Financiado polo programa europeo Erasmus+ con 400.000 euros
A UVigo participa nun proxecto que impulsa a transformación dixital da educación superior nos Balcáns Occidentais
Participan socios de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina
A Universidade de Vigo participa como socia no proxecto europeo Reliable, unha iniciativa internacional financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea que reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina co obxectivo de modernizar os sistemas de educación superior dos Balcáns Occidentais mediante a integración da intelixencia artificial (IA) no ensino, na aprendizaxe e nos procesos institucionais.
A participación da UVigo está coordinada polo catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín Llamas, do centro de investigación atlanTTic, que forma parte do equipo xunto cos profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte. Ao longo dos dous anos de duración da iniciativa está prevista, ademais, a incorporación de novo persoal investigador.
Cun orzamento de 400.000 euros, Reliable está coordinado pola Universidade Internacional de Travnik, en Bosnia e Herzegovina, onde xa se celebrou a reunión de lanzamento. O consorcio complétano o Instituto Politécnico do Porto, a Universidade de Vigo, a Fachhochschule des Mittelstandes (FHM) de Alemaña, a Universidade Mediteran Podgorica e a Adriatic University Bar de Montenegro, así como o Banja Luka College de Bosnia e Herzegovina.
Unha aposta pola transformación da educación superior mediante a IA
Reliable nace para dar resposta aos retos que afrontan numerosas institucións de educación superior dos Balcáns Occidentais, entre eles o predominio de metodoloxías docentes tradicionais, as limitacións das infraestruturas dixitais e o desaxuste entre a formación universitaria e as necesidades do mercado laboral.
Neste contexto, o proxecto aposta pola intelixencia artificial como ferramenta para avanzar cara a unha educación superior máis personalizada, eficiente e adaptada ás necesidades do estudantado. Entre os seus obxectivos figuran o desenvolvemento de sistemas de aprendizaxe baseados en IA, a mellora das competencias dixitais do profesorado universitario, a creación de contornas de aprendizaxe adaptativas e o reforzo da conexión entre universidade e mercado laboral.
Xuntanza en Vigo no mes de decembro
A Universidade de Vigo desempeña un dobre papel dentro do proxecto. Por unha banda, o equipo coordinado por Martín Llamas é o responsable dunha das accións formativas internacionais, centrada na avaliación con IA, que terá lugar no campus de Vigo o vindeiro mes de decembro. Pola outra, encárgase do desenvolvemento da plataforma en liña que dará soporte á formación do profesorado das universidades balcánicas no uso destas ferramentas aplicadas á docencia.
"O noso obxectivo é explorar como a IA pode apoiar a avaliación e a retroalimentación no proceso educativo, sen perder o papel central do profesorado", explica Manuel Caeiro. Para iso empregarán iBeA, a evolución da plataforma BeA, desenvolvida na Universidade de Vigo para apoiar a avaliación de exames en papel. "A nova versión incorpora funcionalidades de intelixencia artificial xerativa que permiten automatizar parte da avaliación e xerar propostas de retroalimentación para o estudantado", engade.
Formación internacional e transferencia de coñecemento
O proxecto inclúe tres accións formativas internacionais dirixidas ao profesorado das institucións participantes. A primeira celebrouse na Fachhochschule des Mittelstandes (FHM), en Bielefeld (Alemaña), e estivo centrada en ferramentas de apoio pedagóxico ao estudantado. A segunda será a de Vigo en decembro e abordará a avaliación con IA e a aplicación de ferramentas como iBeA. "Este tipo de iniciativas permiten compartir coñecemento e asegurar que a innovación tecnolóxica chegue realmente ás aulas e ao profesorado", destaca Caeiro.
A terceira sesión formativa terá lugar no Instituto Politécnico do Porto e centrarase no uso da intelixencia artificial como apoio ao labor docente desde unha perspectiva pedagóxica e administrativa.
Unha vez completadas estas actividades, o profesorado participante trasladará os coñecementos adquiridos ás súas respectivas institucións, contribuíndo así a impulsar a transformación dixital da educación superior nos Balcáns Occidentais.
