DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Raquel Rey: “Non é un problema que xestionar, senón unha riqueza que impulsa”

A UVigo participa en Gran Canaria no Encontro da Rede Universitaria pola Diversidade

Apelouse ao papel das universidades como axentes de cambio que deben garantir a inclusión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 07/11/2025

A Universidade de Vigo participou esta semana en Gran Canaria no Encontro da Rede Universitaria pola Diversidade (RUD), un encontro organizado pola Universidade Fernando Pessoa Canarias e no que que se reuniron numerosos representantes das universidades que forman parte da rede co obxectivo de compartir experiencias, estratexias e boas prácticas en materia de inclusión, diversidade sexual e de xénero, accesibilidade e dereitos humanos no ámbito universitario.

A directora da Área de Diversidade da UVigo, Raquel Rey, foi a encargada de moderar a benvida institucional, que contou coa participación de Peter de Jesús, director de Igualdade e Diversidade da UFPC; Antonio Rodríguez, reitor desta mesma universidade; e Ruth Martín, concelleira de Xuventude, participación cidadá, igualdade e Universidade Popular do Concello de Santa María de Guía de Gran Canaria. Durante o seu discurso, Rey fixo fincapé en que “a diversidade non é un problema que xestionar, senón unha riqueza que impulsa cara a unha educación máis xusta e con maior futuro”, destacando, neste senso, o papel das universidades como axentes de cambio social que deben garantir a inclusión e a defensa efectiva dos dereitos humanos.

Creación de contornas seguras para o alumnado trans

O relatorio inaugural, a cargo de Noemí Parra, da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, centrouse no tema Acompañamento trans desde o social, e nel abordáronse os desafíos e responsabilidades das institucións académicas na creación de contornas seguras para o alumnado trans. Tamén destacou a intervención de Clara Montesdeoca, da asociación Caminar Intersex, coa charla Intersexualidades e Dereitos Humanos: un enfoque cara á inclusión, presentando o traballo asociativo e sendo ela mesma unha testemuña viva da importancia de poñer en valor as historias individuais como fonte de coñecemento e como ferramenta de cambio social. A través da súa experiencia, convidou a reflexionar, a empatizar e a entender mellor realidades que, moitas veces, permanecen invisibilizadas.

O segundo día do encontro combinou sesións formativas e talleres prácticos abertos ao público, cun enfoque aplicado á docencia, á investigación e aos espazos laborais. Entre eles, destacaron a ponencia de Graciela Corujo, vicerreitora de Titulacións da Universidade Fernando Pessoa; o taller Construír espazos docentes e laborais seguros e inclusivos, impartido por Eva Pascual, experta en inclusión laboral trans, e o taller sobre Novas narrativas migratorias en contextos académicos, conducido por Valeria Payán Vargas.

Nesta mesma xornada tamén tivo lugar a charla A universidade que nos falta, un espazo de diálogo con representación do estudantado, persoal docente e asociacións como Gamá e Chrysallis Canarias, no que se reflexionou sobre o papel das universidades como axentes de transformación social e garantes da diversidade.

Benvida a novos socios da RUD

A parte interna do encontro, reservada ás universidades que integran a RUD, desenvolveuse durante o xoves pola tarde e hoxe venres, incluíndo sesións de traballo, a coordinación de obxectivos comúns e a Asemblea Extraordinaria da Rede, momento no que se deu a benvida oficial á Universidade de Cantabria e á Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, ampliando o alcance territorial da rede. Ademais, as participantes puideron visitar a exposición Sembrando bonito tu metro cuadrado, promovida por Dibutrans e Eva Pascual, que convida á reflexión sobre as representacións da diversidade nos espazos públicos.

O encontro rematará cunha posta en común sobre as liñas de crecemento da RUD e coa planificación de futuras accións conxuntas orientadas a fortalecer a cooperación interuniversitaria, impulsar plans de diversidade e consolidar unha rede estatal de boas prácticas en diversidade.