Coa presenza das vicerreitoras de Investigación e Internacionalización
A UVigo participa en Madrid no I Foro de Universidades Españolas en Universidades Europeas
As vicerreitoras de Internacionalización, Maribel del Pozo, e de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, da UVigo representan, xunto a técnica de Relacións Internacionais, María Pardal, á institución académica viguesa no I Foro de Universidades Españolas en Universidades Europeas, que se celebra ata hoxe en Madrid. Constituído en 2024 coa Universidad de Granada como institución coordinadora, o Foro UEUE, reúne durante dous días as universidades españolas que forman parte de alianzas de universidades europeas. O seu obxectivo é poñer en común boas prácticas, compartir resultados e debater sobre os retos e necesidades que afrontan as universidades co fin de fomentar a colaboración que leve á mellora das actuacións.
A UVigo forma parte desde o ano 2022 da alianza de universidades europeas ATHENA, unha rede académica que reúne unha decena de institucións de ensino superior europeas no marco da iniciativa Universidades Europeas, que xa permitiu a creación de 60 consorcios integrados por máis de 500 institucións de educación superior.
O programa do Foro, que se celebra nos campus da Universidad Rey Juan Carlos I, inclúe mesas redondas, obradoiros e sesións de discusión dos grupos de traballo sobre temas que van dende o financiamento e a personalidade xurídica destes consorcios ata as microcredenciais e o impacto académico das iniciativas no marco de cadansúa alianza.
