ASSET conta cun consorcio formado por oito universidades
A UVigo participa nun proxecto europeo que busca adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade e transparencia
Crearán materiais docentes innovadores e unha plataforma internacional de aprendizaxe
Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo ASSET (Accounting for Sustainability, Social and Environmental Transparency), centrado en adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade. A iniciativa, explican desde a súa organización, “pretende contribuír á formación de profesionais con capacidades para integrar a sostibilidade na toma de decisións empresariais, ao tempo que reforza a cooperación internacional entre universidades europeas”.
O proxecto Contabilidade para a Sostibilidade e Transparencia Social e Ambiental, está financiado polo programa Erasmus+ KA2 (Cooperation Partnerships in Higher Education) da Unión Europea. Reúne un consorcio de oito universidades europeas “cunha longa tradición de colaboración na oferta de programas de ensino innovadores sobre contabilidade, finanzas e auditoría”. Concretamente, están a UVigo, Universidade de Urbino (coordinadora), Johannes Kepler University Linz (Austria), ISCAP (Portugal), ISM University of Management and Economics (Lituania), Université Bretagne Sud (Francia), West University of Timișoara (Romanía) e International Hellenic University (Grecia).
Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, liderado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense polo profesor Ernesto López-Valeiras e formado tamén por Roberto Graña e Silvia Ruiz. Sobre participación en ASSET, Ernesto López destaca “a importancia deste tipo de iniciativas para formar profesionais capaces de responder aos retos actuais en materia de sostibilidade e transparencia empresarial, así como para fortalecer a dimensión internacional da nosa universidade”.
Novos desafíos do mercado laboral e da sociedade
Con tres anos de duración, ASSET arrancou en 2023 e está previsto que remate a finais de 2026. A iniciativa, indican as entidades promotoras, xurdiu “da necesidade de adaptar a formación en contabilidade aos novos retos da sostibilidade, especialmente no ámbito da transparencia social e ambiental das empresas”. A súa misión é preparar ao estudantado de contabilidade “para os novos desafíos do mercado laboral, inspiralos cara á cidadanía activa e motivalos a promover un mundo sostible” xa que como futuros profesionais da contabilidade e xerentes de negocios, estes alumnos e alumnas “serán cruciais na promoción do desenvolvemento sostible mediante a promoción dos cambios nas prioridades das empresas, a difusión dunha cultura de sostibilidade nas organizacións e o fomento da implementación de iniciativas ambientais e sociais, mesmo máis aló do cumprimento das leis e regulacións xurisdiccionais”.
O principal obxectivo do proxecto é o desenvolvemento de materiais docentes innovadores e unha plataforma internacional de aprendizaxe, centrados en temas como o reporting ESG, a sostibilidade corporativa ou o control de xestión en contornas emprendedoras. Un dos elementos máis destacados do proxecto, indica o equipo da UVigo participante, son os Intensive Study Programmes, cursos internacionais intensivos nos que alumnado e profesorado traballan en equipos multinacionais empregando metodoloxías prácticas baseadas en estudos de caso. O vindeiro destes cursos celebrarase na Johannes Kepler University of Linz (Austria) en setembro de 2026, e nel participarán cinco estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo co obxectivo de mellorar a súa formación a través da participación nunha actividade internacional deste tipo.
