Coas universidades de Barcelona e Pablo de Olavide de Sevilla
A UVigo participa nun proxecto estatal sobre a correlación entre cambio climático e desigualdade de xénero
O campus de Ourense acolleu este xoves unha das súas xuntanzas
Un equipo da Universidade de Vigo, a Universidad Pablo de Olavide de Sevilla e a Universitat de Barcelona está a desenvolver un proxecto estatal chamado Clima-Gen, centrado na correlación entre cambio climático e desigualdade de xénero. Os seus membros reuníronse este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
O proxecto está financiado pola Convocatoria de Investigacións Feministas do Instituto da Muller, do Ministerio de Igualdade. Por parte da Uvigo participan nel Francisco Aguiar Fernández e Evelia Murcia Álvarez, ambos membros do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero PT1, do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa (Aipse), do grupo promotor de Traballo Social Ecosocial en España e profesores do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
Segundo explican desde a súa organización, Clima-Gen: Xeración dun índice para a medición da dimensión de xénero ante a vulnerabilidade socioecolóxica derivada do cambio climático e a súa proxección é un proxecto liderado por Fernando Relinque, da Universidad Pablo de Olavide e director da Cátedra de Trabajo Social Verde. O seu obxectivo é “analizar a correlación entre o cambio climático e a desigualdade de xénero, unha dimensión que foi frecuentemente excluída nos estudos de impacto social do cambio climático”. A investigación, indica o seu equipo, “parte da evidencia científica que amosa como o cambio climático pode agravar a desigualdade de xénero debido a factores como a afectación a profesións feminizadas ou o incremento da carga de coidados, que recae principalmente nas mulleres”. Neste contexto un dos resultados clave do proxecto será a creación dun índice territorializado do impacto do cambio climático na desigualdade de xénero. “Este índice, desagregado por municipios, permitirá medir o risco e a vulnerabilidade de cada territorio, proporcionando así unha ferramenta fundamental para a toma de decisións en políticas locais que mitiguen estes impactos”, afirman desde Clima-Gen.
Seminario en Ourense
O equipo Clima-Gen analizou os avances do seu proxecto nun seminario celebrado este xoves no campus de Ourense baixo o título Cambio climático e desigualdades de xénero. Por parte da Pablo de Olavide participaron Fernando Relinque, Candelaria Terceño e Raquel García; da Universitat de Barcelona Belén Parra e da UVigo Evelia Murcia e Francisco Aguiar. Na apertura da actividade, á que asistiu alumnado do Grao de Traballo Social, Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, salientou a relevancia de abordar a intersección entre cambio climático e as desigualdade de xénero. “As mulleres e as nenas, e especialmente en contexto de maior vulnerabilidade, vense máis expostas aos principais consecuencias das crises climáticas. Non podemos falar de emerxencia climática sen ter en conta os seus impactos diferenciados en función do xénero e tampouco podemos deseñar políticas de igualdade sen integrar a dimensión ambiental”, afirmou. Neste contexto, María Dapía, directora do Departamento Aipse, salientou a relevancia deste proxecto Clima-Gen cuxos obxectivos, dixo, están “plenamente aliñados cos desafíos sociais, ambientais e éticos que caracterizan o momento histórico que atravesamos”. Ante estes retos, sinalou, “a reflexión académica é imprescindible”.
Pola súa banda, Francisco X. Aguiar subliñou o feito de que Clima-Gen se lidere desde o Traballo Social. O profesor da UVigo comentou que “o reto da crise medio ambiental que estamos a vivir” pasa por incorporar a perspectiva do traballo social, a perspectiva ecosocial e a de xénero. Por este motivo salientou que o proxecto que están a desenvolver constitúe “un exemplo de compromiso coa sociedade actual”. Por último, Fernando Relinque indicou que como traballadoras e traballadores sociais “é moi improtante estar presentes en todo o que se mova en relación ao cambio climático, que non son só cuestións climáticas, senón que xera moitas consecuencias sociais”. Estas consecuencias sociais, apuntou, non só se producen en casos de emerxencias e desastres naturais xa que, dixo, “hai indicios suficientes de que o cambio climático multiplica a vulnerabilidade social e multiplica as deseigualdades, entre outras a desigualdade de xénero”. Igualmente lembrou a orixe antrópica do cambio climático apuntando a importancia de que desde o traballo social tamén se contribúa a mudar o actual modelo socioeconómico para intentar acadar un maior equilibrio co planeta.
