DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Awaves reúne entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda

A UVigo participa nun proxecto internacional de promoción do turismo sostible baseado no patrimonio marítimo

Financiado pola convocatoria Interreg Atlantic Area

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 30/06/2026

Este martes no edificio administrativo da Deputación de Pontevedra tivo lugar a primeira reunión presencial do consorcio do proxecto europeo Awaves (Atlantic Waves for Advancing Visionary, Equitable and Sustainable Tourism and Heritage). Esta iniciativa, liderada pola institución provincial e financiada polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo Feder da Unión Europea, reúne entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda, entre elas a Universidade de Vigo, “para transformar o patrimonio marítimo nun recurso estratéxico que promova un turismo máis sostible e rexenerativo na costa atlántica”.

Cooperación atlántica

O proxecto comezou a finais de 2025, durará 30 meses e dispón dun orzamento total de 1,7 millóns de euros. A participación da UVigo nel está encabezada pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense María Isabel Doval, do grupo de investigación Historia Contemporánea 1. A primeira reunión da iniciativa contou este martes coa participación dos socios: Deputación de Pontevedra, Bretagne Culture Diversité (Francia), ERNACT (Irlanda), Agência para o Desenvolvimento da Cultura nos Açores, Câmara Municipal de Viana do Castelo, Universidade de Vigo e Centro de Computação Gráfica e Radio Boa (Francia).

Na apertura da xornada, o deputado pontevedrés de Fondos Europeos, Javier Tourís, sinalou que esta primeira reunión “supón un paso decisivo para consolidar a cooperación atlántica arredor dun patrimonio que é un sinal de identidade das nosas comunidades costeiras”, a través dun programa que se desenvolverá ata 2028 co fin de preservar, valorizar e difundir o patrimonio marítimo material e inmaterial do Arco Atlántico. Tamén destacou que Awaves busca fortalecer a conexión entre xeracións e impulsar novas oportunidades para as comunidades costeiras. 

Diferentes propostas

Entre as principais actuacións de Awaves figuran a creación dunha cartografía colaborativa do patrimonio mariñeiro, o desenvolvemento de espazos culturais vivos, rutas sensoriais e experiencias inmersivas, así como actividades para a infancia. A través delas búscase responder a desafíos compartidos polas rexións atlánticas, como a perda do patrimonio mariñeiro, o afastamento da cultura mariñeira entre as novas xeracións e a necesidade de avanzar cara a un modelo máis sostible. O proxecto promoverá a recuperación do coñecemento tradicional, a dixitalización do patrimonio, a participación cidadá e o desenvolvemento de novas experiencias culturais que reforcen a identidade marítima e impulsen a economía azul.

Na xornada celebrada este martes presentáronse os casos piloto que desenvolverán nos seus territorios os socios e a metodoloxía que permitirá construír unha rede atlántica de coñecemento arredor do patrimonio do mar. No marco da reunión, entre o martes e o mércores o grupo tamén realizará visitas técnicas ao Centro de Investigación Mariña Nautilus e ao buque histórico de vapor, no Porto de Vigo, e a Carril e a illa de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa.