DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co 80 aniversario da Universidade Maria Curie-Sklodowska de Lublin

A UVigo participa en Polonia nunha nova xuntanza das universidades socias de ATHENA

Desprazáronse á reunión as vicerreitoras de Internacionalización e Investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • ATHENA
  • HRS4R
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/10/2024

As vicerreitoras de Internacionalización, Maribel del Pozo, e de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, participan esta semana en Polonia nunha nova xuntanza das universidades socias do consorcio europeo ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance). Baixo o lema A innovación é unha muller, a reunión celébrase na cidade de Lublin, coincidindo co 80 aniversario da Universidade Maria Curie-Sklodowska, unha das dez institucións de ensino superior que forman parte desta alianza. 

Coa participación de destacadas personalidades do ámbito empresarial, científico e educativo, a apertura oficial da xuntanza tivo lugar onte luns e contou coa participación da ministra polaca de Educación, Barbara Nowacka. A partires de aí despregouse un amplo programa de actividades, entre elas, unha mesa redonda sobre a asociación estratéxica na cooperación internacional de universidades que contou coa participación da vicerreitora viguesa Maribel del Pozo.

Renovación dos grupos de traballo e cambio de liderado

Aproveitando a xuntanza, o Comité Executivo de ATHENA debateu sobre o futuro da alianza e, nesta liña, incluíronse como temas clave a formalización dos novos principios de gobernanza e a renovación dos diferentes grupos de traballo, responsables de impulsar as iniciativas estratéxicas da alianza. Nesta liña, asinouse tamén un novo acordo do consorcio, que, segundo se indicou, reforza “aínda máis”, a dedicación a ofrecer unha educación internacional innovadora e de alta calidade. Trátase, segundo indicaron as persoas participantes, de garantir que os obxectivos de ATHENA se aliñen coas necesidades europeas, permitindo que o alumnado e o persoal universitario se  beneficie das mellores oportunidades educativas.

Durante o evento, que se prolongará ata este serán, produciuse tamén un importante cambio de liderado, xa que a Universidade de Maribor (Eslovenia) asumiu oficialmente a presidencia. O reitor Zdravko Kačič ten agora a responsabilidade de dirixir o consorcio na súa seguinte fase de desenvolvemento.