Emilio García Roselló lidera a achega da institución a IberArthro
A UVigo participa na creación da maior base de datos sobre a distribución de artrópodos ibéricos
Expertos dunha decena de entidades colaboran no proxecto, que reúne máis dun millón de rexistros
Os artrópodos conforman o grupo máis diverso do planeta, cunha biodiversidade estimada de entre cinco a dez millóns de especies, das que moitas, aínda son descoñecidas. Así mesmo, teñen unha importancia crucial nos ecosistemas terrestres, xa que están involucrados na polinización, o ciclo de nutrientes ou o control biolóxico. “Non obstante, os estudos amosan que foron sistematicamente ignorados ata recentemente, a pesar da súa relevancia o seu coñecemento segue a ser limitado, en gran parte debido á escaseza de datos fiables”, explica o docente e investigador do Departamento de Informática da UVigo, Emilio García Roselló, que xunto ao tamén docente e investigador do mesmo departamento, Jacinto González Dacosta, lidera a participación da Universidade de Vigo na creación de IberArthro, a base de datos máis completa, ata a actualidade, sobre a distribución de artrópodos na península ibérica e Baleares.
Publicado recentemente na revista Ecosistemas, a base reúne máis dun millón de rexistros validados por especialistas, que representan máis de 4600 especies de grupos tan diversos como bolboretas, escaravellos, abellas e tricópteros. “A península ibérica forma parte dun dos ‘puntos quentes’ de biodiversidade mundial. Non obstante, sábese moi pouco sobre a ecoloxía e distribución de moitas especies de artrópodos ibéricos, o que dificulta o deseño de estratexias de conservación eficaces. De aí a importancia de iniciativas como IbeArthro”, explica García Roselló, que destaca que os datos recompilados, desde o século XVIII ata a actualidade, están dispoñibles en acceso aberto, a través da plataforma GBIF.
Persoal investigador de máis dunha decena de institucións
A elaboración da base de datos é froito do traballo do persoal de máis dunha decena de universidades e centros de investigación de todo o país, liderados polo investigador David Sánchez Fernández da Universidad de Murcia. No caso concreto da UVigo, García Roselló encargouse do desenvolvemento dunha aplicación software denominada Digit_Artro, baseada na aplicación ModestR, que desenvolveu e mantén desde hai unha ducia de anos. “Ademais, tamén tomei parte, no proceso de data cleaning da base de datos IberArthro, axudando na validación e corrección dos datos e a taxonomía. Posteriormente, formateamos e empaquetamos a base de datos para poder distribuíla de maneira integrada coa aplicación, que permite visualizar as especies nun mapa, estimar a completitude dos inventarios e modelizar a distribución de especies”, detalla o investigador da UVigo.
Persoas expertas en taxonomía, ecoloxía, entomoloxía, pero tamén interesados no estudo dos insectos e outros artrópodos, son os destinatarios desta base de datos, que dun xeito máis amplo tamén está dirixida a toda a comunidade investigadora en biodiversidade, contribuíndo ademais a poder formular estratexias de conservación e protección máis informadas e axeitadas.
Antecedentes do proxecto
Proxectos como Bioweb (2012), Bandenco (2014), IberArtro (2018) e Digit_Artro anteceden a IberArthro e neles tamén estiveron involucrados numerosos investigadores e investigadoras de diversas universidades españolas. “Os datos recompilados nesta base de datos obtivéronse dunha variedade de orixes, incluíndo literatura, coleccións museísticas e privadas, teses de doutoramento, datos de traballo de campo, achegas cidadás e outras investigacións non publicadas. Entre os museos de coleccións máis importantes que contribúen están o Museo Nacional de Ciencias Naturales, Museo de Zoología de la Universidad de Navarra, Instituto de Evolutiva Biología e as universidades Autónoma de Barcelona, Granada, Murcia, Autónoma de Madrid e de Castilla-La Mancha”, detalla Emilio García. Ademais, o 8% de todos os datos obtivéronse de plataformas de contribucións cidadás en liña, incluíndo iNaturalist, Biodiversidad Virtual, Observación e Fotografía e Biodiversidad.
IberArthro desenvolveuse no marco do Proxecto Digit_Artro, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Unión Europea (NextGenerationEU) e “representa un exemplo de ciencia colaborativa e aberta con impacto real en políticas de conservación”, sinala o investigador da UVigo.