DUVI

Diario da Universidade de Vigo

MRV4SOC ten un orzamento de case sete millóns de euros financiado pola UE

A UVigo participa nun proxecto europeo que busca crear ferramentas estandarizadas para cuantificar o carbono orgánico do solo

Con el preténdese fomentar prácticas agrícolas sostibles que melloren a súa captura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 20/03/2026

Desde xuño de 2023, un consorcio de 21 entidades de dez países, entre elas a Universidade de Vigo, desenvolve o proxecto MRV4SOC, que busca crear ferramentas estandarizadas e rigorosas para o seguimento, informe e verificación do carbono orgánico do solo e o balance de gases de efecto invernadoiro no sector terrestre, en liña cos obxectivos da Unión Europea de mitigación do cambio climático. A iniciativa está financiada con case sete millóns de euros polo programa Horizon Europe da UE. 

Monitoring, Reporting and Verification of Soil Organic Carbon and Greenhouse Gas Balance está coordinado desde España por GMV Aerospace and Defence SA e nel participan universidades, empresas privadas, unha fundación e centros de investigación. Da Universidade de Vigo está un equipo da Área de Edafoloxía e Química Agrícola do campus de Ourense, pertencente ao grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1), do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) e Campus Auga, estando liderado desde a Facultade de Ciencias pola investigadora Paula Pérez. “Xa levamos moitos anos estudando prácticas agrícolas sostibles e a participación neste proxecto potencia aínda máis a nosa liña de investigación relacionada co papel do solo como sumidoiro de carbono”, comenta Paula Pérez.

Potenciar o papel dos solos como sumidoiros de carbono

O solo, explican desde MRV4SOC, é o maior depósito de carbono terrestre e a súa capacidade de 'secuestralo', de almacenalo, é clave para mitigar o cambio climático e lograr a neutralidade climática. “O solo, se se manexa axeitadamente, pode almacenar máis carbono da atmosfera do que emite, actuando como sumidoiro del. Desafortunadamente, o cambio climático e as presións socioeconómicas teñen contribuído á degradación do solo e á perda de biomasa, reducindo en última instancia a súa capacidade de sumidoiro”, advirten. O resultado é un aumento nas concentracións atmosféricas de gases de efecto invernadoiro e riscos para a produción de alimentos.

As prácticas sostibles de xestión agrícola, comentan desde o proxecto, poden potenciar este papel dos solos como sumidoiros. Deste xeito xorde a necesidade de conseguir monitorizar os cambios de carbono orgánico do solo baixo diferentes prácticas de xestión e usos do solo e escenarios de cambio climático e establecer metodoloxías estandarizadas, transparentes e escalables para cuantificar os efectos das prácticas agrícolas sobre o almacenamento de carbono. Esta verificación rigorosa, lembran, é requirida polos mercados de carbono, mercados creados co fin de compensar con incentivos económicos aos agricultores que realizan prácticas sostibles que permiten almacenar máis carbono. Cada tonelada de carbono almacenada no solo por hectárea de superficie equivale nese mercado a un crédito que é vendido a empresas/entidades que queiran compensar as emisións de carbono que realizan coa súa actividade. 

Neste contexto de traballo, os obxectivos principais de MRV4SOC son medir a acumulación a longo prazo de carbono orgánico no solo en nove clases representativas de usos do solo/cubertas de solo na Unión Europea, seleccionados tendo en conta a variabilidade climática e socioeconómica da UE; avaliar como as prácticas de “carbon farming” (xestión agrícola/gandeira orientada ao almacenamento de carbono) impulsan a dinámica de fluxos de carbono nesas clases representativas; e avaliar o impacto do cambio climático na acumulación deste carbono. Tamén se propón desenvolver un sistema MRV, de seguimento, informe e verificación (monitoring, reporting & verification), “robusto, transparente, estandarizado e rendible”, que poida facilitar pagos baseados en resultados para prácticas agrícolas que aumenten este carbono no solo e aumentar a confianza das partes interesadas nos mercados voluntarios de carbono. Para acadar estes obxectivos, o proxecto utiliza tecnoloxías de vangarda, como espectrometría, satélites e drons, para obter datos fiables sobre a captura de carbono e as emisións de gases de efecto invernadoiro vinculadas ao uso do solo. Os datos obtidos in situ e mediante teledetección utilízanse no proxecto para desenvolver modelos xeoestadísticos e baseados en procesos en 15 sitios de demostración que abarcan as citadas nove clases de uso e cobertura do solo.

Datos, metodoloxías e ferramentas

Entre os resultados agardados do proxecto MRV4SOC están un marco metodolóxico de nivel Tier 3 (o máis detallado nas directrices de Inventarios de Gases de Efecto Invernadoiro) que permita estimar cambios en múltiples reservas de carbono (biomasa sobre e baixo terra, follada, madeira morta, etc.); datos harmonizados de alta calidade (in situ e mediante teledetección) nos 15 sitios de demostración; e ferramentas e directrices para a implementación de esquemas de MRV estandarizados no sector agrario/uso do solo, que faciliten a certificación de créditos de carbono na agricultura. Tamén se agarda a identificación de prácticas agrícolas de ‘carbon farming’ eficaces e o seu impacto cuantificado no almacenamento de carbono do solo e o aumento da confianza dos mercados voluntarios de carbono na agricultura como fonte lexítima de remoción de carbono. 

A creación deste marco MRV permitiría, tal e como explican desde o proxecto, tanto a agricultores como a lexisladores e mercados de carbono traballar con datos fiables, o cal favorecería a transferencia de coñecemento, o financiamento baseado en resultados e unha agricultura máis sostible. “No contexto da política da UE cara a neutralidade climática e o Pacto Verde, o proxecto apoia a transición cara sistemas agrícolas resilientes, que protexan e melloren a saúde do solo e contribúan ao obxectivo de emisións netas cero”, afirman.

A participación da UVigo en MRV4SOC céntrase en levar a cabo actividades de clustering e sinerxías con outros proxectos europeos financiados polo programa Horizon Europe participados ou liderado polo mesmo grupo da UVigo, como son InBestSoil, BIOservicES e AGROSUS. Así, detalla Paula Pérez, “a nosa participación neste proxecto xorde a partir da nosa implicación en InBestSoil, no que se estuda como valorizar economicamente os servizos ecosistémicos que proporciona o solo, ademais da produción de alimentos”. En MRV4SOC, apunta, “a nosa función é establecer sinerxías con outros proxectos que buscan dalgunha forma pór en valor o que o solo nos achega e tamén poñer en valor a forma de facelo”. Tamén traballan na avaliación de como pode afectar a implantación desta agricultura do carbono ás distintas partes interesadas ou como outros factores, por exemplo o tamaño das explotacións agrícolas, a localización ou as políticas agrarias, poden influír nesta implantación. Nesta liña de acción, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu a pasada semana a celebración dun focus group, que se replica en diferentes zonas europeas, no que se debateu sobre o impacto socioeconómico que podería ter a implementación da agricultura do carbono entre as distintas partes interesadas (agricultores, intermediarios, compradores/vendedores) en Galicia.