DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa Deputación de Ourense e o Museo do Pobo Galego

A UVigo participa nun programa de dinamización dos espazos expositivos etnográficos e etnolóxicos da provincia

O obxectivo é facilitar o coñecemento mutuo entre os seus máis de 70 espazos museísticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 05/05/2026

Este martes arranca en Ribadavia un programa de dinamización dos espazos expositivos etnográficos e etnolóxicos da provincia de Ourense posto en marcha pola Deputación de Ourense, a través do CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, en colaboración coa Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo e o Museo do Pobo Galego. Baixo o título Cada vimbio conta: coñecernos para conectarnos, a iniciativa desenvolverase do 5 ao 21 de maio en dúas xornadas técnicas e catro actividades distribuídas por distintos puntos da provincia, como son Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives.

A participación da UVigo está liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. O proxecto, indican desde a súa organización, consiste nun programa pioneiro “que sitúa a provincia de Ourense á vangarda galega na museoloxía etnolóxica e responde a unha necesidade urxente de pór en valor e conservar o patrimonio cultural propio”. O seu obxectivo, engaden, é facilitar o coñecemento mutuo entre os máis de 70 espazos museísticos identificados na provincia de Ourense para promover dinámicas de colaboración entre eles. Con estas xornadas búscase “activar relacións entre os centros e sentar as bases para futuras políticas culturais máis coordinadas, sostibles e adaptadas á realidade do territorio, reforzando o papel dos espazos museísticos como axentes clave na dinamización cultural da provincia de Ourense”.

Diferentes voces

As sesións combinarán relatorios de especialistas con espazos de traballo participativo entre as persoas responsables e traballadoras dos propios espazos. Entre as e os relatores convidados destacan, segundo indican desde a organización do programa, “figuras de recoñecido prestixio no ámbito da xestión museística e do traballo en rede”, como Juaco López (Muséu del Pueblu d’ Asturies), Jordi Abella (Ecomuseu de les Valls d’Àneu) ou Luis Grau (Museo de León e ICOM España-Consejo Internacional de Museos). As súas intervencións, detallan, “permitirán incorporar experiencias consolidadas e perspectivas externas que contribúan a enriquecer o proceso”. Porén, desde a organización sinalan que o eixo central do programa non reside unicamente nestas achegas expertas, senón tamén, e especialmente, na participación directa das persoas que traballan no día a día dos espazos museísticos da provincia: responsables de centros, persoal técnico e equipos que sosteñen e desenvolven estes proxectos culturais no territorio. A través de presentacións, dinámicas de grupo e espazos de posta en común, búscase dar valor ás súas experiencias, identificar boas prácticas e detectar necesidades compartidas.

A primeira sesión celébrase este martes pola tarde co título Coñecer os espazos museísticos como primeira trama no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Nela, X. Carlos Sierra (padroado do Museo do Pobo Galego) falará das orixes deste programa e a necesidade dunha rede e Fátima Braña e Aida Lojo (Universidade de Vigo) farán unha primeira aproximación aos espazos museísticos da provincia de Ourense. Por último, Juaco López (director do Muséu del Pueblu d’ Asturies) explicará a experiencia dos museos etnográficos de Asturias. A sesión rematará cunha visita guiada ao Museo Etnolóxico. As demais actividades terán lugar os días 7, 12, 19 e 21 de maio, celebrándose cada xornada nun espazo museístico diferente da provincia. 

O programa, subliñan desde a súa organización, “pon o acento en dúas ideas fundamentais: coñecerse e escoitarse. Coñecerse para facer visible unha realidade que, a miúdo, permanece fragmentada; escoitarse para comprender as diferentes situacións, contextos e retos aos que se enfrontan os centros. Só a partir deste recoñecemento mutuo é posible mellorar a xestión baseada na colaboración e na confianza”. Cada vimbio conta, engaden as entidades promotoras, “funciona así como unha metáfora do propio proceso: cada espazo, cada profesional, cada experiencia suma na construción dun trenzado común. Unha rede que non se impón, senón que se crea colectivamente, a partir do diálogo, da práctica compartida e da vontade de cooperar ata conformar un cesto común que acolle a diversidade de cada espazo, sen perder as súas singularidades”.