DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do Green Campus, é unha das 16 universidades participantes no ‘Reto 30 días en bici’

A UVigo participa nunha competición que convida a sumar quilómetros sobre a bicicleta

Unha app rexistra as distancias percorridas pola comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/04/2021

A Universidade de Vigo participa por primeira vez, ao longo deste mes de abril, no Reto 30 días en bici, unha iniciativa impulsada pola empresa Ciclogreen e dirixida a promover unha mobilidade sostible a través dunha competición na que participan 16 universidades españolas e máis dunha trintena de empresas e organizacións. Ao longo deste mes, as e os integrantes da comunidade universitaria poden rexistrar na aplicación móbil de Ciclogreen os quilómetros percorridos en bicicleta, que se irán sumando ao perfil da UVigo no ránking de universidades desta iniciativa, na que, como destaca a empresa promotora, “as organizacións participantes compiten por ser a máis sostible mentres reducen a súa pegada de carbono”.

Aberto a participación de todo o alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, a incorporación da UVigo no Reto 30 días en bici foi impulsada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, no marco das accións do programa Green Campus. “Se incrementamos o uso da bicicleta en lugar do coche estamos reducindo a cantidade de CO2 emitido, fomentamos un hábito saudable e axudamos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable relacionados co cambio climático e a sustentabilidade de cidades e comunidades. Todo iso é educación ambiental, o eixo do programa Green Campus”, salienta o seu director, Carlos Souto. Dirixido a fomentar que a comunidade universitaria se desprace ás facultades e escolas en bicicleta, a participación neste reto está aberta aos tres campus da institución académica, aínda que como recoñece Souto, pode resultar de maior interese no caso do campus de Ourense ou Pontevedra. No referido a este último, o director do Green Campus e Campus Crea pon de relevo que, dada a súa situación “moi preto do resto da cidade, pode participar activamente no proxecto e promocionar o uso da bicicleta e do carril bici que temos en todo o campus”.

Participación a través dunha app

As as e os integrantes da comunidade universitaria que queiran sumarse este reto deberán descargar a aplicación de Ciclogreen e inscribirse seleccionando a Universidade de Vigo no apartado de organizacións e empregando o código uvigowin. A partir de aí, poderán ir rexistrando  na app os desprazamentos que realicen en bicicleta, podendo visualizar nos seus perfís tanto “as métricas dos seus desprazamentos” como “canto CO2 están evitando emitir á atmosfera grazas ao uso da bicicleta”, segundo explica a empresa organizadora. Á súa vez, os quilómetros que percorran sumaranse ao perfil da Universidade no ránking que pode consultarse na web desta iniciativa, que se estenderá ata o 30 de abril.

O Reto 30 días en bici busca así mesmo fomentar a mobilidade sostible a través da "gamificación", de tal xeito que as e os participantes irán acumulando "ciclos”, puntos por cada quilómetro que percorran, “de tal maneira que se establece un mínimo para poder superar o reto” e aqueles e aquelas que o consigan “entrarán no sorteo de premios e regalos sustentables”, segundo informou a empresa organizadora.

48 entidades participantes

Na presente edición deste reto participan 48 organizacións, entre as que figuran 24 empresas, 16 universidades e oito institucións e entidades públicas de diferentes puntos de España. O seu obxectivo, sinala Ciclogreen, é fomentar o uso da bicicleta nos desprazamentos aos centros de traballo ou académicos, á vez que pór en valor unha alternativa de transporte que “xera cero emisións, non produce contaminación acústica” e poden constituír unha “solución fronte aos problemas de mobilidade das cidades”.

Na súa anterior edición, rexistráronse no marco deste reto preto de 177.000 quilómetros percorridos en bicicleta, que supuxeron, segundo a a organización, a non emisión á atmosfera de máis de 41 toneladas de CO2.