A primeira terá lugar o 24 de outubro polo río Barbantiño (Ourense)
A UVigo organiza este cuadrimestre catro rutas culturais
Abertas á inscrición de membros da comunidade universitaria e persoas alleas
A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organizará neste primeiro cuadrimestre catro rutas culturais por Galicia. Abertas á inscrición de membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, as andainas propostas achegaranse ao río Barbantiño, á Ribeira Sacra, a Campo Lameiro e ao río Grañal.
A programación, que conta co apoio da Deputación de Ourense, foi presentada este xoves por Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte deste campus; e Antonio Vázquez, de Xeitura. No acto destacouse a dilatada traxectoria destas rutas culturais, nadas en 1999, e como ano a ano, téñense convertido “nun punto de encontro entre universidade, territorio e sociedade”, mantendo vivo desde os inicios “o espírito co que naceron: camiñar para coñecer, interpretar e valorar o patrimonio que nos rodea”. O obxectivo para esta 28 edición dos roteiros é cando menos repetir as cifras do pasado curso académico, no que cada ruta tivo unha media de 83 participantes, arredor do 80% membros da comunidade universitaria.
De outubro a decembro
As catro propostas deste primeiro cuadrimestre teñen todas elas unha dificultade media e desenvolveranse entre os meses de outubro e decembro. A primeira será o 24 de outubro e achegarase ao concello ourensán de Amoeiro e á contorna do río Barbantiño. “O percorrido permitirá coñecer o seu bosque de ribeira, antigos muíños e levadas, a fervenza do Cachón, camiños tradicionais e diferentes elementos do patrimonio histórico e etnográfico dos Chaos”, sinalan desde a organización. Esta primeira andaina será de homenaxe ao falecido José García Calvo, Willy, promotor destas rutas culturais da UVigo, e realizarase en colaboración co xornal La Región.
O segundo roteiro será o 14 de novembro e achegarase á Ribeira Sacra. Concretamente, será un “percorrido circular por unha das paisaxes máis singulares da Ribeira Sacra, partindo de Castro de Abaixo e ascendendo ata Torbeo para posteriormente descender cara ao Sil”. A ruta, sinalan desde a organización, permitirá descubrir a igrexa románica de Santa María de Torbeo, antigos camiños, soutos e a espectacular paisaxe do meandro da Cubela.
Tamén en novembro, o día 28 as andainas volverán a Campo Lameiro, “un territorio especialmente coñecido pola extraordinaria concentración de petróglifos e gravados rupestres, que constitúen un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Galicia”. O itinerario combinará arqueoloxía, bosque atlántico, muíños e as contornas fluviais dos ríos Maneses e Lérez, “permitindo interpretar unha paisaxe transformada e habitada durante milleiros de anos”.
Por último, o día 12 de decembro, a programación deste primeiro cuadrimestre rematará cun percorrido lineal seguindo a contorna do río ourensán Grañal, desde Esgos cara a Tarreirigo e Os Gozos. Esta andaina próxima á cidade de Ourense “permitirá descubrir antigos camiños, aldeas, muíños, bosques e elementos relacionados co aproveitamento tradicional da auga, poñendo en valor o patrimonio etnográfico da zona”. A ruta rematará cun tradicional magosto.
Inscrición a través de Internet
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón polo bo ambiente que teñen.
