DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase en Eslovenia da man da Universidade de Maribor e o consorcio ATHENA

A UVigo participa nun simposio internacional sobre a integración da I+D, o ensino e a innovación nas alianzas universitarias europeas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • ATHENA
  • Internacional
  • Institucional
DUVI 19/09/2025

A Unión Europea puxo en marcha hai cinco anos a European University Initiative, un programa que tiña como obxectivo xerar alianzas entre institucións académicas de educación superior de diferentes países para crear universidades europeas. Este proceso de integración universitaria implica unha gran cantidade de retos e desafíos derivados da diversidade que caracteriza ao Espazo Europeo de Educación Superior. Para debater posibles vías de colaboración e solucións, este venres e sábado celébrase na cidade de Maribor o congreso Integration of Research, Teaching and Innovation in a European University Campus – Why, How and When, no que participa a Universidade de Vigo. As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Internacionalización, Maribel del Pozo, asisten a este evento que comprende conferencias e sesións de networking, así como o acto de celebración do 50º aniversario da Universidade de Maribor.

Durante este lustro de vida da European University Initiative o número de alianzas universitarias europeas creceu ata 65 con cofinanciación da Unión Europea, unha con cofinanciación anterior e 13 máis con solicitudes cualitativas sen cofinanciación, entre elas ATHENA, a universidade europea da que forma parte a UVigo xunto con institución doutros nove países (Portugal, Grecia, Eslovenia, Francia, Polonia, Italia, Alemaña, Lituania e Ucraína).

O reto da integración

Ao longo das dúas xornadas de duración deste simposio, os representantes académicos debaten sobre a integración da investigación, o ensino e a innovación no proceso de creación destas alianzas europeas de educación. Como explican dende a organización do simposio, a creación destes consorcios supranacionais atopouse con múltiples retos durante o seu desenvolvemento, derivados principalmente da diversidade do Espazo Europeo de Educación Superior. E é que esta diversidade é considera como unha vantaxe, “tamén plantexa moitos desafíos”, sobre todo no ámbito dos programas de estudos conxuntos e a mobilidade do persoal e o estudantado. Por este motivo, esta xuntanza pon o foco na harmonización do Espazo Europeo de Investigación e o Espazo de Educación Superior para non perder terreo na competencia con outras áreas de investigación e educación superior do mundo.