DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado pola UDC, no proxecto participa o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Rolán

A UVigo participa nunha investigación sobre o impacto da intelixencia artificial no sector dos seguros

Financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/07/2025

Un equipo interdisciplinar conformado por quince expertos e expertas de diferentes universidades, entre os que se atopa o profesor da Facultade de Comunicación da UVigo Xabier Martínez Rolán, participa nun proxecto dirixido a analizar o impacto da intelixencia artificial no sector asegurador. Liderado polos catedráticos da Universidade da Coruña (UDC) Rafael Outeiro e María do Rocío Quintáns, trátase dunha investigación financiada pola convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023 do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. 

De tres anos de duración, o proxecto Intelixencia artificial na comercialización de seguros: desafíos de transparencia, gobernanza e supervisión reúne investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos do dereito –civil, mercantil, constitucional, internacional ou administrativo- xunto con expertos e expertas de eidos como a informática, a economía, a socioloxía ou a comunicacion. 

Diferentes liñas de análise

O obxectivo central deste proxecto é analizar o profundo impacto que a intelixencia artificial está a ter no mercado asegurador, identificando tanto as súas oportunidades, como os retos xurídicos, éticos e sociais que supón. O estudo abordará cuestións como a protección das persoas consumidoras, a transparencia informativa na contratación ou a necesidade de adaptar os actuais modelos de gobernanza e supervisión do sector. 

Entre outros aspectos, prestará atención ao efecto das tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial aplicadas á oferta, subscrición e xestión de seguros en colectivos vulnerables, así como se este tipo de ferramentas están a dar lugar a novos modelos de comercialización de seguros. Do mesmo xeito, apunta Martínez Rolán, outra das liñas de análise é o estudo de como ferramentas como “os chatbots poden axudar ao usuario a entender mellor os produtos”, un dos eixes do traballo que desenvolve este integrante do grupo Sepcom, que destaca o carácter “transversal e interdisciplinar” dun proxecto do que é tamén o responsable do paquete de traballo de comunicación.

Martínez Rolán participaba recentemente na Facultade de Dereito da UDC, nunha xornada formativa e de presentación deste proxecto, na que impartiu un relatorio sobre as aplicacións no proceso investigador da intelixencia artificial xerativa, aquela que crea contido orixinal de forma autónoma a partir de patróns aprendidos de grandes volumes de datos. Centrada en reflexionar sobre o impacto da intelixencia artificial xerativa no ámbito xurídico, esta xornada contou tamén coa intervención do investigador da Universitat Autónoma de Barcelona Santiago Robert Guillén.

Uso destas ferramentas por parte das principais aseguradoras

No marco deste proxecto, o investigador da UVigo desenvolveu un estudo sobre a implantación de ferramentas baseadas en intelixencia artificial xerativa, como asistentes virtuais ou chatbots, por parte das dez compañías aseguradoras con maior cota de mercado en España. Os resultados deste traballo, presentados recentemente nun congreso en Brasil, amosan unha “adopción limitada” deste tipo de ferramentas, xa que só tres das entidades analizadas, Mapfre, Mutua Madrileña e Axa, “ofrecen interfaces conversacionais automatizadas visibles e accesibles directamente” desde as webs corporativas, “sen necesidade de autenticación avanzada”. Do mesmo xeito, os resultados deste traballo mostran tamén que, coa excepción do asistente virtual da Mutua, “o nivel de sofisticación” destas ferramentas é, “en termos xerais, limitado”, xa que estes asistentes “operan principalmente como canles de redirección, proporcionando respostas a preguntas frecuentes e guiando o usuario cara seccións relevantes” dos portais corporativos.