DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co Museo Colexiata de Sar e o Arcebispado de Santiago de Compostela

A UVigo participa na dixitalización do sepulcro do arcebispo Bernardo II

A iniciativa quere facilitar e súa difusión e estudo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 04/11/2025

A tumba máis antiga conservada dun arcebispo de Santiago de Compostela é a de Bernardo II, do século XIII, que se atopa na igrexa de Santa María de Sar, situada na capital galega. O Museo Colexiata de Sar desenvolve un proxecto de recuperación desta figura e ao seu abeiro, e por encargo do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo participou na dixitalización do sepulcro e na xeración dun modelo tridimensional preciso del.

Segundo explican desde o proxecto, Bernardo II, que gobernou a sé de Santiago de Compostela entre 1224 e 1237, decidiu renunciar ese ano e retirarse ao priorado de Sar, onde viviu como cóengo ata 1240. O seu corpo foi enterrado nunha tumba que consiste nun leito decorado con dúas elaboradas inscricións e unha tapa na que se esculpiu a efixie do arcebispo. “Trátase dunha das mellores esculturas de mediados do século XIII de Santiago de Compostela e representa o prelado con traxe pontificio cos ollos pechados nunha especie de ‘morte-sono’”, sinalan. Este sepulcro, engaden, constitúe “o principal testemuño que hai de Bernardo II”.

Un modelo dixital preciso

O Museo Colexiata de Sar está levando a cabo un proxecto cultural de recuperación da figura de Bernardo II. Esta iniciativa é continuación do programa MuSar Dixital, que está a poñer a disposición do público unha serie de recursos en liña relacionados coa arte e a historia deste importante conxunto monumental de Santiago de Compostela. Neste contexto, a dixitalización do sepulcro realizouse grazas ao programa de subvencións FO215 da Deputación da Coruña e no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Os seus directores foron Victoriano Nodar, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ramon Yzquierdo, da Universidade de Santiago de Compostela. O deseño 3D e escaneado dixital foi realizado polo alumno do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural dirixido pola UVigo Alejandro Vázquez. A parte de documentación recaeu en Diego Fernández. 

A tumba foi dixitalizada mediante técnicas de láser 3D de alta resolución, xerando un modelo tridimensional preciso. O proceso conservou tanto a morfoloxía xeral da peza como os detalles iconográficos da figura e as inscricións en relevo da cista. Posteriormente, aplicouse unha texturización realista mediante intelixencia artificial, que reproduce fielmente a materialidade e a pátina superficial da pedra. O resultado, sinalan desde o proxecto, é “un rexistro dixital completo que facilita o estudo histórico e artístico, os estudos de conservación e a difusión do ben cultural sen arriscar danar o orixinal”. A dixitalización xa se pode ver na web musar.gal e en Youtube. “A publicación deste modelo dixital do sepulcro é un primeiro paso para o estudo completo que estamos facendo del, con vistas a unha posterior restauración”, sinala Victoriano Nodar.

Todo este estudo, indican as entidades promotoras, “abrirá un novo camiño no descoñecido século XIII compostelán, xa que, ademais de realizar un estudo completo da tumba, buscarase dar a coñecer a súa figura a través das redes sociais, charlas e visitas”. De maneira complementaria, engaden, editarase un libro monográfico, no que historiadores, xunto a un epigrafista e unha restauradora, abordarán a figura de Bernardo II e o seu contexto histórico.