Este venres celebrouse a xornada de lanzamento de Digital_Expo
A UVigo participa nun proxecto de dixitalización dos recintos feirais e centros expositivos da eurorrexión Galicia-norte de Portugal
Trátase dunha iniciativa Interreg-Poctep cun orzamento de arredor dun millón de euros
Dixitalización intelixente e conectada nos recintos feirais e centros expositivos da eurorrexión Galicia-norte de Portugal (Digital_Expo). Este é o título e tamén o o obxectivo dun novo proxecto Interreg Poctep lanzado este venres en Ourense coa participación dun equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo.
O proxecto, liderado pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia), conta coa participación de, ademais da UVigo, de Expourense-Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, e das cámaras municipais de Viana do Castelo, Arcos de Valdevez e Ponte de Lima. O orzamento total da iniciativa ascende a arredor de un millón de euros e está financiado con fondos Feder da UE a través da sexta convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027. Iniciado neste 2026, está previsto que se prolongue ata finais de 2027. Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo multidisciplinar con persoal docente e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Facultade de Dereito, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, encabezado por Francisco Javier Rodríguez, do Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada LIA2, grupo que conta cunha ampla experiencia en intelixencia artificial aplica a, entre outros aspectos, a industria e a análise de datos complexos.
Novas solucións tecnolóxicas
Segundo indican desde o proxecto, Digital_Expo “sitúa aos recintos feirais e centros expositivos da eurorrexión Galicia-norte de Portugal como impulsores de procesos de transformación dixital aplicables tanto á súa propia actividade como á de pequenas e medianas empresas doutros sectores que conforman o tecido económico deste territorio”. Na iniciativa, engaden, “estes recintos asumirán un papel protagonista como espazos de proba e visibilización de novas solucións tecnolóxicas que redunden nunha maior eficiencia operativa na xestión, na maximización do valor engadido aos usuarios (expositores e visitantes, no caso das feiras) e na integración de prácticas sostible e inclusivas, o cal incidirá nunha maior competitividade empresarial e no posicionamento destes recintos como referentes en innovación”.
Para acadar este obxectivo, o proxecto conta con diferentes liñas de actuación. Nel establecerase unha folla de ruta común en materia de dixitalización a partir do diagnóstico de ámbitos de mellora e da catalogación de tecnoloxías dispoñibles; e articularase un hub demostrativo dixital, que terá como punta de lanza unha plataforma virtual, e que ofrecerá un programa de accións demostradoras, ademais dun observatorio de tendencias. Os recintos feirais e centros expositivos servirán como banco de probas a través de tres pilotos: xemelgo dixital, intelixencia artificial e realidade virtual e aumentada. Os resultados, sinalan desde a iniciativa, “serán transferidos a todo o ecosistema empresarial da Eurorrexión”.
Dentro deste consorcio, a Universidade de Vigo asume “un rol activo en varias das liñas centrais” do proxecto. No ámbito do hub demostrativo dixital, achegará o seu coñecemento e capacidade para analizar, validar e contextualizar as solucións tecnolóxicas e que estas se poñan a proba na contorna. Nos proxectos piloto, que explorarán tecnoloxías como o xemelgo dixital, a intelixencia artificial e a realidade virtual e aumentada, contribuirá coa súa “dilatada experiencia investigadora nestas áreas, con grupos de investigación que levan anos traballando na súa aplicación a contornas produtivas reais”. Ademais participará “en todas as actividades que impliquen transferencia e formación a pemes”, apostando por unha formación que sexa práctica, accesible e orientada a resultados concretos.
Un exemplo de colaboración
Na xornada de lanzamento celebrada este venres en Expourense participaron José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia; Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Rogelio Martínez, director xerente Expourense; Marco Valiño, director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación Provincial de Ourense, e representantes dos municipios lusos participantes. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo a Digital_Expo como exemplo de colaboración institucional e agradeceu o labor de cada unha das partes implicadas para impulsar os recintos feirais como os espazos estratéxicos que son para os distintos sectores económicos e os seus territorios.
Pola banda e na súa primeira intervención como vicerreitora do campus de Ourense, tras tomar posesión este xoves, Montserrat Cruz sinalou que “interveño coa emoción particular de quen estrea responsabilidade” e apuntou que “unha das mellores formas coas que puiden comezar esta etapa é participando nun proxecto como este: onde se vincula á Universidade co territorio, á tecnoloxía coas persoas, e a Galicia co norte de Portugal”. Nese sentido, destacou que a participación en Digital_Expo responde “á nosa vocación de acompañar os procesos de transformación dixital da nosa contorna máis próxima” e que o proxecto, en conxunto, “contribuirá a consolidar máis se cabe, os vínculos entre o campus de Ourense e o ecosistema empresarial de Ourense”.
