Igualmente, a vicerreitora de Investigación da UVigo subliña que “tamén conseguimos continuar entre as primeiras 500 universidades en ámbitos moi competitivos como son a Biotecnoloxía e Ciencias Farmaceúticas, o que me leva a destacar o papel do CINBIO, un centro en clara progresión ascendente”. A recente incorporación de talento neste centro así como a captación de figuras como Marie Curie, Ramón y Cajal ou María Zambrano, engade, “destacan no CINBIO e axudan a manterse no nivel doutras institucións, que tamén loitan por medrar coma nós”. Por último, a responsable académica pon de relevo a presenza da Universidade de Vigo en temáticas do eido das Ciencias Sociais, como Xestión Turística, Ciencias Políticas e Educación (401-500), “que seguen a reflexar o crecemento dos campus de Ourense e Pontevedra”.