A primeira será o 25 de outubro en homenaxe a José García Calvo ‘Willy’
A UVigo organiza catro rutas culturais para o primeiro cuadrimestre do curso
Abertas á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral
Un curso e un cuadrimestre máis, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo pon en marcha a súa programación de rutas culturais, “unha aposta que combina actividade física, saúde e descubrimento e revalorización do patrimonio natural e cultural de Galicia”. Nesta ocasión serán catro andainas as que se celebrarán ata finais de ano, abertas á inscrición tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral.
A programación foi presentada este xoves por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte deste campus; Antonio Vázquez, de Xeitura, e Lalo Gómez, coordinador de Actividades de +Deporte de La Región. Desta iniciativa, o vicerreitor do campus destaca que se enmarca no “firme compromiso da nosa Universidade coa promoción da saúde, a cultura e a identidade territorial” e que “con ela pretendemos fortalecer o noso vínculo coa contorna, potenciar o espírito comunitario e facer visibles os valores que nos unen”.
Natureza e cultura
A programación deste cuadrimestre, feita en colaboración coa cooperativa Xeitura e coa comunidade Muvers da UVigo, inclúe catro propostas que “teñen dificultade media, con percorridos entre 15 e 20 quilómetros”. A primeira terá lugar o 25 de outubro e consistirá nunha andaina polos muíños do río Loña (en Pereiro de Aguiar-Ourense) en lembranza de José García-Calvo Willy, falecido promotor e coordinador durante décadas dos roteiros universitarios. Esta andaina, indican desde a organización, “reconecta co espírito de Willy: percorrer muíños esquecidos, fendas de río e camiños tradicionais”. O percorrido será o Segundo Memorial José García Calvo organizado co xornal La Región. “Estamos moi orgullosos de participar nesta iniciativa coa Universidade e iniciar esta programación de rutas cunha homenaxe a Willy, moi querido por toda a sociedade ourensá, por La Región e pola Universidade”, subliña Lalo Gómez. Animando ás persoas interesadas a unirse a esta lembranza, desde a organización sinalan que neste caso a inscrición pode facerse tanto a través da web da UVigo como de La Región nos espazos habilitados para iso.
A seguinte cita será o 8 de novembro, cun percorrido polo val do Bibei, o santuario das Ermidas e o castelo de O Bolo. “No val do Bibei crúzanse paisaxes de montes escarpados, veigas fértiles e regatos secundarios”, comentan desde a organización da andaina, na que non faltará a interpretación botánica e xeolóxica. Tamén en novembro pero o día 29 celebrarase a Ruta por Rianxo e o río Té, onde ao igual que na primeira andaina os muíños e a paisaxe de río terán un protagonismo destacado. Nesta actividade homenaxearase a Castelao, incorporando fragmentos arredor da súa biografía. A programación rematará o 13 de decembro coa Ruta de Marquino Largano (Nogueira de Ramuín). As persoas participantes poderán coñecer esta zona da Ribeira Sacra, achegarse ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e rematar celebrando un tradicional magosto ourensán.
Inscrición a través de Internet
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón “polo bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós ”.
No curso pasado, este programa de andainas universitaria acadou, indican desde a súa organización, “cifras notables: unha media próxima aos 100 participantes por ruta”, sendo un 67% mulleres e un 75,7% membros da comunidade universitaria. “Estes datos son un testemuño do seu alcance, da súa firmeza e da súa capacidade de conectar coa cidadanía e coa comunidade universitaria”, apuntan os seus promotores.
