DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Post-Growth Innovation Lab é un dos socios do proxecto Spark4B+

A UVigo participa nun proxecto europeo que busca construír futuros xustos para a biodiversidade

A través de iniciativas como as que se levarán a cabo en Galicia coas comunidades de montes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/09/2026

O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab é un dos socios do proxecto europeo Spark4B+, que reúne 17 institucións e entidades de nove países co obxectivo de desenvolver ferramentas que permitan “construír futuros xustos e positivos para a biodiversidade”, segundo sinalan os seus promotores. Partindo da idea, subliñan, de que “o actual paradigma socioeconómico orientado ao crecemento impulsa a perda de biodiversidade, o cambio climático e a desigualdade”, o proxecto coordinado pola Universidade de Coventry busca facer “tanxibles e aplicables” paradigmas socioeconómicos alternativos, como o decrecemento, a economía do benestar ou a gobernanza baseada nos ecosistemas. Con ese propósito combinará a investigación con procesos participativos e intervencións piloto, como a que se levará a cabo en Galicia. Esta estará centrada en explorar “como son posibles formas alternativas de xestión dos montes e presentar alternativas ao monocultivo de eucalipto”, explica Mario Pansera, coordinador do Post-Growth Innovation Lab.

“A clave da novidade do proxecto é a idea de explorar iniciativas alternativas impulsadas pola comunidade, para protexer e restaurar a biodiversidade, nunha variedade de contextos”, sinala Pansera, investigador principal da UVigo nunha iniciativa que celebra nestes días na cidade británica de Coventry a súa reunión de lanzamento. Financiado con preto de sete millóns de euros polo programa europeo Horizon, correspondéndolle á UVigo unha achega de 226.500 euros, Spark4B+ reúne 17 universidades e entidades de Reino Unido, España, Hungría, Noruega, Francia, Colombia, Alemaña, Austria e Suecia. 

Xunto a Pansera, as integrantes do Post-Growth Innovation Lab Noortje Keurhorst e Cristina Vázquez integran a representación da UVigo nun proxecto que se estenderá ao longo dos próximos catro anos. Co obxectivo de apoiar a implantación de políticas en materia de biodiversidade e clima, así como no ámbito social, as e os participantes analizarán, desde múltiples enfoques, como facer “cribles e aplicables” os paradigmas económicos alternativos e os marcos de gobernanza para a biodiversidade. Farano ademais apoiándose en “iniciativas de base”, sinala Pansera, que cuestionan “o paradigma dominante –como o desenvolvemento impulsado polo crecemento económico- para restaurar a biodiversidade”. Con ese obxectivo, impulsaranse “laboratorios de transformación” e casos demostrativos en diferentes países europeos e en Colombia. Entre eles, atópase o que o equipo da UVigo porá en marcha xunto coa Fundación Montescola e que afondará no papel que poden xogar as comunidades de montes veciñais en man común en Galicia en materia de restauración da biodiversidade.

Metodoloxías que fagan “tanxibles os futuros alternativos”

Estruturado en diferentes paquetes de traballo, esta investigación buscará, por unha banda, analizar os paradigmas socioeconómicos e os marcos de gobernanza alternativos e ver como estes poden traducirse en vías concretas e aplicables. Este bloque de traballo será coordinado polo Post-Growth Innovation Lab e ten como obxectivo “establecer as bases científicas e intelectuais do proxecto”, sinala Pansera. “A UVigo coordinará unha serie de tarefas que revisarán e sistematizarán o estado da arte sobre conservación da biodiversidade, desde unha diversidade de perspectivas, como, por exemplo, económica, social e ambiental”, subliña. 

Partindo deste marco, o proxecto buscará desenvolver metodoloxías que permitan “facer tanxibles os futuros alternativos”, sinalan os impulsores do proxecto, valéndose de ferramentas como a intelixencia artificial xerativa ou a realidade virtual. Ao mesmo tempo, traballarase na análise e mellora de ferramentas de modelización que permitan representar as interaccións entre biodiversidade, clima, economía e benestar social. 

As diferentes metodoloxías e ferramentas serán empregadas nos “laboratorios demostrativos” do proxecto, dirixidos a pór en práctica “itinerarios de transición”, nun traballo conxunto coas comunidades locais. Estes laboratorios permitirán o impulso de “casos demostrativos” en seis países, centrados ámbitos como o forestal, o agrícola, o educativo, o financeiro, os recursos hídricos ou o desenvolvemento urbano. Así mesmo, entre as accións previstas figuran tamén actividades formativas e divulgativas e iniciativas dirixidas a apoderar persoas que poidan impulsar cambios en diferentes ámbitos e escalas.

O monte galego como caso de estudo

Presentados como “espazos de experimentación social, aprendizaxe colectiva e cocreación”, os laboratorios de transformación levarán á adaptación das ferramentas e metodoloxías a contextos específicos. No caso de Galicia, estará coordinado pola UVigo e Montescola, unha organización “dedicada á conservación e preservación dos montes galegos”, sinala Pansera. Esta iniciativa reunirá comunidades de montes, responsables políticos, organizacións ambientais e outros axentes co propósito de “desenvolver prácticas relevantes cara un futuro socialmente inclusivo e ecoloxicamente sostible no monte galego”, engade. Con esa idea, está prevista a realización de “intervencións demostrativas” xunto cunha rede de comunidades de montes que coordina Montescola, nas que se avaliará “cuantitativa e cualitativamente o impacto socioecolóxico destas prácticas”, apunta o investigador.