A iniciativa foi presentada este luns no concello pontevedrés
A UVigo participa na creación dunha aplicación inclusiva para dar a coñecer as alfombras florais de Ponteareas
No seu desenvolvemento traballaron desde o campus de Ourense Arno Formella e Tiago Castro
Este domingo, 7 de xuño, miles de visitantes achegaranse como cada ano á vila de Ponteareas para ver as súas coñecidas alfombras florais feitas con motivo da celebración do Corpus Christi. Co obxectivo de facer máis accesible esta celebración a diferentes colectivos, a Universidade de Vigo, o Concello de Ponteareas e a Asociación de Alfombristas presentaron este luns a aplicación inclusiva Camiñar Xuntos. Con ela, búscase ofrecer “unha experiencia accesible e inclusiva” que permitirá vivir esta festa a través dunha audioguía sensorial intelixente e “achegar as alfombras florais a persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva”.
A iniciativa foi presentada no Concello de Ponteareas por Nava Castro, alcaldesa do Concello de Ponteareas; Arno Formella, director e profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense (Universidade de Vigo); Tiago Castro, alumno de doutoramento da UVigo; Cristian Montes, concelleiro de Novas Tecnoloxías; e Miguel Ángel García, da Asociación de Alfombristas del Corpus Christi. A aplicación, explicouse na súa presentación, consiste “nunha audioguía sensorial intelixente que se activa automaticamente mediante balizas BLE distribuídas ao longo do percorrido das alfombras florais. Grazas a este sistema, as persoas usuarias reciben información contextual adaptada en formato audio ou texto, facilitando a orientación e a comprensión da historia, significado e valor artístico das alfombras”.
A aplicación, explican desde a súa organización, foi ideada polo ponteareán José Mera e no desenvolvemento tecnolóxico da proposta por parte da Universidade de Vigo participaron os citados Arno Formella, responsable do Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada LIA2, e o alumno do programa de doutoramento en Sistemas Software Intelixentes e Adaptable Tiago Daniel Torres de Castro. Tiago Castro está a realizar a súa tese de doutoramento no uso de aplicacións móbiles para axudar e apoiar a persoas con discapacidade incluíndo certas funcionalidades baseadas en intelixencia artificial. Nesta liña de traballo, para este proxecto o equipo da UVigo implementou o primeiro prototipo dunha aplicación que permite que unha persoa usuaria poida recibir información sobre o evento en moitos puntos ao longo do percorrido polas alfombras, grazas a balizas bluetooth instaladas nel. O público interesado pode rexistrarse na aplicación como persoa con deficiencia visual ou como voluntaria disposta a colaborar. A aplicación, dispoñible na PlayStore, tamén inclúe unha parte lúdica con xogos sobre a temática do evento.
Unha experiencia máis accesible, autónoma e inclusiva
Durante a presentación, Arno Formella destacou que a ferramenta “permite que a información chegue automaticamente ás persoas usuarias a medida que avanzan polo percorrido, ofrecendo unha experiencia máis accesible, autónoma e inclusiva”. O responsable universitario sinalou ademais que se trata dun prototipo actualmente dispoñible para dispositivos Android que continuará evolucionando en futuras fases. Pola súa banda, Nava Castro destacou que “esta aplicación é moito máis ca unha ferramenta tecnolóxica xa que permite abrir o Corpus a máis persoas, facelo máis inclusivo, máis accesible e máis humano”. A rexedora subliñou que o proxecto facilitará que persoas con discapacidade visual, auditiva ou cognitiva poidan achegarse ás alfombras florais dunha forma máis autónoma e enriquecedora e puxo esta iniciativa como exemplo da colaboración entre administracións, universidade, tecido asociativo e cidadanía.
Pola súa banda, José Mera sinalou que “este proxecto demostra que as ideas que nacen da xente deste pobo poden saír adiante cando contan con apoio e colaboración” e Miguel García, presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi, explicou que a aplicación “é o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso baixo o nome de Sentir o Corpus, co que queremos avanzar na inclusión das persoas con discapacidade visual e auditiva e permitir que vivan a festa dunha forma máis completa e autónoma”. Ademais, o concelleiro de novas tecnoloxías, Cristian Montes detallou que esta aplicación “é só o primeiro paso e seguirase mellorando e incorporando progresivamente novas funcionalidades que permitan dar resposta ás necesidades de máis colectivos, facendo que a tecnoloxía sexa unha verdadeira ferramenta de inclusión e participación”.
