DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Búscase impulsar spin-off en sectores estratéxicos, como enerxía, biotecnoloxía ou aeroespacial

A UVigo participa en Madrid no maior foro internacional das ‘ciencias profundas’

Participan representantes da Oficina de I+D e de varias empresas concibidas por persoal investigador

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • HRS4R
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 29/01/2025

A Oficina de I+D asiste este mércores e xoves nas instalacións de La Nave en Madrid ao evento Science for Industry (S4I), unha cita anual que aposta pola economía do coñecemento e que reúne a empresas, institucións e universidades de toda Europa para conectar ciencia e industria. Como nos dous anos anteriores -esta é a terceira edición-, a Universidade de Vigo acude a este encontro internacional formando parte da delegación galega, coordinada pola Axencia Galega de Innovación. 

Considerado o maior punto de encontro internacional das denominadas “ciencias profundas” (‘deep science’), entendidas como tecnoloxías industriais “altamente disrutivas” xurdidas en ámbitos científicos, a Universidade de Vigo conta neste escaparate internacional cun posto no que amosar os proxectos de transferencia nos que están a traballar a universidade e os seus centros singulares de investigación, explorar vías de colaboración universidade-empresa, presentar as capacidades dos seus grupos para responder aos retos que se lles presentan ás corporacións e ofrecer resultados protexidos, xerados na UVigo, para a súa explotación comercial. 

“Trátase dunha ocasión excepcional para presentar á nosa universidade como un aliado estratéxico para o tecido produtivo e unha boa oportunidade para que os traballos da comunidade investigadora cheguen á sociedade”, explican desde a oficina.

Ideas empresariais xurdidas da UVigo buscan investidores 

Completan a delegación da UVigo representantes da spin-off Spectrumgrid, liderada polo investigador Pablo Breogán Sánchez, que se dedica á prestación de servizos de trazabilidade material e dixital de fibras e tecidos. Participa, neste caso, no programa Call for startups – S4I, onde se lle dá a oportunidade de presentar a investidores e representantes do ecosistema de emprendemento tecnolóxico nacional e internacional a súa actividade e os seus plans de futuro.

Tamén están presentes no evento os representantes dos proxectos Ignicia-Proba de Concepto da Universidade de Vigo MytUniSex e edgecontinuum, que están a desenvolver e madurar os seus resultados da investigación no eido da produción intensiva de mexillóns unisex e nas comunicacións de redes 5G e o edge computing, co obxectivo de crear, ao final do proxecto en 2026, sendas spin-off que comercialicen os produtos e servizos derivados da investigación. Os CEO destas futuras compañías -Manuel García, de MytUniSex, e Miguel Faro de edgecontinuum- acoden a Madrid co obxectivo de xerar contactos, reunirse con posibles parceiros e dar a coñecer a súa iniciativa empresarial aos investidores e empresas de capital risco que participan na feira.

A seguinte cita será Foro Transfiere, do 12 ao 14 de marzo en Málaga

Esta é a primeira gran cita do ano á que acude a Oficina de I+D neste 2025 para dar a coñecer as capacidades e resultados da investigación desenvolvida na institución e entrar en contacto con entidades interesadas en colaborar coa UVigo e explotar comercialmente os coñecementos xerados pola súa comunidade investigadora. O vindeiro mes de marzo, do 12 ao 14, acudirán en Málaga a unha nova edición do Foro Transfiere e, xa en outubro, desprazaranse a Barcelona para participar en Biospain.