DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Agrobioloxía Ambiental colabora en Root2Res cunha vintena de socios de 13 países

A UVigo participa nun proxecto europeo que estuda a resiliencia das raíces dos cultivos agrícolas máis importantes fronte ao cambio climático

A investigación tamén se centra en posibles cultivos emerxentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/10/2022

Ao longo de cinco anos, investigadoras e investigadores do grupo de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solo e plantas da UVigo, con Adela Sánchez Moreiras como investigadora principal (IP) do proxecto, participarán no proxecto Horizonte Europa, Root2Res co obxectivo de estudar a capacidade de resiliencia das raíces dos cultivos agrícolas máis importantes, así como posibles cultivos emerxentes, fronte ao cambio climático. “A ameaza do cambio climático vai aumentar en frecuencia e intensidade no futuro e, non obstante, temos moi pouco coñecemento das súas consecuencias na produción dos cultivos, por iso, proxectos como este son fundamentais no momento actual”, explica a IP da UVigo en Root2Res, no que participan 22 socios de 13 países, coordinados polo Arvalis Institut du Vegetal de Francia. Oito millóns de euros é o orzamento total de Root phenotyping and genetic improvement for rotational crops resilient to environmental change (Root2Res), dos que 172.829 corresponden á Universidade de Vigo, que xunto ao Institut de Recerca i Tecnologia Agrolimentaries, o Neiker-Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario e Feuga, integran a representación de institucións españolas no proxecto.

Procurando solucións desde a raíz

“O proxecto céntrase xustamente no estudo das raíces, esa parte oculta e moitas veces esquecida das plantas pero que xoga un papel fundamental na adaptación da planta ao medio e que pode ter a clave para a adaptación dos cultivos ao cambio climático”, explica Adela Sánchez. A docente e investigadora do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo da UVigo sinala que, “cando falamos de raíces non falamos unicamente delas como parte orgánica da planta, senón de todo o que rodea ás mesmas, como é a rizosfera e en definitiva o solo como medio físico pero tamén como medio biótico”. Trátase, en definitiva, como asegura a IP do proxecto na UVigo de mudar a perspectiva e deixar de centrarse unicamente na parte aérea da planta, como ocorre nas últimas décadas na agricultura convencional, e poñer o foco no solo e todo o que iso implica.

No proxecto europeo, que se centra principalmente, naquelas plantacións anuais que son cultivadas en sistemas rotacionais, o equipo de UVigo ocuparase principalmente de facer parte do estudo microscópico do fenotipo radicular nos distintos cultivos fronte a diferentes factores bióticos e abióticos. “Fundamentalmente, tamén nos encargaremos do estudo metabolómico das devanditas raíces, é dicir, analizar e determinar que metabolitos presentes nas raíces son os que teñen un papel clave para que ese cultivo sexa máis ou menos resiliente fronte ao cambio climático”, detalla.

O grupo de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solo e plantas da UVigo xa conta con experiencia no estudo da resposta das plantas ao estrés, “de feito a miña primeira tese dirixida estaba centrada precisamente na resposta temperá das plantas a distintos tipos de estrés relacionados co cambio climático, e está próxima a lerse outra coa mesma temática dirixida por Manuel Reigosa e eu mesma”, explica Sánchez Moreiras. O grupo de investigación conta ademais con experiencia na análise metabolómica, “grazas á nosa longa colaboración co profesor Frabrizio Araniti da Universidade de Milán en Italia. No que non tiñamos tanta experiencia era nos cultivos rotacionais, aínda que en traballos anteriores colaboramos coa profesora Mercedes Verdeguer da Universidade Politécnica de Valencia, que si tiña experiencia neste tipo de cultivos e dela puidemos aprender tamén moito”, confirma a investigadora.

Novas colaboracións e fortalecemento dunha liña de investigación

Para o grupo de Agrobioloxía Ambiental Root2Res supón a primeira colaboración co 99% dos socios que participan neste proxecto europeo ao que chegaron da man de FEUGA, que os puxo en contacto co IP do Arvalis Institut du Vegetal de Francia, coordinador da investigación. “Máis tarde, a través de nós entrou tamén un grupo esloveno co que xa tiñamos relación, pois son o grupo IP doutro proxecto europeo no que participamos desde 2018”, sinala a docente e investigadora da UVigo.
Con Root2Res, que bota a andar este mes de setembro e finalizará en 2027, o grupo de investigación da UVigo, considera a súa IP, poderá “fortalecer unha liña en desenvolvemento, que é o estudo do impacto do cambio climático nos sistemas agrícolas, e ao mesmo tempo fortalecer a vertente da internacionalización que é a mellor vía para avanzar na investigación”, sinala Adela Sánchez.